O necesario
Coincide este dezasete de maio co vinte aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), un espazo de acordo sobre o fomento do emprego do galego, concretado en 445 medidas transversais, en cuxa redacción participaron un cento de profesionais e sociolingüistas, apoiado no Parlamento por todos grupos e diversas entidades socioeducativas, promovido polo secretario xeral de Política Lingüística o mestre Xesús Pablo González Moreiras. Un delampo de esperanza para o porvir da lingua nosa roto pola manifestación galegófoba do 8 de febreiro de 2008 (na que participou o actual presidente Alfonso Rueda) e esgazado polo decreto 79/2010 para o plurilingüismo de Feijoo, que provocou efectos paralizantes inmediatos no emprego do galego na Educación Infantil e nas matemáticas e outras materias científicas, abrindo dende entón unha quebra imparable de novos falantes escolares. Recuperación do espazo de consenso de 2004 que as posicións galeguistas reclamamos a cada un dos gobernos do PPG como un exercicio de responsabilidade nun momento crítico para o futuro do idioma. Pacto que agardamos se puidese repetir na actual lexislatura, mesmo a pesar das primeiras declaracións de José López Campos, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude nas que recunca no reseso argumentario da imposición do galego, ademais de pretender quitarlle ferro ao retroceso no seu uso que non ve «sexa iso un problema». Como é un brinde ao sol que López propoña un pacto pola lingua ao tempo que afirma que considera superado «o famoso decreto do galego e o plurilingüismo» (nunca avaliado en catorce cursos), e que «na rúa non existe debate social» arredor da política lingüística. Ás portas do 17 de maio, dende a rotura do consenso do PXNLG, xornada tamén de reivindicación e defensa da lingua, ven moi o caso rescatar aqueles versos da Luisa Villalta, poeta fondamente social e comprometida: «Escoito a voz / que me silencia:/ comezo a expresar / o necesario.» Bo día das Letras.
Publicado en Nós diario: 15/05/2024