Listado de la etiqueta: libraría_paz

Onte 2095: Librarías da memoria e da vida

Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.

Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….

Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.

Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos;  a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante;  a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …

Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.

Onte 1773: Samaín dos libros

A presentación da nova edición de Bala Perdida, a primeira novela de Manuel Rivas para público novo, coincidiu co Samaín dos Libros no que a editorial participou onte na FNAC da Coruña e na Libraría Paz de Pontevedra. Unha nova xornada a incluír no calendario do libro e da lectura para celebrar textos como estes de Manuel Rivas e Ledicia Costas.

XG00255401Na presentación da Coruña o actor e director Lino Braxe e a actriz Manuela Varela, membros do cadro que levou a escena a novela do pirata Bala Perdida, interpretaron un pequeno fragmento da obra. Con anterioridade Manuel Rivas leu un par de capítulos e, antes de comezar a longa sesión de alicientes, comentou cales foron as razóns que o levaron hai case vinte anos a escribir esta súa novela para os mozos e mozas. «Quixen ofrecer unha novela que explicase de que están feitos os tesouros. Moitas veces descoñecemos que nalgúns casos os tesouros están feitos de moita dor e sufrimento, da escravitude e da suor de moitas persoas. No caso que se conta en Bala Perdida os tesouros están feitos do pesadelo que para a humanidade supuxo o nazismo e toda a súa maldade. A historia de Bala Perdida permite confrontarnos con ese lado tan escuro da condición humana, máis tamén coa ledicia da tripulación do Liberdade e deses risos dos que tamén está feita a materia humana. Pensei que malo sería que non gañase a materia da liberdade».

Onte 1713: A importancia dos detalles

As_horas_roubadas_Libraria_paz_30-06-2016

Manel Loureiro presentou onte As horas roubadas de María Solar na Libraría Paz de Pontevedra. O escritor pontevedrés, cuxas novelas están publicadas en trinta países, confesou que moito gozara lendo nunha “novela que coida moito os detalles, esas cuestións que dan cor ás narracións e son capaces de atrapar ao lector”. O autor de Fulgor salientou, despois, que “María Solar consigue trasladar a súa historia a un momento moi recoñecible, o de finais dos anos setenta, aquel dos sofás de escai e das televisións de cornos, o que constitúe un risco importante, xa que un pasado recoñecible e cercano convida ao lector a xogar coa súa memoria”. Rematou convidando de forma entusiasta á lectura d´As horas roubadas e abeizoando a autora pola súa capacidade por crear personaxes tan recoñecibles e, sobre todo, por ofrecer unha boa historia, o máis importante en calquera novela”.

Onte 1303: Represión silenciosa

XG00214401Na presentación da libraría Paz de Pontevedra de Medo politico e control social na retagarda franquista, o libro de Lucio Martínez Pereda, debateuse sobre a conveniencia de utilizar a terminoloxía de «represión quente» e «represión fría», ou «represión dura» e «represión branda» para diferenciar as dúas estratexias utilizadas tras o levantamento do 18 de xullo. Xaora, o autor explicou as características da que denominou tamén como «represión silenciosa»: «un repertorio represivo de caligrafía fina, distinto ao dos paseos e execucións.» «Unha represión que servía de mecanismo de presión, capaz de asentar o poder sobre bases que garantían unha longa duración, presionando coma unha amenaza constante. Unha dosificación dos temores alongada no tempo.» «O medo así creado tiña dúas caras. Por unha banda rendabilizaba ao máximo os mecanismos represivos e por otra creaba adhesión entre a poboación potencialmente indiferente.» «Ambas as dúas represións, tanto unha coma outra foron desproporcionadas á resistencia atopada.»

656: En Pontevedra coa «Causa Lueiro»

A presentación en Pontevedra do libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey concitou grande interese. Como sucedera o sábado no Grove a libraría Paz quedou pequena para acoller aso asistentes nun acto no que se lembrou en repetidas ocasións a relacións de Lueiro coa cidade de Pontevedra, na que traballou como funcionario de Facenda.

Foi Ramón Nicolás, o coordinador do volume, quen primeiro lembrou este vínculo afectivo de Lueiro coa cidade de Lérez retratado en artigos inesquecibles en Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Tras a lectura de varios fragmentos dun deses artigos, Nicolás rematou as súas palabras lendo un texto autobiográfico de tres páxinas preparado por Lueiro nos anos oitenta. Uns minutos de intensa emoción prolongada por un aplauso moi longo.

Despois interviu Luís Cochón que leu o texto titulado «Lueiro na crista do galo», onde gabou a importancia da figura literaria do autor d’ O sol na crista do galo e a súa dimensión humana. Rematou Cochón con estas fermosas palabras: «Meu amigo era un home de ben, de peso, ponderado, honrado por demais, entregado á amizade da xente boa do seu tempo, e á boa xente nova que tanto lle quixemos. Manolo Lueiro pasounos o testigo da vella lexitimidade dos homes de ben da República. Canto de valor sucede na humana condición. Soubo estar sempre por riba das circunstancias, no nivel de excelencia que para el comportaba o feito de ser persoa. Cando nun individuo se dan excelencia da persoa e supremacía da palabra: o home íntegro, e a creación admirable que nos deixou en herdo, non se pode pedir máis. Convén que se saiba e que o saiban nesta terra que foi a súa».

A próxima parada da »Causa Lueiro» será en Fornelos de Montes, o berce natal de Lueiro, no mes de xullo, en data aínda por derterminar, onde se presentará este libro dos amigos que tanta emoción e intererese está suscitando.