Listado de la etiqueta: humor_gráfico

Gogue e Davila expoñen en Príncipe

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición das viñetas de Gogue e Davila na rúa do Príncipe:

Comprobei varias veces que a exposición «Ilustrando. As historias do noso día a día», na que se escolman as mellores viñetas de Gogue e Davila en Faro de Vigo, entusiasma aos paseantes de todas as idades que parados apenas un segundos non poden evitar escarallarse de risa diante dalgún dos trece cubos colocados na rúa do Príncipe á altura do Marco. Unha mostra que saca á rúa o traballo destes dous mestres do humorismo gráfico galego, que levan varias décadas publicando diariamente nas páxinas acolledoras do decano as tiras de Floreano e o Bichero, facendo así unha crónica gráfica, paralela á textual, na que recollen as decepcións, os problemas e as esperanzas do noso devir cotián colectivo. Realizada por cada autor, entre os milleiros das pezas publicadas e recollida tamén en cadanseu libro (de coidada e atractiva edición), esta escolla de 116 viñetas amosa a utilidade de xénero tan xenuinamente galego como é a retranca para retratar da forma máis aguda posible, pero tamén máis agarimosa e inclusiva, a marcha dun país chamado Galicia e dunha cidade en estrépito como é Vigo, concibidos como centro do universo, que dan cada día un paso adiante e outro atrás, como aquela Penélope do poeta Díaz Castro.

O meco Gogue, quizais o mellor caricaturista galego do noso tempo, vencellado desde 1983 ao grupo promotor de «Can sen dono», revista satírica esencial do humorismo gráfico galego de fin do século XX, celebra con esta mostra viguesa os seus trinta anos publicando de forma ininterrompida nas páxinas de opinión de Faro a tira protagonizada por Floreano, o borrachiño defensor da tasa, embaixador universal do viño de Barrantes, probablemente o representante máis xenuíno da retranca de taberna. Un personaxe inspirado na figura de señor Emiliano, o avó do propio humorista, un mariñeiro do Grove, que tamén era filósofo. Con Floreano (que bebe sen ánimo de lucro) e con outros personaxes das tiras, como a súa muller Monchiña, o cura do Ramón, Epifanio, Cachiña, Charito ou a mosca Fly, utilizando sempre o rexistro da fala popular e eterna do Grove, o humorista meco creou un universo propio que conta con milleiros de lectores diarios no decano e con presenza, polo momento, en murais, estatuas, viños e conservas. Personaxes de identidades diversas, unidos no territorio da xenerosidade e dos afectos, onde apenas un aturuxo abonda para expresar un estado de ánimo colectivo.

Creador das tiras de humor O Bichero, O Fotomatón, O Toxo e O Afiador, sempre para as páxinas de Faro de Vigo, xornal no que comezou a traballar como infografista e ilustrador, o morraseiro bueués Luis Davila, celebra con esta mostra de rúa os vinte primeiros anos do Bichero, o seu personaxe nacido para as páxinas da edición do Morrazo do Faro. Probablemente sexa a tira máis popular, aclamada e reproducida viralmente do humorismo gráfico galego actual, tanto polo feito de que os personaxes do Bichero como Tucho e Mucha, Merceditas ou Sinda sexan a expresión máis xenuína da retranca contemporánea, capaz de manifestarse no furancho, no vitrasa, na praia ou nas aulas universitarias, como pola seu tratamento intelixentemente irónico e socialmente comprometido da nosa actualidade política, económico ou deportiva. Contador de historias nunha única imaxe, utilizando até o límite todas as posibilidades creativas dos diálogos ou monólogos, como facían outros mestres do humorismo galego como Castelao, Quesada, Siro ou Xosé Lois, Davila ofrece cada mañá o seu potente editorial capaz de conectar con públicos interxeracionais, onde nunca falta unha boa dose de tenrura e crítica, tan necesarias en tempos de crispación e conformismo.

A mostra «Ilustrando» celebra, ademais, a aposta de Faro de Vigo polo humorismo gráfico, un sinal de identidade do xornal dende que en 1923 o gran publicista e caricaturista Federico Ribas comezase a publicar alí as súas viñetas e dous anos despois Castelao continuase coas súas «Cousas da vida». Un fenómeno estudado por Ceferino de Blas no seu libro «90 anos de humor gráfico» (Faro de Vigo, 2013), que viviu a súa idade de ouro durante a Ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República, interrompido, como tantas outras manifestacións do libre pensamento na Ditadura de Franco. Xaora, Faro recuperou o humorismo gráfico con determinación a partir de 1961 publicando as viñetas de Fernando Quesada,  que con cada peza lle foi gañando á censura franquista os límites da temática dos seus chistes, o que lle permitiu explorar na mina da cultura tradicional e empregar, xa dende 1970, a lingua galega como a principal das súas chispas. Un traballo pioneiro, ao que acompañaron despois plumas novas como as de Bofill e Aguilera, os predecesores do éxito que agora celebramos. Recomendo moi vivamente a exposición e os libros de Gogue e Davila.

Onte 1976: Presentación de «Falemos de caricatura» na Coruña

Acompañamos onte a Siro e a Félix Caballero na presentación do seu libro Falemos de caricatura no Espacio Lector Nobel da Coruña. Un acto que constituíu, tamén, unha humilde homenxe a Siro, como pai da caricatura xornalística galega, ao tempo que unha reivindicación do humorismo gráfico galego como unha das expresións máis xenuñinas das artes visuais.

Despois de expresar a súa ledicia por participar nun libro con Siro, «o que constitúe un privilexio«, Félix Caballero lamentou que aínda existía pouca investigación sobre o humorismo gráfico galego. Lembrou cando coñeceu a Siro e como fora o presentador en Compostela do seu primeiro libro, Pienso, luego embisto. Pra rematar considerou que Falemos de caricatura é un libro tanto teórico como práctico, sendo «un acerto o seu carácter conversa, que permite unha lectura amena ao tempo que ofrece a posibilidade de desvelar de forma natural algún segredo da técnica da caricatura».

Na súa intervención Siro lembrou que publicara o seu primeiro libro en 1971 recollendo viñetas que publicara en Ferrol diario. «Aquel meu primeiro pecado orixinal foi un desastre de edición. Como sucedeu tamén co segundo que publiquei en 1975. Decidín, dende entón, que non publicaría un libro até que non estivese completamente satisfeito. E así o fixen en 1980 cando Galaxia me editou Pecados capitais., o que podo considerar o meu primeiro libro. Dende entón quedei satisfeito con todos os libros que publiquei. Con todo, desde hai tempo quero publicar só libros sobre temas que non se teñan abordado no noso ámbito. Así o fixen nos libros que preparei sobre o humor no Quixote e sobre a relación de Castelao coa arte europea, que me acaba de publicar Garañón, a nova editorial de Ferrol. E así xurdiu este libro sobre a arte da caricatura que foi a actividade que me deu de comer ao longo da miña vida».

Siro lembrou como se incorporara á redacción de La Voz de Galicia en 1983, despois de traballar na oficina técnica de Bazán como deliñante. «Quería facer humor gráfico, pero os directores fixéronme caricaturista político. Juan Ramón Díaz pediume que fixese a caricatura política do día. E así, ao longo de vinte e un anos fixen máis de nove mil». «Desque me xubilei tiña unha débeda coa caricatura. E propúxenme facer un tratado da caricatura que non existía como tal, nin pola profundidade nin polo rigor do libro que presentamos».

Siro comentou despois a caricatura da portada do libro, a que Cebreiro preparou de Castelao, «unha xenialidade dunha elegancia insuperable, que podería figurar en calquera antoloxía da caricatura no mundo enteiro», «unha caricatura que une na mesma imaxe ao mellor caricaturista que deu Galicia, Cebreiro, e ao creador do humor gráfico galego, Castelao». Rematou lembrando a figura de Xosé María Cao Luaces, «o patricarca da caricatura en Arxentina a principios do século XX, que era de Cervo, marchou aos vinte e cinco anos para Bos Aires onde chegou a director da revista Caras e caretas;  unha publicación que sabemos chegaba a Rianxo e que sen dúbida coñecía Castelao». Como lembrou taén a figura de Juan Carlos Alonso, «un rapaz que fuxiu como polizón dende Ferrol, entrou como recadeiro na redacción de Caras e caretas e que se puxo a debuxar alí con dezaoito anos para chegar a ser o mellor debuxante do seu tempo. Este ferrolán foi o inventor do photosop con lapis, acuarelas e pastel. Alonso é o mellor caricaturista que coñezo».