Listado de la etiqueta: hugo_alvarez

Padecer

Tras o inesperado espellismo da Copa en Mestalla, o serán do pasado sábado o Celta ofreceu outro partido do celtismo do padecer, desbotando unha oportunidade magnífica de escapar do descenso e devolvendo a bancada á crúa realidade do tedioso benitecismo que dende hai xa seis meses sufrimos en Balaídos. Unha derrota cen por cen merecida, nun partido sen xeito ningún dos celestes, con apenas dous xutes a porta de cada conxunto, no que o máis atractivo para a nosa afección foi a exhibición de Brais Méndez, autor do gol txuri-urdin, unha auténtica marabilla de definición a trinta metros da porta, despois de superar a Luca de la Torre cunha finta de precisión, mais tamén polo seu fino traballo entre liñas durante todo o partido e a dirección do xogo atacante, cando o seu equipo máis o necesitaba. Un auténtico recital da estrela de Mos, un mediocampista de alta escola, xusto o tipo de peza que o Celta continúa precisando esta tempada, como amosou o sábado, no que foi absolutamente incapaz de tecer máis de dous pases seguidos ou unha xogada ofensiva que se poida considerar como tal. Todo un esperpento para o celtismo, incapaz de comprender a contía dun traspaso que o propio Imanol Alguacil, adestrador donostiarra, considerou “baratísimo”, cando dende entón o Celta, tras botar pola porta de atrás a Denís Suárez (outra vergonza), carece dun xogador de semellantes garantías, a pesar de fichaxes de promesas diversas.

Como é adoito, de saída Benítez non mudou a súa idea futbolística fundamental de agardar, roubar e correr, razón pola que deixou aos de Alguacil, que chegaban con moitas baixas, toda a iniciativa. Unha proposta que fracasou apenas transcorridos dez minutos, tras o golazo de Brais Méndez, e moito máis cando co marcador por diante a Real moi compacta monopolizaba a posesión, gañaba a maioría dos duelos e pechaba con sete chaves todos os espazos. Unha proposta que deixaba ao adestrador madrileño sen plan B, sen capacidade de artellar transición ningunha ou idea atacante con aparencia dalgunha entidade. Un naufraxio celeste en toda regra, que puxo outra vez en evidencia tanto as limitacións e carencias do actual cadro de xogadores, sobre todo de creación no centro do campo, como do frouxo desempeño de pezas claves. Moi triste foi o sábado o partido de Iago Aspas, un dos peores que lle recordamos en Balaídos, que agoira un inevitable devalo do noso veterano Merlín. Como estiveron tamén a moi baixo nivel Mingueza, outro dos poucos xogadores con capacidade creativa, Manu Sánchez e Dotor, fichaxes que despois de media liga aínda están moi verdes, como se da pretemporada se tratase.

Con semellante panorama, ao comezo da segunda sesión Benítez non tivo mellor idea que igualar o esquema de cinco defensas de Alguacil retrasando a Renato Tapia entre Unai e Carlos Domínguez. O que supuxo espir a un santo para vestir outro, xa que sen o omnipresente peruano (o mellor dos nosos) nas posicións medias e sen os seus envíos longos, o Celta perdeu a escasa mordente que posuía. Situación agravada cando os txuri-urdin coa entrada de Merino e Oyarzabal, dúas das súas pezas máis experimentadas, apertaron coa intención de liquidar o partido, o que obrigou ao adestrador celeste a revolucionar o once con cinco entradas (no seu caso, algo bastante insólito) que, coa excepción do descaro das combinacións do canteirán Hugo Álvarez na súa función de improvisado carrileiro, pasaron apenas desapercibidas e pouco mudaron o devir do xogo. Abonda con lembrar que neste período o Celta conseguiu rematar só unha vez, cando Luca de la Torre tentou repetir o taco xenial de Mestalla, sendo incapaz de fiar un par de xogadas combinadas ou de provocar algunha situación de balón parado nas proximidades de Remiro.

Tras balance tan pesimista, non é doado abrigar demasiadas esperanzas para o desenlace da eliminatoria de Copa de mañá, onde semella clara a superioridade da Real, aínda que coñecendo a traxectoria do Celta en situacións semellantes non se debe botar aínda o peixe ao mar. Con todo, o que xa parece inevitable é que no que resta de liga o celtismo continuará precisando de doses elevadas de santa paciencia para (agardemos) evitar o descenso no Centenario. Un balance no que por puro realismo xa non contemplamos medidas tan necesarias e disruptivas como a incorporación de reforzos decisivos ou a mudanza do señor adestradore.

Publicado en Faro de Vigo: 22/01/2024

Puro fútbol

Comeza o Celta 2024 cunha merecida vitoria diante do Betis, a segunda consecutiva en Balaídos, que lle permite rematar a primeira volta fóra das posicións de descenso, o que supón un alivio considerable tanto para o equipo como para o celtismo despois de padecer moitos desgustos e algunhas desgrazas do VAR dende o mesmo día da celebración do centenario. Un serán de puro fútbol con tintas memorables na catedral do Fragoso, con máis de vinte e un mil seareiros na bancada, con moita emoción, goles e xogadas excelentes e polémicas na lameira, no que despois de case tres anos o Celta foi capaz de conseguir unha remontada e facelo no tempo engadido nunha transición de vertixe e de alta escola da Madroa, protagonizada por dous rapaces que entraran minutos antes de refresco, cando os béticos dirixidos por un Isco imperial asediaban a meta de Guaita. Tres puntos que, ademais, consolidan unha tendencia positiva das últimas seis xornadas, nove puntos de dezaoito (o 50 %), dúas vitorias (Granada, Betis), tres empates (Valencia, Cádiz e Rayo) e só unha derrota (Vilarreal); cifras que permiten tamén unha remontada na táboa clasificatoria e con dezaseis puntiños enxergar a segunda parte desta Liga do centenario tan igualada na loita por evitar o descenso con esperanzas anovadas.

Un partido no que Rafael Benítez volveu fretar a lámpada na procura do seu once óptimo e do seu debuxo táctico ideal, introducindo mudanzas en todas as liñas con respecto ao equipo que xogou na Cerámica. Volveu Mingueza ao lateral dereito, procurando que a luva do catalán ampliase esa banda na que tamén, tras a obrigada ausencia de Bamba, se incorporaba a Carles Pérez e a súa verticalidade e velocidade. No centro, Benítez introduciu un novidoso dobre pivote, no que Beltrán acompañou a Tapia, mentres Cervi se ocupaba de tapar a banda esquerda. Diante, o regreso de Aspas proporcionaba máis posibilidades de asociación, tanto con Mingueza como con Larsen. Proposta do adestrador celeste que en apenas cinco minutos estragou o gol do lateral bético Aitor Ruibal, tras desbordar a Cervi en medio campo e construír unha parede preciosa con Isco na frontal da área. Por ventura, os celestes non se engurraron e con admirable actitude resiliente foron capaces de igualar o marcador apenas dez minutos despois, grazas ao penalti (moi) inocente e inesperado de Borja Iglesias, que pisou a Larsen, transformado, por fin, polo mestre Iago Aspas, que volvía así a marcar en Balaídos e a gañar confianza.

Foi probablemente este lance éxitoso de Aspas, o que determinou o desenvolvemento dun partido igualado, no que o Celta volveu sobre a proposta que máis lle gusta a  Benítez, recuperar e correr, sobre todo pola banda dereita. Nunha desas transicións, artelladas pola creatividade en ataque de Mingueza, Cerviu quedou só no punto de penalti e xutou ao aire, un desgraciado golpe en falso que aproveitou o propio Mingueza xutando sobre o gardameta bético. Tras a continuación, os de Benítez saíron con admirable determinación e non torceron o fociño ao ataque. Larsen e Manu tiveron as súas oportunidades, que non aproveitaron. Foi Pellegrini quen intentou cos primeiros trocos de dous atacantes mudar a deriva dun partido que semellaba varado, ao que respondeu Benítez, primeiro no minuto 65 coa entrada de Williot Swedberg e máis tarde de Luca, Douvikas e a sorpresa do canteirán Hugo Álvarez. Benítez non se conformaba co empate e tamén pretendía os tres puntos. Certo é que o Betis de Isco provocou minutos de angustia diante de Guaita, mais tamén o é que a resposta defensiva celeste estivo a grande altura, grazas a uns magníficos Carlos Domínguez e Unai, dous auténticos valadares.

Sabemos que o puro fútbol contén sempre o ingrediente do inesperado, ás veces gratificante, outras doloroso, que apareceu nun gol de Larsen, anulado polo VAR despois de cinco minutos de espera. Interrupción que provocou dez minutos de tempo engadido, nos que cando o Celta resistía, apareceu a xenialidade do debutante Hugo Álvarez que roubou e filtrou un pase longo sobre a carreira de Williot, que para asombro da bancada recortou con sangue frío ao porteiro e meteu o segundo a porta baleira. Vitoria merecida e traballada que co tempo case esgotado certificou Guaita cun paradón no primeiro pao. Con semellante espectáculo, a bancada agasallou aos seus coa máis intensa ovación do que vai de tempada. Unha vitoria que, porén, non debe ocultar que o equipo, con severas carencias, debe ser reforzado canto antes tanto como se poida.

Publicado en Faro de Vigo: 05/01/2024