Listado de la etiqueta: iago_aspas

O Celta é pequeno

Na memoria de Luis Ferreiro Loredo.

 Non son moi coñecidos os artigos de fútbol que o poeta Celso Emilio Ferreiro publicou en Faro deportivo en 1963, poucos meses despois da publicación de Longa noite de pedra. Crónicas cheas de humor e retranca como as tituladas «Los prognósticos de don Álvaro», «El fútbol patas arriba», «Goliat y los liliputienses» ou «El Rachapedras foot ball club». Textos nos que, quen fora xogador do Sporting de Celanova, confesa que lle desgusta o fútbol como espectáculo de masas, o que deixou de ser deportista para ser capitalista, o de ser unha diversión dos que o practican para facerse un espectáculo (pagado) dos que o contemplan. Celso Emilio convertíase con estas opinións nun adiantado das críticas actuais ao fútbol moderno, que resumiu no poema «O hincha», escrito en Caracas en 1972, recollido agora no libro Poemáforos (Lusco fusco edicións 2026), no que coa súa retranca afiada resume que a felicidade do seareiro consiste apenas en «berrar gol entre a mesta moitedume». Xaora, para ser xustos co noso admirado Ferreiro, no mesmo libro aforístico cita o verso de Vladimir Mayakovsky, «a felicidade está onde non estamos», o que me leva a acreditar no celtismo inequívoco do poeta e a reescribir un daqueles aforismos manuscritos que enviaba dende o exilio venezolano en tarxetas a Antón Patiño de Librouro: «O Celta é pequeno pero chega até as estrelas».

Escribiu tamén Celso Emilio nas páxinas daquel Faro deportivo dos sesenta (co Celta en Segunda) que «historiar o acaecido nun partido de fútbol é tarefa relativamente doada, sempre que non haxa goles fantasmas ou que o árbitro non estea vendido»; que –salientaba o poeta– o verdadeiramente difícil é «vaticinar sobre o partido seguinte». O que ven de marabilla para explicar o que sucedeu na noite do xoves na catedral do Fragoso, na que o Celta deixou o burato feito para participar nos oitavos da Europa League, aos que regresa despois de nove tempadas. Será moi difícil aventurar o que vai suceder o 19 de marzo en Lyon, contra un dos clubs máis potentes do fútbol francés, un dos máis claros aspirantes a xogar a final de Estambul. Apoiado nunha anovada política societaria promovida pola presidenta Marián Mouriño, que non oculta a memoria do club, é difícil facer vaticinios con este Celta revolucionado pola man do cadro técnico de Claudio Giráldez, que fixo do xogo colectivo, da competitividade interna e da solidariedade do vestiario, a súa principal fortaleza. Un Celta maduro, sen límites nas súas aspiracións, mesmo, por que non?, a de chegar as estrelas para prenderse no corno da lúa.

E para mostra desta madurez deportiva e emocional, o botón que supuxo a traballada vitoria diante do Paok, un curto 1-0, que no reflicte a clara superioridade sobre o equipo macedonio, tanto esta semana como no total da eliminatoria. Unha superioridade alicerzada sobre a defensa, moi consolidada sobre a fortaleza física, seguridade e a tranquilidade de mármore tanto de Starfeldt como de Marcos Alonso, aos que reforza o dinamismo do canteirán Javi Rodríguez. Solidez da cobertura a que contribúe dende a banda Sergio Carreira, outro dos máis destacados na noite do xoves, tanto nos labores de contención como de ataque. A paciencia, a insistencia e a concentración foron as ferramentas coas que Giráldez desarborou aos visitantes que dende o inicio xogaron a aproveitar algún erro da saída do balón dos célticos e a altura dos seus dianteiros nun saque lateral. Certo é que os gregos na primeira parte incomodaron aos celestes (algo espesos) na súa progresión en campo rival, o que non lles impediu gozar de oportunidades claras, nun xute de Aspas (discreto) e noutro cruzado de Matías Vecino (excelente), novidade no once.

Mudou o panorama na segunda, coa presenza de Miguel Román, que substituíu a un pouco afortunado Ilaix Moriba. O xenio de Gondomar deulle ao Celta o sentido e o tempo que o xogo precisaba. Das súas luvas saíron as xogadas decisivas: abriu espazos sobre Carreira, que fixo sociedade con Iglesias. Na primeira, Borja rematou cun xutazo, respondido por unha estricada do porteiro grego. Na segunda, no 62’, Borja ensaiou unha xenialidade de taco, que achegou o balón a Williot (extraordinario) para que finalizase cun lanzamento tan preciso sobre o pao longo que semellaba a pelota se detería antes de superar a liña de meta. Gol marabilloso que pechou a eliminatoria. Con media hora por diante, a madurez competitiva impresa a lume por Giráldez, abondou para inmobilizar ao Paok, incapaz de achegarse nin unha soa vez diante de Radu. No engadido, xogado na área visitante El Abdellaoui puido ampliar o marcador noutro das súas características man con man cos porteiros. O Celta sacaba adiante con aparente facilidade a eliminatoria. Aventuro que os oitavos da Europa League co Lyon permitirán a unha nova xeración de celtistas, os fillos e fillas dos que acompañaron ao Celta europeo de Mostovoi, ilusionarse cos mesmos ollos no porvir dos seus pais. Gran Celta este de Claudio que mellora os nosos vaticinios.

Publicado en Faro de Vigo: 28/02/2026

 

Idus de marzo

Despois dun primeiro tempo marabilloso en Salónica, unha exhibición de fútbol moderno, caracterizado polo xogo asociativo e os escintileos diferenciais de talentos individuais, o Celta volveu moi reforzado no emocional e esperanzoso no deportivo. Claudio acertou cen por cen co plan daquel partido no Toumba, estadio difícil para os visitantes, que intimida aínda máis ao equipo arbitral. A pesar da vitoria axustada, vares á parte, a afouta actuación celeste xerou unha gran emotividade nas novas xeracións de celtistas, que acompañan a un equipo que está recuperando a autoestima de hai vinte e cinco anos cando aquel cadro europeo de Víctor Fernández e Mostovoi foi considerado, nalgún momento, na clasificación da UEFA como «o mellor equipo do mundo».

Xaora, Giráldez, o artífice de semellante milagre, é consciente de que a esta altura da tempada non pode deixarse levar polos ventos tan perigosos dos idus de marzo, dando xa por feita a superación do play-off co Paok, o que non vai ser doado; como pensar que na Liga vai ser cómoda a clasificación en prazas europeas, obxectivo sempre moi difícil. Por ventura, Claudio fixo caso omiso a semellantes cantos de serea e asumiu a importancia do partido do Mallorca de Arrasate, en posicións de descenso. Un partido que de sacalo adiante, despois de catro xornadas sen gañar (a pesar do bo xogo), suporía un salto de xigante na tempada, presentando a candidatura á sexta praza, obxectivo asumible para esta terceira tempada da revolución xiraldina.

Contexto que obrigaba a confeccionar con cautela un once inicial, no que Claudio introduciu unha rotación ampla con respecto ao partido en Grecia, de até sete novidades. Once no que destacaba a presenza de Aidoo na liña de tres, a de Matías Vecino, que debutaba en Balaídos, acompañando a Miguel Román, e a mudanza de toda a dianteira. A aposta resultou acertada, conseguindo os tres puntos e mantendo a portaría a cero. Un éxito que adianta ao Celta á sexta posición. Porén, o partido foi moi gris, sobre todo na primeira sesión, na que os célticos controlaron a posesión, mais non acadaron a superioridade suficiente para marcar. O máis destacado deste período foron as chegadas e caneos de Hugo Álvarez pola banda esquerda. Como magnífica foi a actuación de Aidoo, recuperado da gravísima lesión de talón de Aquiles, que secou ao temible Muriqui, as poucas veces que pisou a área celeste. Mágoa que non estivesen máis finos Jutglá, que volveu a estar pouco acertado, como Javier Rueda e Fer López que pola banda dereita participaron menos do previsto.

Como adoita dispoñer, agardou o adestrador noso ao minuto setenta a revolucionar o ritmo dun partido, até entón soporífero e pouco vistoso, coa entrada de Aspas, Borja e Ilaix. Foi o Merlín de Moaña quen axitou a lámpada, aparecendo a luz que faltaba a un Celta ordenado e paciente en defensa, tanto que evitou que o Mallorca xutase unha vez entre os tres paos, mais confuso e impreciso á hora do remate. Aspas e Iglesias entenderon que para crear espazos interiores o partido necesitaba desorde, un xogo máis directo e de velocidade superior, capaz de abrir a lata dos visitantes que parecían conformarse co empate, que lles permitía saír de descenso. Con esa vontade, saíu tamén Al-Abdellaoui no 79’, pouco despois de que Williot rematase un gran pase de Hugo Álvarez (o máis destacado dos celestes), que cando entraba Maíllo despexou in extremis.

Nos dez minutos finais, o Celta esmagou o conformismo dos visitantes, creando os espazos que precisaba para marcar. Al-Abdellaoui puido facelo dun zurdazo, que quedou desviado. No 83’ o arbitro sinalou penalti (claro), cando Maíllo agarrou na área pequena a Borja que pretendía rematar. Aspas coa confianza das figuras marcou cun zurdazo moi axustado, ao que puido chegar Leo Román. Co marcador por diante, amosouse a madurez deste Celta que sabe xestionar situacións difíciles. Non perdeu a orde defensiva e aproveitou a velocidade de Al-Abdellaoui que debeu marcar no 90’ dun xutazo que petou no porteiro. Insistiron os celestes nos seis de engadido cunha cabezada de Iglesias sacada por Maffeo baixo paos. Tras un parón motivado por unha revisión do VAR dunha posible tarxeta vermella a Mugica, tras un plantillazo a Javi Rodríguez nun balón dividido, chegou o segundo gol. Williot viu un espazo interior polo que se coaba Aspas, que iniciara a xogada de espora, que xutou en carreira para superar ao porteiro entre as pernas. Un tanto de fermosa factura, a que corresponde sempre á elegancia do príncipe das bateas, cuxos escintileos foron onte diferenciais para sacar adiante un partido menos atractivo ca outros anteriores.

Co partido case rematado, volvemos a cantar a coro o «Miudiño» en Balaídos, unha emotividade orgullosa que as novas xeracións de celtistas asumen co respecto e a moderación coa que sempre se utilizou este himno dos días felices. Agardemos poder facelo o xoves coa «Rianxeira» para celebrar os idus de marzo en Lyon ou Birmingham.

Publicado en Faro de Vigo: 23/02/2026

Aguinaldo

Lin no Faro de Vigo dos días previos ao Nadal que a rapazada do Colexio Público O Sello de Cabral mantén viva a tradición –que eu cría xa perdida– de pedir o aguinaldo solicitando aquilo de: «Dános licenza para cantarlle os reis?» Se a veciñanza acepta, no caso do Sello, as persoas maiores da residencia do barrio, a rapazada cántalle unha das súas panxoliñas, que adoitan ser agradecidas con calquera agasallo. Tradición arraigada no nadal vigués até a década de 1950, que no Casco Vello foi anovada nos últimos anos como «Ruada do Nadal». Desfile de reiseiros, grupo de gaiteiros e gaiteiras e de danzantes, organizados nun rancho, que cantan e danzan os manueles e piden o aguinaldo, un agasallo de primeiro de ano, case sempre produtos de comer co que logo celebran unha paparota: «Cantámosche os reises do quiquiriquí, se non nos dás nada, marchamos de aquí». Fermosa tradición de cantar o aguinaldo de reis a que quixo sumarse o Celta de Giráldez nun moi meritorio encontro coral diante dun pouco afortunado Valencia de Corberán. Partido concluído cun contundente 4 a 1, que o celtismo soubo agradecer nos minutos derradeiros dos oito de tempo engadido entoando con moita prudencia a Rianxeira, canto que a tribo celeste reserva só para agasallar aos seus nos días felices.

Tras as xornadas de descanso natalicio, Giráldez apostou por unha das súas formacións preferidas, confiando o centro do campo a Miguel Román e Moriba, saltando apenas a sorpresa na presenza na medula da defensa de Joseph Aidoo, que entraba por Starfelt tocado a última hora. O ghanés, de quen se fala está disposto a arranxar co clube a súa marcha neste mercado de inverno, saíu un pouco frío no partido. Apenas transcorridos seis minutos trabou lixeiramente a Almeida e De Burgos sinalou penalti, o único erro de Pepiño Aidoo que no resto do partido estivo a un nivel óptimo en ambas as dúas áreas. Pepelu, o capitán che, dende os nove metros quixo axustar tanto o seu tiro que estrelou o balón no pao, tras outra estricada extraordinaria de Radu, o gardameta celeste a quen só meteron dous de sete penaltis sinalados. Probablemente foi este o lance que determinou o partido, o Valencia quedou chafado diante da portaría e o Celta aproveitou para espertar, que boa falta lle facía. Certo que os visitantes combinaron con criterio e tiveron as súas oportunidades, mais non conseguiron preocupar a Radu. E Giráldez mandoulle a Mingueza, onte o seu director de xogo, presionar e agardar con paciencia a chegada dos momentos oportunos.

E chegaron. Mingueza, que estivo a gran nivel, obrigou a Agirrezabala a lucirse cun gran pexegazo. Nun par de centros laterais, Aidoo apareceu cabeceando ao pao. No minuto 30, Borja foi trabado na área por Foulquier. O árbitro sinalou penalti que o Panda non desaproveitou para abrir o marcador. Como tampouco no 57’, tras unha xogada de fútbol de salón de tres toques, nacida na biqueira maxistral de Mingueza, que enviou a Pablo Durán, quen a pesar de xogar cun ombreiro danado soubo coarse na área, tourear ao porteiro e asistir no momento preciso a Borja, que dende a área pequena marcou o segundo gol. Os de Corberán non se resignaron e no 70 ´ acurtaron diferenzas grazas ao gol de Pepelu, ao que non resultou alleo un despexo insuficiente de Marcos Alonso. Mais foi un espellismo para os visitantes aos que lle custaba superar a disciplina dos celestes na presión e nas axudas. No 82´coa velocidade endiañada de Jonas El-Abdellaoui e a febleza do despexo de Diakhaby chegou o terceiro e no 93 coa asistencia marabillosa de Aspas, recén incorporado, Hugo Álvarez meteu o cuarto, cando Agirrezabala, lesionado de consideración no isquiotibial, non puido reaccionar. O partido morreu entre os cánticos da bancada pola goleada e a solicitude de respecto cos rivais en inferioridade, encabezada por Aspas, un xesto de fair play moi de agradecer.

O marcador tan avultado probablemente non reflicte os méritos dos visitantes, un dos equipos de xogo máis xeitoso dos que até agora pasaron por Balaídos. Secasí, os catro goles do Celta amosan a excelente capacidade competitiva coa que chega case ao remate da primeira volta, un equipo maduro con alternativas no seu xogo e na composición dos seus onces. Un resultado ao que non foron alleas algunhas actuacións individuais moi destacadas, sobre todo a de Mingueza, capaz de introducir creatividade no ataque e disciplina no repregamento. Outro tanto se pode dicir de Borja Iglesias, que achega tanto gol como seguridade e capacidade de competir coas defensas máis rochosas. Como tamén son de mérito as actuacións das promesas como Javi Rodríguez, Miguel Román ou El-Abdellaoui, un revulsivo inesperado que permite variantes inéditas. E entre figuras e promesas, aparece sempre a autoridade moral de Aspas, capaz de termar tanto da ilusión das xornadas felices como a de onte ou da dignidade celeste cando non veñen ben dadas. Este Celta ilusiona. Imaxinemos que pode suceder se chega a guinda pola que devece o seu adestrador. Feliz ano e bo xogo, afoutos e afoutas celtistas!

Publicado en Faro de Vigo: 4/1/16

Boloñazo

Cando coñecín o sorteo da Europa League lamentei que o partido do Celta co Boloña non se celebrase no Renato Dall’Ara, o case centenario estadio emiliano a ceo aberto de 36.000 localidades. O celtismo perdeu unha oportunidade preciosa de desembarcar no aeroporto Guglielmo Marconi, pasear por unha das cidades medievais máis grandes e mellor conservadas de Europa, porticada ao longo de catro quilómetros, o que lle dá un grande encanto a coñecer o seu comercio local e a visitar algunha das tratorías máis orixinais da península itálica. Capital da rexión da Emilia-Romaña, cunha poboación lixeiramente superior a de Vigo, mantén en pé dúas torres medievais inclinadas e moi próximas entre si, a Asinelli de 97 metros de altura e a Garisenda de 48, famosa por ser citada por Dante na Divina comedia. Torres que a pesar da dificultade de conservalas en pé constitúen a icona dunha das cidades máis tecnolóxicas de Italia, capital mundial do comercio do libro infantil e xuvenil, onde acudimos cada ano as editoras galegas a presentar as nosas novidades.

Cando coñecemos o emparellamento tamén sabiamos da potencia do actual Boloña de Vicenzo Italiano, quinto clasificado da Serie A, mais o pasado xoves non agardabamos unha determinación tan explícita dos emilianos para coutarlle ao Celta o acceso directo aos oitavos da segunda liga europea. E moito menos que o fixera esmagando aos de Giráldez, cando chegaban un chisco empoleirados no corno da lúa, tras a histórica vitoria no Bernabeu. Un globo de ilusión celeste que os de Italiano picaron dende o primeiro minuto, mantendo de forma teimosa e sorprendente a súa liña defensiva no campo do rival.

Poucas veces vimos en Balaídos a un visitante desenvolvendo unha presión adiantada tan incesante e tan incómoda, gañando os duelos individuais e martirizando tanto aos tres centrais celestes como a Borja Iglesias, que batallou de forma extenuante co noruegués Heggem, unha torre de case dous metros, moi dura de superar. O dianteiro compostelán, coma fixera maxistralmente no Bernabeu, xogou de boia, coma se dun partido de wáter-polo se tratase, coa intención de recibir de costas os balóns largos de Radu e Mingueza, e despregar despois a pelota sobre as bandas. Xogada na que insistiron os celestes, coma se dun equipo visitante se tratase, mais que nunca resultou tal como Giráldez a debuxara na súa pizarra. O plan de partido do louriñés fracasou, quizais por que o seu equipo estivo por debaixo dos visitantes no físico e no táctico e, o que resulta máis difícil de explicar, tamén no anímico, onde semellaba inseguro, a pesar do ambiente de festa de noite máxica europea e da expectativa ilusionada que nunca perde o celtismo.

No entanto, a pesar de ser sometido no terreo de xogo, o Celta rematou a primeira parte cun esperanzador marcador a favor, grazas a unha xogada de Williot, o heroe do Bernabeu, en estado de graza. No minuto 17, a nosa promesa sueca recibiu por vez primeira un balón, ao que nun arrouto de xenialidade proporcionou un cambio de orientación, que deixou no chan a Lykogiannis, a segunda das torres boloñesas. Con terreo por diante conduciu sereno até a área pequena onde asistiu cara atrás a Zaragoza, que xutou a rachar, anotando o seu primeiro gol como céltico. Gol fantástico que abría e, por desgaza, pechaba todo o xogo de ataque local. Os visitantes non modificaron a súa estratexia de dificultar a saída celeste e torturar a Ilaix e Beltrán. E así chegaron as súas oportunidades que só outra gran actuación do gardameta Radu e a falta de acerto do arxentino Santiago Castro evitaron que se movese o marcador.

Outro cantar foi a segunda parte, iniciada con dez minutos esperanzadores, nos que os celestes parecían capaces de desatoar o nó co que até entón Italiano os inmobilizara. Foi un espellismo, previo aos oito minutos que lle abondaron a un soberbio Bernardeschi, o mellor xogador sobre o terreo, para marcar dous goles e que o Boloña levase os tres puntos. O do empate chegou no 66’, tras un penalti sinalado polo VAR, un agasallo de Javi Rodríguez, na peor das súas actuacións. Giráldez intentou responder coa entrada de Aspas, Jutglá e Javi Rueda, dos que por desgraza ningún tivo a súa mellor noite. Aínda que doa escribilo, Iago Aspas non deu unha a dereitas. Un seu pase sobre Beltrán acabou na luva de Bernardeschi, que no 74’ marcou o segundo e pechou o partido.

Nos vinte minutos restantes os celestes pareceron zombis obrigados a subir as torres inclinadas boloñesas. Un duro castigo que acabou con Aspas descomposto e recriminando aos seus compañeiros, incapaces de chegar á area visitante. Derrota inapelable que complica unha clasificación que en realidade torceuse no partido co Ludogorets en Bulgaria, onde Giráldez pecou de soberbia cando deseñou o once de gala. Derrotas europeas que esmagan as ilusións do celtismo que, coas excepcións dos partidos do Paok e Nice, non viu gañar ao seu equipo en Balaídos no que vai de tempada. O domingo fronte ao Athletic, Giráldez ten a oportunidade de que o Celta non defraude diante da súa afección, competindo coma soubo facer no Bernabeu.

Publicado en Faro de Vigo 13/12/2025

Sempre Aspas

Noutra noite inesquecible de emocións desbordadas, o Celta de Iago Aspas, o mago que batía a marca de partidos xogados co Celta (534), demostrou que tamén sabe gañar diante de rivais europeos de entidade coma o Nice. Segunda vitoria consecutiva en Balaídos na competición continental que amosa tanto o excelente nivel competitivo do equipo de Giráldez (noveno de trinta e seis participantes nesta Liga Europa) como algunha das costuras deixadas á vista por Marcos Garcés, o director deportivo, á hora de confeccionar o cadro para a tempada actual; sendo a máis evidente a ausencia dun enganche creativo de talento, que substituíse a Fer López e Gabri Veiga, proporcionando a fluidez e a calidade que neste inicio de curso se están botando tanto en falta.
Responsabilidade asumida por Iago Aspas, na noite da súa emocionante homenaxe como o céltico que xogou máis partidos. Un espectáculo extraordinario, precioso, iniciado pasadas as once da noite, tras a finalización do partido e coa bancada emocionada nos seus asentos, que pola súa orixinalidade e beleza pasará a historia dos días felices do celtismo. Outra alfaia máis dese excelente traballo de comunicación do club de Marián Mouriño, baseado na creatividade, utilización punteira das tecnoloxías dixitais e orgullosa das voces do relato en lingua galega.
E se non abondase, foi tamén Aspas o mellor dos celestes diante do Nice, un equipo incómodo, moi físico que, como lle sucedera ao Celta coa Real Sociedade, xogou unha hora en inferioridade numérica, tras a dobre tarxeta amarela de Clauss, o seu capitán. Merlín de Moaña ou Príncipe das bateas que nesta noite europea e aos seus trinta e oito anos xogou ao máximo nivel os noventa e catro minutos disputados. Un Aspas que nunha forma física envexable e cunha madurez na concepción visionaria do xogo marcou apenas transcorridos dous minutos, no primeiro ataque, cun cacheirón dende vinte e cinco metros na frontal da área, potente e preciso, un xute tecnicamente sofisticado ao alcance só das estrelas.
Inicio magnífico de Iago dun partido que se presentaba prometedor para os de Giráldez, ao que os de Haise non lle perderon nunca a tensión e empataron decontado, apenas no primeiro cuarto de hora. Foi na enésima empanada da tempada dos centrais celestes, a que permitiu a Abdul Samed detectar o desmarque do seu compañeiro Cho que de excelente xute cruzado bateu a un Radu vendido. Igualábase un partido no que se mediron dous debuxos tácticos idénticos de tres centrais, catro medios e tres puntas, aínda que distintos no seu funcionamento, con máis variantes o de Claudio, que ensaiaba unha parella inédita de medio centros, Beltrán (atrás) e Miguel Román, moi por diante, cun resultado discreto.
O empate deulle azos aos xigantes franceses, moi contundentes (até o límite) nos duelos e na presión, o que dificultaba a saída ordenada que tanto lle gusta a Claudio. Tras un saque de recanto, Radu salvou unha cabezada de Abde que vimos como entraba. O Celta pasou momentos de confusión superados en canto Aspas se fixo cargo da creación de espazos e Carreira e Bryan Zaragoza, o extremo na súa mellor actuación como celeste, toleaban cos seus caneos e mudanzas de ritmo á defensa francesa. Desa dinámica naceu a expulsión de Clauss no 37’, que revirou o devir do partido.
Tras o intervalo e coa entrada de Borja Iglesias, o xogador hoxe máis diferencial do cadro, que substituíu a un Hugo Álvarez irrecoñecible e desconectado do grupo, comezou o tremendo asedio celeste que durou media hora, até que o compostelán marcou o gol que daría os tres puntos. Sen perder nunca a paciencia e a confianza, os célticos intentaron asaltar a portaría de Diouf. Entraron dende as bandas de Zaragoza e Pablo Durán, xutaron dende a frontal Román e Beltrán e desembarcaron novas ideas e pernas frescas para as bandas coa entrada de Rueda e de Mingueza. Sería o catalán quen atopou a fenda na área para que Borja rematase, o porteiro despexase con apuros e o compostelán empurrase o balón a portaría, para que o defensa francés Oppong acabase de introducilo entre as redes.
Fieis ás tradicións celtistas máis xenuínas, co resultado a favor, os minutos finais devolveron os temores á bancada que medrosa (o silencio en Balaídos é escaso e pouco frecuente) comprobaba como os franceses, que até entón deixaran a Radu como mero espectador, con cada unha das conducións polas bandas e catro saques de recanto seguidos, nos que subiu a rematar o porteiro, creaban o pánico entre os celestes que non daban avío e ameazaban derreterse como os xeados nunha tarde de verán. Por ventura, a pesar da incomprensible distracción xeneralizada dos nosos, os visitantes amosaron nula eficacia na finalización, todo un alivio.
Co derradeiro asubío do colexiado neerlandés, abriuse a merecida e emocionante homenaxe ao capitán celeste. Axiña o voo dos drones, o relato épico da súa traxectoria deportiva e as súas palabras agradecidas racharon coa pana e fixeron esquecer os minutos vividos do celtismo do padecer.

Publicado en Faro de Vigo: 25/10/2025

533 de Manolo e Aspas

Vigo, Balaídos. Celta vs Atlético de Madrid

Ao remate do empate co Atlético de Madrid, a familia Mouriño expresou o recoñecemento do celtismo ás maiores lendas da súa canteira: Manolo e Iago Aspas, cando o de Moaña remataba o seu encontro 533 como céltico, igualando a cifra acadada polo «gran capitán» celeste da década de 1970. Si, Manuel Rodríguez Alfonso «Manolo», o central que formou parella con Costas, membro da selección subcampioa europea sub-23 de 1969, o xogador que até agora máis veces vestira a camiseta celeste, desde que como promesa se incorporou aos 15 anos ao xuvenil, pasando logo polos cadros de 1ª e 2ª durante dezaseis tempadas consecutivas, dende a do seu debut, a 1966-1967, até derradeira, a 1981-1982, na que colgou as botas e recibiu unha homenaxe en Balaídos nun partido entre o Celta e a selección de Polonia, que preparaba a súa participación no Mundial 82, no que xogaría en Vigo contra Italia.

533 partidos de Manolo, cifra que en apenas dúas semanas superará Iago, o xogador máis importante na historia do Celta centenario. Serendipia que me lembrou a polémica que o central de Cangas mantivo con Cruiff a raíz da tremenda patada no xeonllo dereito que o holandés lle propinou o 27 de xaneiro de 1974. Manolo saíu en padiola do Camp Nou, mentres Johan nin sequera foi amoestado. O galego sería intervido en varias ocasións, o que lle impediu, no seu mellor momento, ser traspasado ao Real Madrid e seleccionado por Kubala. Non esquezo a decisión do gran capitán que, tres anos despois da grave lesión que tronzou a súa carreira, renunciou a capitanía na visita do Celta a Barcelona para evitar darlle a man a Cruiff, capitán culé. Decisión criticada pola prensa deportiva, que obrigou a Manolo a restarlle importancia ao asunto e darlle a man ao holandés no Barça-Celta do 24 de abril de 1977.

Páxina de pura afouteza celtista de Manolo, que na noite do domingo recuperou Iago, a quen tamén lle acae coma anel o sintagma de «gran capitán». Contando apenas con media hora de xogo, Aspas reactivou a un Celta incapaz de dobregar até entón a un Atlético de Madrid en inferioridade, tras a expulsión de Lenglet no minuto 40. Outra intervención estelar de quen entrando en xogo no 60 conseguiu nuns poucos minutos contaxiar aos seus colegas das doses de compromiso, creatividade e confianza precisas para acadar a igualada. E así con semellante reactivación chegou no minuto 68 o gol do astro de Moaña, un remate de afouteza destilada, apenas empurrando un balón rexeitado por Oblak, que in extremis fora rematado por Borja Iglesias, o mellor dos celestes, tras unha magnífica asistencia de Mingueza, que se transforma coma unha bomba de creatividade e sutileza na creación de espazos cando se pode asociar con Iago e co Panda compostelán. Presenza de Aspas no campo que ofrece a creatividade e a experiencia necesarias para competir con garantías e que traspasados Fer López e Gabri Veiga, prescindíndose no seu día de Denís Suárez, non cubre ningún outro xogador. Carencia grave que asusta de cara ao futuro, por moito fútbol que lle quede ao de Moaña na biqueira, á que o propio Claudio Giráldez se referiu con retranca, días antes de pechado o mercado de verán, como «a guinda do pastel». Unha guinda de talento capaz de desenredar unha entupida rede de dúas liñas de defensores dispostas por Simeoni no campo propio para resistir en bloque e no caso dunha recuperación botar a correr e collerlle as costas aos inocentes célticos. Así sucedeu apenas comezado o partido, no minuto 7 coa carreira de Barrios orixe do gol en propia meta de Starfelt. Estratexia visitante antipática e intimidatoria á que o adestrador arxentino engadiu sen escrúpulos a súas simeonadas, onde se abandona calquera versión do manual do «fair play» ou boas maneiras deportivas, para perder tempo, confundir ao rival e anoxar a afección local.

Certo é que Claudio, despois do partido europeo co PAOK, introduciu poucas novidades. Primeira: a de Damián e Beltrán como parella de mediocentros. Mágoa que utilizasen un ritmo gris na posesión, fosen incapaces de dobregar a Koke e Barrios e superar algunha das liñas visitantes, entendo que pola dificultade do segundo capitán celeste de atopar o seu punto físico e anímico óptimo. Segunda: a de Borja e Jutglá como dupla de puntas atacantes, que estiveron mellor na súa batalla a cara de can cos centrais de Simeoni ca na definición entre os tres paos. Mágoa da cabezada de Borja no minuto 3, que vimos dentro, ou dun remate do compostelán dun balón centrado polo dianteiro catalán, comprometido no colectivo, mais ao que só lle falta superar o malfado que lle nega o gol coa camisola celeste.

En todo caso, a pesar deste empate que sabe a pouco e á clasificación próxima ao descenso, o Celta deste mes de outubro comeza a ser recoñecible ao da tempada pasada. O novo parón de seleccións é unha boa oportunidade para coller pulo e afinar pezas. Beizóns a Borja Iglesias convocado por De La Fuente.

Publicado en Faro de Vigo: 08/10/2025

Noite redonda

Foi a do xoves unha noite redonda na que Balaídos celebrou que «Galiza volvía a Europa», desde aqueloutra inesquecible de afouteza celtiña do 4 de maio de 2017 co Manchester United, na que sempre lembraremos como o gran Sergio Álvarez sostivo sen pedir papas ao equipo de Eduardo Berizzo dos continuos envites dos diaños vermellos que, finalmente, levarían o encontro grazas a un gol de Rashford, tras un memorable saque de falta dende a frontal. Tras oito anos daquela histórica semifinal de Europa League, na que no encontro de volta en Old Trafford nos faltou apenas unha biqueira de Beauvue para prendernos por fin no corno da lúa, o Celta de Giráldez non decepcionou e ofreceu outra das súas noites máxicas europeas, certo que máis sobria que aqueloutras memorables co Liverpool (3-1) do 98, co Benfica (7-0) e Juventus (4-0) do 99 de Europa League, co Ajax (3-2) e co Arsenal (2-3) da inesquecible despedida da Champions League de 2003-2004, tamén a do noso último descenso a Segunda, o que nunca esquece o celtismo máis memorioso, temeroso dos perigosos entusiasmos europeos cando temos no vestiario fabas contadas.

E se non abondase, tras un pésimo e decepcionante inicio de liga ordinaria, o Celta de Claudio necesitaba o partido co accesible PAOK de Salónica para resucitar e ofrecer unha primeira e contundente vitoria do curso. Competición europea que o celtismo asume como unha posibilidade de gozar de cada un dos oito partidos, sen renunciar a soñar, se veñen ben dadas, cunha participación na final do 20 de maio en Estambul. E a do xoves foi unha desas noites felices de fútbol do aqueladiño Balaídos, que acolleu con respecto á ruidosa afección visitante, que nunca desistiu de apoiar aos seus, tanto cando foron por diante coma cando os celestes lles comeron a figura. Noite na que un celtismo responsable –cada vez máis anovado xeracionalmente, convocado polas voces telúricas das Fillas de Cassandra e de Mondra, o bailador que fusiona a tradición coa ollada deitada no porvir– berrou contra o noxento xenocidio israelita en Palestina e celebrou a vitoria co seu mellor repertorio musical: un miudiño e unha rianxeira (certo que un pouco precipitados), adozados por unha espectacular interpretación coral da Oliveira, que deixou abraiados aos macedonios visitantes coa solemnidade adquirida polo himno de Pucho Tangana.

Como anunciaba o cartel conmemorativo, unha tradición gráfica recuperada pola UEFA para cada partido da competición, no Campo do Fragoso enfrontouse o fútbol atlántico do Celta, representado pola porta granítica de Silverio Rivas, co mediterráneo do PAOK, representado pola Torre Branca, a icona máis recoñecible de Tesalónica, onde se aloxa o museo desta cidade, a segunda de Grecia, a principal da Macedonia grega, polo tanto balcánica. Enfrontamento que os adestradores deseñaron de forma moi distinta: mentres o visitante Razvan Lucescu pretendeu dormir o xogo, suxeitando ao Celta co balón no medio campo, Claudio buscou a velocidade para adquirir a verticalidade que lle faltou nos partidos de liga, asumindo un compromiso inequívoco co gol que servise de punto de inflexión, tanto na competición europea, tras a moi pobre imaxe ofrecida en Sttutgart, coma na liga, onde (como sucedera hai dous anos con Benítez) coquetea coas posicións de descenso. Pizarra táctica que o visitante controlou na primeira parte, onde se puxo por diante tras un erro de entendemento entre Manu Fernández e Javi Rueda, o coñecido tiro ao pé da defensa celeste. Tanto que non variou o plan de partido de Giráldez, que sacou un once de gala con case todas as súas figuras, dirixidas por Aspas como enganche, que batallou até o derradeiro salaio e marcou o gol do empate, unha cabezada perfecta na área pequena, asistida por Mingueza, que no primeiro engadido modificou o devir do partido e agardamos da tempada.

Na segunda parte, os visitantes pisaron cebolas diante dun xogo recoñecible xerado pola máquina xiraldina dirixida polo metrónomo de Damián, que volveu centradísimo, coa intención de quedar no once, sostida pola enerxía econtinuidade de Ilaix Moriba e Starfelt e modulada pola verticalidade de Javi Rueda e Williot. Así chegaron os goles de Borja Iglesias (seis en seis partidos consecutivos, unha marca que o coloca coma o mellor dos goleadores seleccionables por De la Fuente) e de Williot, o dianteiro celeste que ataca mellor o espazo, que destrozaron a defensa balcánica. Os celestes puideron ampliar o marcador, pero diante do partido do domingo co Atlético, a prudencia do adestrador da Louriña aconsellou conservar no mellor estado posible todas as súas pezas. Coa entrada de Jutglá e Bryan Zaragoza, o partido volveu animarse cunhas cantas xogadas bonitas de case gol, mentres o celtismo, tan realista coma soñador, celebraba esta primeira vitoria e enxergaba o futuro con maior confianza.

Publicado en Faro de Vigo: 04/10/25

Un Celta empoutado

Tras cinco partidos de liga nos que non coñeceu a vitoria, tras catro empates e unha derrota, o Celta liderado por Claudio Giráldez no banco e por Iago Aspas no vestiario e no terreo de xogo comeza estar abucharado, un adxectivo diferencial vigués dos recuperados por Xosé-Henrique Costas, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, utilizado para expresar que unha persoa ou colectivo recuou na súa traxectoria. Secasí, tras contar con catro puntos de quince posibles (apenas o 26 %, porcentaxe nove puntos por baixo do ritmo preciso para obter os 40 puntos necesarios para manter a categoría). Emporiso, o Celta por vez primeira con Giráldez instálase en números de descenso, unha crise de resultados, iniciada xa nos amigables de xullo, caracterizada pola facilidade de encaixar na portaría propia (na liga actual, seis tantos, a unha media de 1,20 por partido) e a dificultade de marcar na contraria (0,80 goles por match).

Empregando outra vez palabras viguesas que todos entendemos: aos celestes cústalles un molote meter un gol, mais dan moitas facilidades para recibilos. Unha crise de gol, que se puxo en evidencia nos dous últimos partidos, tanto no do Betis da xornada adiantada, como no de onte co Girona, onde o resultado, dous empates conseguidos in extremis no derradeiro tempo engadido, non se correspondeu coa calidade da circulación da bóla do Celta (un dos seus puntos fortes), nin coa súa posesión esmagadora (onte case o 60 %) nin moito menos co número de xutes entre os tres paos (16 diante do Girona por 10 dos visitantes). Ou noutras palabras, xogamos mellor que competimos, fabricamos moitas xogadas de gol (algunhas moi xeitosas para divertir á bancada), mais custa transformalas en activos, sexan goles e puntos. Unha situación agravada pola incapacidade, tras catro partidos, de gañar en Balaídos, noutrora o fortín celeste, que loce máis fermoso ca nunca. Xaora, nada que o celtismo descoñeza nos característicos altibaixos do Celta nestas catorce tempadas consecutivas en Primeira nin que poida ser reprochado a este adestrador que aposta con todas as consecuencias por un proxecto de canteira.

Con menos novidades que en encontros anteriores, sete canteiráns no once de gala, o Celta respectou con fidelidade o plan de partido do míster da Louriña, coa excepción de apenas vinte minutos da primeira parte, tras o gol precioso do ucraíno Vanat que cruzou en carreira un balón filtrado de Iván Martín, aos 11 minutos. Os de Michel marcaban na súa primeira chegada, tras resistir con dificultades e un pouco de sorte a saída en tromba dos celestes. E abofé que o Celta parecía estar empoutado, que é como en palabras viguesas nos referimos a que ten mala sorteo ou a quen lle ocorren desgrazas por causa do mal de ollo. Que llo pregunten a Iago Aspas que puido marcar aos dos minutos, a Pablo Durán despois e sobre todo a Jutglá, que ao longo do partido lle contamos até seis remates merecedores de gol, que se atoparon cunha actuación estelar de Gazzaniga, o porteiro, o mellor dos visitantes. Certo que o gol encaixado abouchou aos de Giráldez, que perderon a intensidade da presión no campo contrario e a orde que proporcionaba o tiraliñas de Sotelo e a creatividade de Iago coma enganche. Coma tamén o gol mellorou aos de Michel, que dirixidos polo marroquí Ounahi puideron liquidar o partido cun segundo tanto.

Mais este Celta de Claudio non se dá por vencido con facilidade. Tras os cambios do minuto 60, que agardabamos xa se producisen tras a continuación, con Bryan Zaragoza e Borja Iglesias no campo, o Celta procurou o empate teimosamente, o que se intensificou coa entrada de Starfelt e Hugo Álvarez, que substituíu a Aspas, que fixera un traballo fisicamente tan comprometido a mesma altura de calquera outro canteirán. Claudio insistiu en buscar a Borja e forzar saques de recanto para atacar un bloque baixo moi compacto dos xironeses. No 85’ o compostelán quedou a centímetros de chegar a un centro raso e no engadido foi nun saque de recanto cando Blind trabou a perna de Rueda que entrara poucos minutos antes. Borja cunha seguridade de figura e de líder transformou o penalti cando o partido esmorecía. Un gol que deixaba un empate, que aliviou a bancada, mais que resulta insuficiente para as expectativas creadas polo proxecto do adestrador. Para fuxir do actual empoutamento diante do gol, unha doenza estraña que padece todo o equipo, e sobre todo afecta a Jutglá, Moriba, Williot, Sotelo ou o propio Aspas, o Celta precisa dunha vitoria rotunda que faga fuxir calquera tentación de males de ollo ou de inesperadas treboadas arbitrais. Intentalo en Vallecas, decote un campo adverso para os celestes, é necesario para saír de alí coma un foguete para Sttugart, recuperar o optimismo e toda a confianza no proxecto de canteira e xogo combinado de Claudio.

Publicado en Faro de Vigo: 15-09-2025

Colectivo

A finais da escola primaria descubrimos o paradoxo de que hai unhas poucas palabras que poden ser tanto un adxectivo como un substantivo. Este é o caso da palabra “colectivo”, que cando funciona como adxectivo fai referencia á pertenza a unha colectividade, sendo “individual” ou “particular” o seu antónimo; mentres, o substantivo define o que é un conxunto cohesionado de persoas agrupadas para desenvolver unha actividade en común. Ao Celta de Claudio Giráldez, despois de máis de cincuenta partidos de liga, cádralle mallada a palabra “colectivo”, sexa nome sexa adxectivo. Na tarde de onte en Balaídos, dende o inicio ao remate dos 97 minutos de partido, o Celta comeulle as papas a un Vilarreal, que chegaba líder e ateigado de figuriñas carísimas. Como é adoito, os de Claudio foron un colectivo de 23 futbolistas, entre os 16 que saíron á moqueta e o resto que sufriron o partido no banco, comprometidos a partir un piñón co seu adestrador. Un colectivo, no que participasen uns u outros dos seus compoñentes, desenvolveu un xogo colectivo e combinado capaz de confundir aos de Marcelino Toral, sobre todo nunha primeira parte memorable para o celtismo, na que aos celestes só lles faltou o gol.

Inesquecible foi para os que levamos acudindo décadas á catedral laica do Fragoso, o momento no que coñecemos o once inicial do adestrador soqueiro, que coa excepción do gardameta romanés Radu e do dianteiro Bryan Zaragoza, aliñaba nove futbolistas que pasaran pola Madroa, un fito para a historia centenaria do club. Cantidade que durante uns poucos minutos da segunda parte, tras a primeira quenda de trocos, subiu a dez. Algo que nos parecía incrible hai só dous anos, cando Rafael Benítez desprezaba as promesas da canteira galega. Unha completa volta de peúgo que, ademais de contribuír á economía do club con traspasos millonarios, como foi o de Fer López, recuperou o estilo de xogo colectivo do Celta de hai vinte e cinco anos, aquel conxunto de Víctor Fernández que sería o primeiro club galego en gañar unha final dunha competición oficial europea, a Copa Intertoto da UEFA. Mérito da afouteza e autoestima de Claudio Giráldez que introduciu sete trocos, respecto ao partido do Betis, deseñando unha defensa de tres membros totalmente galega, con Carlos Domínguez, Javi Rodríguez e Manu Fernández; confiando a dirección do equipo a Hugo Sotelo (outro partido extraordinario, o mellor dos celestes no que vai de tempada) e a Miguel Román (excelente no seu debut); como da canteira celeste eran os carrileiros, Carreira e Rueda, e os dianteiros que participaron, Durán, Aspas, Hugo Álvarez e Borja Iglesias.

Con semellantes vimbios, saíu o Celta moito máis intenso ca nos encontros pasados, cun xogo ordenado e con vontade de ser vertical. Aos cinco minutos, Aspas, que ocupaba a posición de enganche, desmarcouse e a piques estivo de marcar unha asistencia de Durán. Durante toda a primeira parte, os de Giráldez presionaron e roubaron na saída do balón dos castellonencos, máis non souberon aproveitalo para superar a Luiz Junior. Foi Bryan Zaragoza quen estivo máis cerca de facelo, no 36’, nun xute ao pao longo que despexou o excelente meta brasileiro. Como poucos minutos despois, o Celta nun saque de recanto de pizarra, moi raso sobre a área pequena, puido marcar, como cando finalizaba a primeira parte, Aspas non conseguiu aproveitar outro pase filtrado ao espazo por un Sotelo cada vez máis brillante.

Mágoa que tanto xogo e posesión celeste non se concretasen no marcador. Sen embargo, o conseguiron os visitantes no 53’, grazas a unha fermosa combinación na frontal de Etta Eyong que de taco deixou só ao seu compañeiro Pépé, para que marcase con facilidade. Co marcador adverso, os de Giráldez nin apoucharon nin perderon a paciencia nas axudas defensivas, cando os amarelos foron máis temibles. Secasí a entrada de Borja Iglesias e Moriba, coas que Claudio pretendía recuperar verticalidade, levaron aos groguets a acumular dúas liñas, moi difíciles de rebentar. Xaora, os célticos nunca perderon a confianza en facelo. No 89’ estiveron a piques de conseguilo: un pase filtrado de Mingueza sobre Borja, que deixou con intelixencia sobre Moriba, que xutou de xeito que o balón raspelase a base do pao. O partido parecía entón perdido. Mais o colectivo celeste insistiu no tempo engadido. Un gran pase en diagonal de Manu Fernández sobre Javi Rueda permitiu que o malagueño cabecease sobre a área pequena, onde apareceu Borja que de forma maxistral superou de cabeza, por fin, ao meta de Luiz Junior. Un fermoso gol de fabricación colectiva, que fixaba un merecidísimo empate nunha tarde de fútbol marabilloso. Certo é que a puntuación do Celta neste arrinque de agosto non é completamente satisfactoria (apenas 3 puntos de 12 posibles) nin tampouco a produción de gol, porén o xogo colectivo exhibido nestes tres empates aventura que os de Claudio competirán coma fixeron na liga pasada.

Publicado en Faro de Vigo: 01/09/2025

Gran colofón

Nos meus sesenta anos de celtismo consciente, fillo e neto de socios celtistas, poucas noites fun máis feliz ca do pasado sábado, na que un soberbio Celta xiraldino conquistou o coliseo de Xetafe. Quen lle dera piche pola costa de Peniche!, que diría o profesor Quique Costas, o mellor coñecedor da fala galega de Vigo, para facer rabiar aos poucos que desconfiaban do equipo claudino tras o exercicio de coherencia coa tradición e identidade celeste que supuxo a celtada do domingo pasado dándolle opción a outro humilde, o Raíño bucaneiro de Iñigo Pérez, a manter as súas aspiracións de estrearse na Conference League.

Conquista que se xestou con paciencia, remontando un gol aos once minutos de Mayoral, froito dun erro de Guaita no exercicio de coherencia de sacar a pelota combinada, sempre arriscado, un xogo consciente de quen sabe que aquel que moito corre, non é o que máis pronto chega. Como tampouco foron dar un raite as catro mil almas que ateigaron de celeste, a cor da esperanza, a bancada do fondo norte do coliseo do sur de Madrid. Soporte da afección necesario se viñeran mal dadas e para celebrar, despois de quedar hai oito anos en Old Trafford ás portas do ceo, a décima clasificación europea do primeiro equipo galego en gañar un trofeo europeo (2000).

Custoulle menos de media hora aos de Claudio collerlle os talentos aos de Bordalás (en retirada), sempre severo co Celta, recuperando o control do balón, que xa non perdería até o derradeiro asubío. Así chegou a igualada no 24’, tras unha combinación iniciada por Alfon (gran partido do manchego na súa despedida como celeste) con Iago que, noutro serán memorable, inventou un espazo inexistente na proximidade da área pequena para que alí Borja Iglesias recollese o balón e batese por primeira vez a Soria, outro gol de sete estralos da gran tempada do compostelán.

Dende entón o partido, sobre todo na segunda parte, constituíu un recital excepcional dun equipo no que participaron até nove futbolistas feitos na Madroa. Concerto sinfónico do mellor xiraldismo, interpretado de forma coral coa paciencia do ourive, facendo un partido longo, combinado e tecendo, alongando as posesións, mesmo cando o marcador simultáneo enviaba mensaxes inquietantes de estar fóra do obxectivo. Un traballo encomiable dirixido de forma incansable por ese obreiro exemplar do fútbol que é Fran Beltrán, esoutro vigués de adopción, que ensamblaba de marabilla con Moriba (gran promesa de figura internacional) e con Iago, cando recollía no campo propio para iniciar outro ataque.

Nunha desas, co partido xa moi maduro, no 80’, Beltrán avanzou de forma sensacional até a porta da área, onde enviou sobre Williot, que dende a liña de fondo viu a Aspas, que chegaba ao pao longo. O extremo sueco envioulle unha asistencia prodixiosa que o capitán recolleu sen que o balón botase rematando de langheta e anotando o seu décimo tanto da tempada. Unha obra de arte do fútbol combinado xiraldino, á altura daquel xogo da serpe de Mostovoi, Karpin e Mazinho, que pensabamos nunca sería superado en Balaídos. Outro dos goles decisivos do noso Merlín de Moaña, entre os 200 que marcou coa elástica celeste, como aqueloutro dobrete histórico do 6 de xuño de 2009 contra o Alavés, co que iniciou a súa lenda.

Co gol do mago, que cumpría a promesa de «Voltar a Europa», que hai oito anos fixera na lameira de Manchester, o Celta de Claudio soubo manterse a tensa e continuar ordenado, evitando a rebumbia e o mal de altura que sufriu noutros momentos desta tempada pechada con matrícula de honra e co sétimo posto que habilita para xogar competición tan atractiva como é a Europa League. Un acto de xustiza poética, que resarce o celtismo de tantas penalidades anteriores no Coliseum, un colofón brillantísimo para unha extraordinaria tempada.

Mención á parte merece neste colofón –termo que os editores utilizamos tamén para expresar o toque final– os numerosos méritos de Claudio Giráldez. Adestrador que dende a súa chegada en marzo do pasado ano, para substituír ao sobrado e antipático Benítez, forxou un modelo de equipo de canteira de xogo protagonista, para o que contou co apoio da presidenta e da dirección deportiva, como dunha política de comunicación audaz, capaz de conectar, sorprender e emocionar a un celtismo interxeracional, cada vez máis anovado, feminizado e xove, protagonista de momentos inesquecibles coa interpretación da Oliveira de Pucho Tangana.

Unha nova e poderosa alquimia celeste, cuxa fórmula ten como seus compoñentes os de Celtismo, Canteira, Claudio, Marián e Redes (13 millóns de seguidoras en todo o mundo), cuxos mellores resultados están aínda por chegar. Modelo de fútbol xiraldino resiliente e creativo, fútbol atlántico de pase longo e xogo colaborativo, baseado no coidado da autoestima e na responsabilidade de exercer os valores propios con empatía, paciencia, respecto e humildade. O Celta de Marián e Giráldez ten a ollada sobre a esperanza do porvir. Beizóns por ofrecernos a posibilidade de gozalo e compartilo!

Publicado en Faro de Vigo: 26/05/2025