Listado de la etiqueta: inmersión_lingüística

Inmersiva e plurilingüe

No proceso de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) tres cuestións limitan o seu alcance. Primeira: a pretensión de outorgarlle perfil baixo a Educación Lingüística (EL), poñéndoa á mesma altura das «medidas salvadoras» da lingua  propostas polas expertas e a propia cidadanía. Segunda: a decisión do Goberno Galego de poñer o límite do acordo sobre a EL en que non incorpore o termo «inmersión», entendida polo Partido Popular de Galicia con «monolingüismo». Terceira: a pretensión de considerar tanto o PXNLG como a EL como cuestións técnicas, cando se tratan de medidas políticas de primeira orde para o futuro de Galicia e da súa supervivencia como suxeito político. De todas as tres, inferimos que a chave dunha actualización consensuada, como foi a de 2004, do PXNLG radica en deseñar un modelo de EL alternativo ao Decreto de Plurilingüismo (2010), capaz de recuperar a transmisión oral da lingua nas idades temperás e permitir acadar idéntica competencia nas linguas oficiais ao remate das etapas obrigatorias. Mágoa que non escoitemos falar aos responsables da comisión de expertas do PXNLG nin apenas ás voces das institucións e entidades socioeducativas galeguistas sobre cales serían os contidos e o enfoque dun novo modelo de EL, baseado no plurilingüismo restitutivo, polo tanto cun nivel imprescindible de inmersión lingüística, ademais do desenvolvemento decidido da competencia plurilingüe e da incorporación da aprendizaxe do portugués dende a Educación Primaria. E a este teor non esquezamos que todas as linguas absórbense por inmersión dende a primeira infancia, razón pola que a inmersión non pode quedar fóra dun modelo alternativo. Urxe que as entidades socioeducativas galeguistas asuman a súa responsabilidade e poñan sobre a mesa con rigor a súa alternativa de EL inmersiva e plurilingüe. Só así se podería reorientar a dimensión dun imprescindible «acordo pola lingua» do que os sectores galeguistas e nacionalistas nunca poden quedar fóra.

Publicado en Nós diario: 06/08/2025

A dobre competencia

Dedico o artigo da semana en Luzes á proposta de recentralización lingüística dos partidos de Rivera e Rajoy:

A pelexa entre Ciudadanos e o Partido Popular pola hexemonía na dereita española provoca unha competencia feroz entre os partidos de Rivera e Rajoy por amosar quen dous é máis belixerante co que chaman “linguas vernáculas”, termo utilizado no franquismo (e de forma oficial na Lei General de Educación de 1970) para identificar ao catalán, éuscaro e galego. Á ocorrencia de Ciudadanos de que non se lle esixise ás aspirantes a acceder á función pública en comunidades con lingua propia o coñecemento da “lingua cooficial”, replicoulle de forma desorbitada o goberno de Rajoy ameazando, ao amparo da intervención en Catalunya do 155, con rematar co modelo de inmersión lingüística, unha experiencia educativa exitosa, de case vinte e cinco anos de historia, apoiada de forma abrumadora pola sociedade civil catalá. Unha escalada inmoral de dous partidos que utilizan como leitmotiv das súas propostas a da “persecución do castelán en Catalunya”,  unha falsidade de pé de banco desmentida tanto polos datos de usos lingüísticos en Catalunya como polos resultados das probas PISA no que atinxe a consecución das competencias de lectura e escritura en castelán e catalán.

Unha estratexia de confrontación lingüística que ten o seu claro precedente (como tantas outras iniciativas da dereita española) na utilizada en Galicia por Feijoo para desbancar ao goberno de Touriño, cando da man de grupos galegófobos membros destacados do seu partido participaron o 8 de febreiro de 2009 naquela manifestación en Compostela na que publicitaron a falacia da “imposición del gallego”. Unha estratexia que continuaría, xa dende o Goberno Galego, para xustificar se dinamitase o consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e se impuxese o decreto de Plurilingüismo que en menos dunha década erradicou a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil, converténdoo nunha lingua estranxeira, allea, para o seu alumnado. Unha desfeita lingüística irreversible da que agora ninguén se fai responsable, atribuída ao proceso imparable de substitución lingüísticas das xeracións nacidas nas décadas de entre séculos. E así quedan tan panchos os responsables políticos e os redactores técnicos deste modelo plurilingüe, vendido como de elección familiar, que fixo retroceder de forma moi significativa e alarmante o emprego do galego no sistema educativo non universitario.

Xaora, tanto no modelo consensuado en Galicia no PXNLG (2004) como no de inmersión lingüística catalán (1993), a adquisición de idéntica competencia na utilización oral e escrita en ambas as linguas cooficiais, ao remate da educación obrigatoria, constitúe o garante do respecto dos dereitos lingüisticos para toda a cidadanía e da súa cohesión social, xa que achega a igualdade de oportunidades no emprego de cada lingua. Eis a trabe de ouro destes modelos que pretenden, ademais, un estatuto de normalidade, que aínda só posúe o español, para o galego ou o catalán, en todos os eidos da vida social, institucional, económica ou cultural.

No entanto, a consecución desa dobre competencia para toda a cidadanía, na que tanto insistiu o mestre Agustín Fernández Paz, obriga a deseñar modelos pedagóxicos que contribúan eficazmente a súa adquisición, sendo conscientes, como acreditan os resultados PISA, que a lingua de uso habitual no eido familiar non condiciona as aprendizaxes do alumnado en comprensón lectora, xa que son as desigualdades socioeconómicas entre as familias as que condicionan os resultados. En definitiva, modelos de normalización diferentes baseados na finalidade da dobre competencia, nos que a utilización do galego ou o catalán como lingua educativa vehicular, non vai en detrimento da aprendizaxe do castelán, mais si constitúe requisito indispensable. Modelos que demostran que tanto en Catalunya como en Galicia existe unha soa comunidade de aprendizaxe que emprega (ou debería empregar) na aula tres ou até catro (no caso galego) linguas de forma habitual, sendo a lingua propia a considerada vehicular e preferente en todos os niveis da institución educativa.

Aí radican as bases sólidas para iniciar un debate necesario que permitise a medio prazo volver a forxar o consenso arredor do emprego das linguas no sistema educativo galego.  Con todo, son moi pesimista sobre a viabilidade desta proposta, tanto polo desinterese de Feijoo para acordar  coa oposición e coa sociedade civil cuestións de país (lingua, territorio, demografía, autogoberno, financiamento…), como pola propia evolución dos traballos da subcomisión para un “Pacto por la educación” do Congreso dos Deputados, onde os partidos da dereita española pretenden que a nova Lei Orgánica da Educación, ademais de promover a recentralización do currículum e a consolidación da privatización da rede escolar, contemple o cuestionamento explícito dos modelos de normalizción lingüística baseados na adquisición da dobre competencia. Tempos difíciles, sen dúbida, para o futuro do idioma de noso.

Onte 6: l'escola en catalá

O Congreso aprobou a moción de ERC a prol do mantemento do modelo educativo de inmersión lingüística en Catalunya. Cos votos dos grupos nacionalistas, de esquerda e de todo o PSOE desfaise, por vez primeira en Madrid, o tabú da inmersión, un modelo de convivencia educativa identificado polos conservadores e españolistas coa falacia da “imposición” e co que eles entenden por “liberdade lingüistica”. Tras case tres décadas funcionando no sistema educativo catalán, a inmersión amosouse como un modelo moi eficaz para a adquisición de todas as aprendizaxes e para o desenvolvemento da competencia de comunicación lingüística, ademais de permitir a integración de todo o alumnado e a mellora do estatus da lingua catalana, sen menoscabo, así o demostran os resultados de avaliación externa, da adquisición por parte do alumnado catalán de competencias idénticas ou superiores en lingua castelán e en linguas estranxeiras que os acados noutras comunidades monolingües. Esta moción coincide coa presentación, o mesmo día, por parte de cinco asociacións monolingüistas dun texto que pretende ser o borrador dunha Ley de Derechos Lingüísticos de los Españoles; unha proposta concibida para que o Partido Popular, que xa se ve gañador por maioría absoluta, durante a campaña electoral, se comprometa a aprobala durante a vindeira lexislatura. Emularíase, así, a estratexia ensaiada con éxito en Galicia con Núñez Feijóo, estendida agora a Les Illes Balears. Outra volta o debate lingüístico entra en campaña. Que posición adoptarán os responsables da Política Lingüística en Galicia? Mariano Rajoy asumirá os compromisos que lle solicitan os sectores monolingüistas?