Vía Vigo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 150 aniversario do establecemento do Cable Inglés:
O pasado 27 de maio fixéronse cento cincuenta anos da comunicación por cable telegráfico entre Porthcurno (Cornualles) e Vigo. Un fito co que Vigo se estreaba como punto estratéxico das telecomunicacións polo que entraban e saían todas as mensaxes da comunicación telegráfica entre España e o mundo. Un adianto extraordinario provocado polo establecemento en 1873 da empresa Eastern Telegraph Company Ltd (ETC), chamada popularmente o «Cable Inglés», na rúa Real 20, a carón da «Casa da Parra», onde dende o 17 de xullo de 1858 funcionaba o telégrafo eléctrico que comunicaba con Madrid de forma case instantánea. Oficinas do Cable Inglés que dende 1876 a 1884 instaláronse nos baixos da rúa Príncipe 31 –un edificio hoxe en rehabilitación, onde Prosperi e Cándida Otero montaron o seu estudio (Fotografía Pacheco)–, para trasladarse despois e até 1939 ao entrechán das casas de Manuel Bárcena do arquitecto Jenaro de la Fuente. Unha empresa que contribuíu a modernización de Vigo e a afondar no seu afán de querer ser cidade cosmopolita, coincidindo coa chegada do ferrocarril e o inicio do seu desenvolvemento industrial e demográfico, cando se achegaba aos quince mil habitantes.
Pegada estudada por José Ramón Cabanelas, membro do Instituto de Estudios Vigueses, en Vía Vigo. La historia del Cable Inglés y Cable Alemán (IEV, 2013; 2ª edición, 2020), un dos mellores libros publicados sobre a historia de Vigo, tanto pola esculca documental como pola coidada edición textual e gráfica. Título afortunado tirado dun calendario comercial da ETC que en 1883 informaba ao público madrileño do servizo de comunicación telegráfica directa entre España e Gran Bretaña, América, África, Asia e Oceanía, suplicando aos expedidores que tivesen a ben escribir nos mesmos as palabras «VÍA VIGO». Conexión con Porthcurno, entón o maior centro telegráfico do mundo, que os cableiros Minia e Africa alongaron dende o porto de Vigo a Carcavelos e logo a Xibraltar. Comunicación ampliada a partir de 1896, cando comeza a funcionar en Vigo a estación do Cable Alemán (Deutsch Atlantische Telegraphengellschaft), que tende a liña Emden a Vigo, coa intención de enlazar despois con Lisboa, illas dos Azores e New York. Xestionada por persoal do cable británico, abriu en 1905 oficina en Velázquez Moreno 20, a carón da que tiña ETC, ano no que chegaron os primeiros oficiais alemáns, cuxa residencia estivo na rúa Urzaiz 23 e dende finais de 1910 na rúa Pi e Margall 62, décadas despois sede do Colexio Alemán.
Tanto o Cable Inglés como o Cable Alemán fixéronse presentes na vida cotiá, social e cultural do Vigo de comezos do século XX. Cabanelas conta que na fachada do Cable Inglés en Velázquez Moreno colocouse un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño. Fíxose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como lembra Cabanelas que en 1897 o Cable Inglés contaba en Vigo cun cadro de persoal de 23 empregados, todos xoves británicos, formados durante dous anos na escola de Porthcurno, algúns chegados coas súas familias, que serían pioneiros en Vigo de deportes como o rugby, tenis ou tenis de mesa. Como recorda Cabanelas que a primeira residencia de oficiais solteiros da compañía, desde 1873 até 1915, se instalou na rúa Pracer –onde tiña tamén a súa sede a biblioteca e os salóns do Exiles Club, nome do seu club social e deportivo, que mantiñan, independentemente da estación cablegráfica na que estivesen destinados– inaugurándose a nova, coñecida como «La Finca», á que se accedía por unhas escaleiras de pedra situadas na rúa Taboada Leal 46.
Sen esquecer, neste relato do Cable, que os oficiais da ETC foron os que introduciron o fútbol en Vigo cando no mes de maio de 1873 o Exiles xogou cos mariñeiros da escuadra inglesa nos cadros do Recheo, chamados temén do Malecón, hoxe urbanizados en seis mazás e divididos pola rúa Luis Taboada. Vigo foi un dos primeiros lugares de España onde se comezou a xogar de forma habitual ao «deporte da pelota», como testemuña unha breve referencia aparecida en Faro de Vigo o 7 de decembro de 1880, que cremos é a primeira referencia impresa sobre o fútbol en Vigo. Cadro do Exiles F.C., primeiro club de fútbol vigués, formado por oficiais do ETC, que a partir de 1905 xogará co Vigo Foot-ball Club e co Fortuna Foot-ball Club, orixe do Celta 1923, e mesmo os reforzará nos partidos das primeiras edicións do campionato galego. Lembranza daquel elegante «Vigo british» do Cable, que deixou unha pegada na cidade conservada aínda hoxe na memoria das familias formadas polos oficiais chegados de Porthcurno.