Artigos

Onte 1262: «Atravesar o fantasma»

B_7BcXqWUAEUOrF

XG00231501Encheuse onte o terceiro andar da Libraría Couceiro de Santiago no acto de presentación de Atravesar o fantasma, o primeiro libro de poemas de Carlos Callón. Comezou o acto coa estrea do vídeopoema «O desexo está na pantalla», unha peza audiovisual de minuto e medio sobre un poema do libro, dirixida por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, interpretada por Antón Blanco Casás e Luis Miguel Gendre. Interviu despois Fran Conde, profesor da Facultade de Filosofía, que leu un texto composto con versos dos poemas de Atravesar o fantasma. Confesou que o libro lle gustara moito. «Non sei se os poemas de Carlos son optimistas ou pesimistas, mais sei que están cheos d madurez. Servíronme de espello, porque comparten o enigma do diván, o enigma do corpo do outro en forma de sete.» «Este libro é como pasar polo teatro sen aplausos quebrando o diván, que é unha forma de definir a psicanálise.» «Un libro que toma conciencia da pulsión da morte en freudiano, do goce en lacaniano, e das tentacións suicidas en calloniano.» «A psicanálise coma experiencia para literaturizar o medo, para buscar as palabras que faltan.» «No libro o desexo é o baleiro entre as liñas.» «”O lobo constrúe casas e destrúe soños”, quizais sexa o verso que mellor o define» apuntou Fran Cando para despois rematar o seu discurso dicindo que «este é un libro cheo de espellos, un lugar onde buscar a propia identidade, que sabemos está na propia procura, que non é outra cousa que a psicanálise.»

A seguir interviu a xornalista Montse Dopico que antes de comezar a conversa co autor cualificou o libro de activista, «forma parte dunha tendencia da literatura galega actual da afirmación do político dende o íntimo», «Un libro que reivindica o dereito á diferenza. Carlos Callón quere ser un activista do desexo e perseguilo». Na súa primeira intervención Callón defendeu a escritura de elexías. «Hai unha frase de Lacan que debería imprimirse en camisolas: ˝Un só pode sentirse culpable de non seguir o desexo”. Eu a poesía que desexo escribir é esta, a pesar de que poeta a quen lle pasei no seu momento algúns destes poemas díxome que “escribir elexías é unha patraña”. Eu penso que chorarmos polas nosas propias perdas é algo indispensable.»

Cando Dopico preguntou sobre as pulsións de vida e de morte que atravesaban todo o libro, Callón afirmou que «todos os meus libros teñen vontade comunicativa, quizais coa excepción do primeiro, sobre a poesía galega de Lorenzo Varela. Este tamén. Son consciente que ten niveis de lectura e o que comprenda cada lector ben entendido está.» «En todo caso son cosciente que “Atravesar o fantasma”, o título do libro,  é un concepto lacaniano. Todo o texto está transido de Lacan.»

Preguntado por Dopico sobre a súa reivindicación dunha sexualidade disidente, Callón confesou que «a miña experiencia homosexual hai vinte anos é moi diferente a dos meus alumnos. Para entender esta mudanza foi radical o caso de Jesús Vázquez “o Bo”. No libro hai poemas daquela época que lembran que non hai eros sen tánatos, tanto para a homosexualidade coma para a heterosexualidade. Eu conto dende min, falo de min, mesmo cando o fago de forma incosciente. Quero que o libro se lea como un poema que fala de min e dende min.» «Non hai eros sen tánatos, continuar vivo é continuar ferido», lembrou facendo referencia ao derradeiro poema dun libro onde as cifras teñen importancia: «35 poemas cando cumprín 35 anos, cinco partes con sete poemas cada unha.» Rematou Callón a súa derradeira intervención dicindo: «unha das mensaxes do libro é a de recoñecermos as fendas, as faltas e que sen ferida non hai vida. Mellor é sabermos e recoñecermos que non hai vida sen ferida.»

Onte 740: Gratitude

Non foi onte un día que comezase con grandes doses de temperanza. Primeiro foi a indignación que me produciron as declaracións do presidente Feijóo cualificando de «chiste» as palabras do alcalde de Beariz apoiando a Franco. Logo chegaron as de Jesús Vázquez cualificando de «non demócratas» ás persoas que nos opoñemos ao decreto de plurilingüismo e esvarando supostas complicidades co terrorismo aos que criticamos un decreto corrixido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non o nego, quedei moi doído e desacougado por tan inxustas e inconcebibles cualificacións. E non é doado para min facer o esforzo de moderación necesario para evitar o mesmo erro no que caíu o conselleiro de Educación. A lingua é un patrimonio de TODOS e o seu futuro é responsabilidade de TODOS. Non hai volta nin mellores argumentos para o caso. Por fortuna, á primeira hora da tarde chegou a chamada agradecida e agarimosa de Josefina Fernández Mosquera, a viúva de Olimpio Liste. Foi unha beizón e un acougo. Unha conversa telefónica de apenas cinco minutos capaz de me demostrar que aínda existen as persoas boas e xenerosas. A miña profunda gratitude para dona Fina pola súa temperanza en momentos tan difíciles para ela.

Recurtes na educacion pública

No artigo da semana en Faro de Vigo critico os recurtes que na educación pública promove a Consellaría de Educación.

A Consellaría de Educación aproveitou o cansazo da fin de curso para anunciar unha medida moi polémica: a ampliación en catro horas do horario lectivo do profesorado de infantil, primaria e educación especial. O conselleiro Jesús Vázquez desenténdese así do acordo que sobre a xornada de traballo docente o Goberno Galego asinara en 2007 con todos os sindicatos do profesorado. Unha medida aparentemente inocente, presentada apenas como unha reordenamento técnico do horario lectivo, mais destinada a reducir o cadro de profesorado interino e substituto da rede pública, en máis dun milleiro de prazas, segundo estimacións sindicais. Un recurte que, sen dúbida, ocasionará dificultades e problemas a cada unha das comunidades educativas dos centros públicos para manter a calidade do seu servizo.

Tras as imposicións unilaterais dun novo modelo lingüístico nos centros e dunha Lei de convivencia e participación, que non contan nin sequera co apoio do Consello Escolar de Galicia, órgano representativo dos diversos sectores da comunidade educativa (profesorado, familias e as propias administracións), a poucos pode extrañar a forma publicitaria escollida polo equipo de Vázquez para argallar o que o deputado socialista Guillermo Meijón definiu como un «ERE da escola pública galega» e vendelo á sociedade como unha medida coa que se pretende que «o profesorado recupere horas lectivas para dar máis servizos e optimizar recursos que garantan a calidade do ensino». Adobiada na linguaxe propia da mercadotecnia política da «consecución da excelencia» e das retóricas «reclamacións dos pais», como argumentos de maior autoridade, esta medida supoñerá de facto que algúns colexios públicos galegos reducirán de forma significativa o seu número de profesores e profesoras, un feito que non pode ser considerado como un «indicador de calidade». Outrosí sucede coa obriga dos claustros de ocuparse dos períodos de «custodia» do alumnado usuario do transporte escolar –unha cuestión que merecería outra solución educativa e asistencial que non fose responsabilizar ao profesorado– abrindo así unha perigosa fenda na especialización dos docentes e unha inxusta e inadmisible sospeita social sobre o seu compromiso con cadansúa comunidade.

Esta medida, cualificada como «abuso», mesmo por ANPE-Galicia, supoñerá que non se crearán o milleiro de prazas docentes previstas no convenio asinado con todos os sindicatos en 2007, ao tempo que continuará a política de amortización de parte das xubilacións que se vaian producindo cada curso. A eliminación de ciclos formativos, os recurtes nos comedores escolares, a paralización da extensión do programa de apertura dos centros fóra do horario lectivo, o peche das escolas unitarias, a sorpresiva posta en marcha dos centros integrados de FP, a redución dos programas de formación do profesorado constitúen un programa político de subsidiarización da rede de ensino público, á que o actual Goberno Galego pretende transformar en complementaria, alí onde exista unha rede privada concertada que compita con ela.

Reducir o gasto en profesorado da rede pública, ignorar o criterio dos sindicatos docentes e desprezar o valor dos consensos das comunidades educativas, como pretende o equipo de Jesús Vázquez, non é a estratexia máis eficaz para facer fronte aos retos dun sistema educativo como o galego que mantén unha taxa de fracaso e abandono escolar (26%) absolutamente inaceptable pola sociedade; mesmo, a pesar de mellorar a media española (31,2%) e case duplicar a dos países da Unión Europea (14,4%). Ás autoridades educativas galegas, como as do resto das comunidades autónomas, non poden esquecer que elas son as responsables de acadar o compromiso da estratexia «Europa 2020 para o emprego e o crecemento», un documento que establece para todos os estados membros, antes de finais desta década, unha taxa de abandono escolar no ensino obrigatorio por baixo do 10%, porcentaxe xa acadada en países como Austria, Finlandia ou Dinamarca. Para a Comisión Europea este obxectivo, no caso español moi vinculado coa loita contra o desemprego xuvenil, é asumible se todos os estados o consideran como estratéxico nas súas políticas públicas, o que supón, inevitablemente, que deben investir máis recursos en educación. Xusto o contrario do que se pretende facer aquí.

Os responsables políticos equivócanse se coa intención de salvar a saúde dos bancos alemáns e franceses, onde probablemente están as primeiras e máis poderosas razóns da catástrofe financeira do euro, hipotecan o futuro do noso sistema educativo. Saben, e non poden agochalo, que reducir a taxa de fracaso escolar é unha responsabilidade tan estratéxica como reducir a taxa de endebedamento das contas públicas.