Listado de la etiqueta: josep_guardiola

Onte 1622: Adéu, Johan

Adeu-Johan-Cruyff-estimar-futbol_1547255349_28037002_651x366

Para a miña xeración Joan Cruyff é o primeiro xenio do fútbol que vimos no estadio de Balaídos e nas pantallas de televisión no período de transición entre o branco e negro e a cor. Johan foi, xunto ao meu admiradísimo George Best, cabezaleiro dos futbolistas melenudos, a xeración ye-ye dacabalo das décadas de 1960 e 1970. Coa morte de Johan desaparece o mellor futboleiro da historia, tanto pola súa traxectoria como xogador de fútbol total, capaz de nun mesmo partido de xogar de líbero e despois de rematador, coma pola de adestrador do fútbol dell’ arte, forxado durante seis tempadas inesquecibles no banco do Barça.

Como xogador non obtivo todos os títulos que merecía o seu talento, protagonizando co seu 14 da Laranxa Mecánica algunhas das derrotas máis xenuinamente vitoriosas da historia do fútbol, como a da final do mundial 74 fronte a Alemaña ou aqueloutra motivada pola súa ausencia no mundial do 78 celebrado durante a ditadura de Videla. Como adestrador do Barça abriu a técnica do rondo como alicerce do xogo da serpe, que dende entón interpretou o Barça e que desenvolveu a escola dos seus discípulos Guardiola, Eusebio e Luís Enrique. O fútbol de Johan baséase na sinxeleza da constante circulación do balón, e polo tanto das ideas, no xogo ao primeiro toque, o que é o mesmo que dicir sen dúbidas, coa intención de crear a superioridade que facilite o instante decisivo.

Johan concibiu o fútbol como unha actividade máis cerebral ca física. O fútbol é un deporte no que durante 90 minutos e sobre un espazo acoutado dous cadros se disputan a posesión dunha pelota utilizando a cabeza e os pés. Unha confrontación na que os participantes deben correr o suficiente para estar en cada momento no lugar axeitado. Non hai outras limitacións para a creatividade e orixinalidade dos seus intérpretes que procuran a beleza e a vitoria. Eis a clave para que este xogo sinxelo sexa tamén precioso, mesmo unha manifestación das belas artes sobre a lameira.

Entre as moitas frases memorables de Cruyff sobre o xogo, unha das que mellor recolle a súa filosofía é aquela na que afirmaba que quería «xogadores que poidan facer movementos decisivos en espazos pequenos, que traballen o menos posible para aforrra enerxía de cara a esa acción positiva». Unha boa lección, tamén para a vida e para todo o planeta: economicemos as enerxías e os recursos, que sempre serán escasos, para poder dispoñer deles no momento fulcral. Un xenio! Adéu, Johán, adeus, amigo!

Onte 947: O rostro da derrota

GRA108-BARCELONA-22-03-2014-El_54403951529_51351706917_600_226Tata Martino amosou onte a dignidade do perdedor. Nunha situación moi adversa asumiu a dor dunha derrota sen paliativos, recoñecendo que o seu equipo foi inferior ao Real, tanto táctica coma fisicamente. Tras a marcha de Josep Guardiola, o Barça pechou unha etapa gloriosa de xogo e vitorias e Tito Vilanova e Tata Martino afrontaron con profesionalidade a tarefa de xestionar as derrotas, afacendo aos culés, outra vez, ao vieiro das decepcións, que sempre formaron parte da súa identidade. Onte nin sequera os meus admirados Iniesta, Xavi, Cesc, Busquets ou Messi tiveron o seu día nin tampouco contaron co alustro de fortuna que evita os paos e intimida aos gardarredes. Resultado indiscutible. Vendo o rostro dolorido de Martino na madrugada de Donostia solidariceime co rostro tan humano dos perdedores.

Onte 342: A llengua de Guardiola

VilaWeb lévame a un interesante artigo de Teresa Iribarren en Núvol, un dixital de cultura en catalán, cuxa tese é sinxela de resumir: hoxe no mundo a catalá é «a lingua de Guardiola». O comportamento lingüístico do adestrador de Sanpedor, instalado decote no catalán, mais con expresión moi fluída en inglés e español, permitiu á lingua e á cultura catalás gañar unha visibilidade e un prestixio internacionais que sabemos serían imposible acadar cunha estratexia só cultural e diplomática. Máis aínda, para Iribarren no inminente futuro a visibilidade internacional da lingua catalá non dependerá tanto de iniciativas culturais tan loables como a nominación de Pa negre aos Óscars ou as publicacións do Instituto Ramón Llul, senón do compromiso co catalán de Tito Vilanova, o novo adestrador do Barça, que moi pouco ten que ver co mundo da cultura. Outra responsabilidade que herdou de Guardiola, de quen se fala que podería adestrar á selección brasileira de cara ao mundial 2014. Non hai dúbida que nas estratexias normalizadoras que precisa  o galego, como para acadar a visibilidade internacional da nosa cultura, hai que ter moi en conta os comportamentos lingüísticos dos clubes deportivos coma destes modelos sociais de prestixio, sexan deportistas, artistas ou xentes con presenza habituais nos medios. O futuro do galego tamén depende da lingua que utilicen estas persoas e institucións.

Fútbol e poesía

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da despedida de Josep Guardiola do banco do Barcelona, reflexiono sobre a relación entre a poesía e o fútbol, a literatura e o deporte.

Afeitos á presenza no circo mediático das vaidades de famosiños efémeros, chama a atención a traxectoria do señor Josep Guardiola. Tras cinco intensas tempadas como adestrador do F.C.Barcelona, a primeira co equipo filial de terceira división, nas que conseguiu un extraordinario palmarés acuñando a procura da beleza como estilo de xogo e a rotación do cadro de xogadores como elemento de cohesión do equipo, Guardiola sae sen rebumbio das primeiras páxinas coa intención de tomar un ano sabático coa súa familia en Nova York. Sen dúbida será un retiro transitorio e dourado para quen, se quixese, podería ocupar o banco de calquera dos clubes ingleses millonarios ou de seleccións con ansias de títulos mundiais.

Probablemente, os éxitos como adestrador do «noi de Santpedor», un rapaz de familia moi humilde que ingresou na factoría azulgrana da Masía aos trece anos, alicerzáronse na experiencia acumulada como medio centro do Barcelona, o número 4 dos equipos de Cruyff, Robson e Louis van Gaal. Un período decisivo no que forxou a súa convicción de que «o fútbol é o xogo máis simple do mundo, canto máis doado e máis sinxelo sexa, mellor, abonda que o teu pé obedeza a túa cabeza».

Traballador concienciudo, autoesixente até a obsesión, Pep Guardiola inculcou aos seus xogadores este compromiso de racionalidade no desenvolvemento do xogo e de confianza nas propias posibilidades para realizar un traballo ben feito, enfrontándoos a un exercicio máximo de corresponsabilidade no que os defensas tamén deberían atacar e os dianteiros tamén defender. Con esa actitude o seu Barcelona asombrou, ofreceu un espectáculo marabilloso, un fútbol de salón e claqué, un exercicio só aparentemente sinxelo, onde os xogadores gozaban tecendo  devagariño e cooperativamente até que aparecesen os alustros de xenialidade desiquilibrante de Messi, Xavi, Iniesta, Fábregas, Pedro, Villa…

Mais Guardiola tamén, coma sucede adoito na vida, debeu xestionar importantes fracasos, sobre todo esta última tempada, na que perdeu a Liga fronte ao seu eterno rival e quedou fóra (inxustamente) da final de Champions, os seus dous principais obxectivos. A súa dignidade, asumindo a responsabilidade das derrotas e abrindo o camiño para que o sucedese o seu primeiro colaborador, constitúe un modelo de comportamento moral escasamente frecuente na actual sociedade conformista.

Tanto como xogador como adestrador, Pep Guardiola mantivo o seu compromiso como cidadán dun tempo e dun país. A súa estreita amizade con Miquel Martí i Pol é un dos episodios máis interesantes das relacións entre a literatura e o fútbol. Da man do cantor Lluis Llach coñeceu ao popular poeta catalán, cando estaba afectado dunha esclerose múltiple e tiña importantes dificultades para falar. Guardiola participou en presentacións dos seus poemarios, como a do Llibre de les solituds (1997), que o autor de Roda de Ter lle dedicou a el e a súa dona Cristina Serra, e mesmo chegou a substituír a voz do escritor en roldas de lecturas en centros escolares. Tras o pasamento do poeta, sendo xa adestrador, participou nun libro cedé de homenaxe a Martí i Pol, (Tribut de sorra i fulles) recitando un fragmento do poema «L’hoste insòlit» musicalizado polo grupo Mokodude. Este compromiso coa lectura e coa literatura catalana foi recoñecido polo Gremio de Editores de Catalunya co premio Atlántida 2010, que recibía por vez primeira un futbolista.

A figura do «señor Josep Guardiola», asociada á poesía e ao mundo do libro, axuda a desmitificar tanto algúns dos tópicos asociados co deporte como os que arrastra a lectura, a literatura ou o cinema, actividades presentadas a veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles co balonmpé. É innegable que son moitos os futbolistas que non teñen entre as súas afeccións as da lectura ou algunha inquedanza artística. Mesmo é moi coñecida a anécdota protagonizada polo goleiro Romario cando quedou tan pancho na televisión brasileira declarando que “non lía nunca porque lle daba dor de cabeza”. Porén, hai tamén futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai moitos escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais.

Pep Guardiola é un modelo da alquimia posible entre o fútbol e a poesía, dúas actividades que perseguen a beleza até a súa gorida e son capaces de representar con linguaxes diversas os conflitos e as emocións da condición humana. Lémbrao Eduardo Galeano, quizais o escritor que mellor ten abordado esa relación:«A historia do fútbol é unha triste viaxe do pracer ao deber. Ao que o deporte se industrializou, foise desterrando a beleza que nace da ledicia de xogar porque si».