Onte 1042: Illa da memoria
A axencia francesa AFP chiaba onte a tarde esta gran foto de Miguel Riopa para ilustrar os actos celebrados na illa de san Simón con motivo da Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo organizados pola Iniciativa Galega pola Memoria. Magoa o escaso eco que este acto recibiu nos medios galegos, apenas unha mostra da hibernación á que esta sometido o proceso de recuperación da memoria desque goberna o Partido Popular, como proba a paralización do proxecto interuniversitario «Nomes e voces» e o da propia Lei de Memoria histórica de 2008, sen recursos nin dotacións para desenvolver as súas finalidades. Denunciouno alí Manuel Rivas o pasado sábado: «non existe respecto pola memoria histórica en España», continúan »impunes» algúns crimes franquistas e moitas fosas comúns agardan ser abertas. Nunca esquecemos que San Simón, onde vivimos tantos momentos felices, é a illa da memoria, testemuña silente ao fondo da ría da dor de milleiros de persoas que alí foron recluídas e de tantas outras cuxa dor non foi aínda reparada. A gran foto de Riopa quedará na nosa memoria para nunca esquecelo.