Listado de la etiqueta: galicia_cen

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

Galicia cen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición Galicia cen organizada polo Consello da Cultura Galega en Vigo.

e227c46_logonegro_inicio_1No actual panorama cultural vigués non pode pasar desapercibida a exposición “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura” aberta até o 25 de marzo na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo (o popular Teatro García Barbón). Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), contando coa colaboración de Afundación e ABANCA, esta mostra ensaia unha fórmula de divulgación histórica, inserida na tradición museística anglosaxona, coa que se pretende un achegamento novidoso ao relato da historia de Galicia.

Manuel Gago, o comisario da exposición, contando coa asesoría dun grupo moi prestixioso de historiadores e documentalistas vinculados ao CCG, procurou centos de obxectos históricos (pezas arqueolóxicas e artísticas, documentos impresos, ferramentas, armas, máquinas, vehículos, roupas…) e entre todos eles escolmou (o que non debeu ser unha tarefa doada) cen pezas icónicas capaces por si mesmas de contar a historia do noso país. Ordenounas cronoloxicamente e agrupounas por grandes e pequenos temas, procurando suscitar o diálogo entre elas a través dos séculos e suscitar o interese do propio visitante.

Artelláronse así os contidos dun proxecto divulgativo multisoporte que ofrece ao público unha exposición itinerante, inaugurada en Compostela o pasado mes de maio; un catálogo, que se pode adquirir en formato de libro impreso ou descargar gratuitamente en pdf; unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web na que se poden consultar modelos 3D e animacións. Ademais, o público adulto ten a posibilidade de participar en visitas guiadas á exposición todos os xoves (ás 7 da tarde) e os escolares de todos os niveis educativos nos obradoiros (“A cápsula do tempo”, “Galicia nun quebracabezas de cen pezas” ) concertados con seus centros.

“Galicia cen” admite unha lectura cronolóxica, criterio co que está ordenado o catálogo. Unha viaxe no tempo iniciada coas Ferramentas líticas de Porto Maior preto do Miño, correspondentes ao Paleolítico Inferior; o Colar da Chousa Nova da cultura megalítica feito de variscita, e  a “Estela antropomórfica” de hai seis mil anos, a primeira representación do trasmundo. Un periplo que remata coas Reixas do pazo Baión, un dos primeiros trazos do empoderamento das mulleres do noso tempo, o Cartel de festas dunha verbena de 2015 e o Xabarín de Miguelanxo Prado, a número cen, icona das xeracións nacidas nas décadas de entre séculos.

Xaora, o visitante poderá facer unha lectura transversal, artellada arredor de sete espazos temáticos da exposición. Non faltarán sorpresas nas pezas que pode atopar en cada un deles. No Territorio: a Moeda do rei suevo Requiario, o Mapamundi do Beato de Osma ou o Teodolito co que Domingo Fontán deseñou o seu mapa. No Poder: A Mariscala, a cadea asociada ao mito de Pardo de Cela, ou o Mosquetón do guerrilleiro Foucellas. No trasmundo: un xugo do século IX, o máis antigo do que se ten noticia. Nas Transicións: o Machado de talón, as premoedas de finais do Bronce ou Traxe de feira de comezos do século XX. Nos Códigos: o “Códice Calixitino” (nunha edición facsimilar de 1993) ou a Máquina de escribir utilizada por Emilia Pardo Bazán. Nas Redes. A Ámboa de cerámica de Gundivós ou o baúl dun emigrante. E na Comunidade: a Campá do Hospital do Santo Antonio ou unha vaixela de Sargadelos.

A exposición admite tamén unha lectura por territorios. Entre as pezas procedentes do Vigo metropolitano identificamos a Ara ao deus Berobreo (século III-IV), procedente do Morrazo; unha páxina do manuscrito de “Cantares Gallegos”, que Rosalía de Castro entregou a Juan Compañel; algúns exemplares da revista “Vida Gallega” (1909-1938) de Jaime Solá; a portada de “El Pueblo Gallego” do día que se plebiscitou o Estatuto; latas de conservas de principios do século XX; a bicicleta de Delio Rodríguez, dos anos 60; a botella verde de Auga de Mondariz; a máquina de coser de Refrey (1952) ou os petos da Caja de Ahorros Municipal de Vigo (os populares “porquiños”) de comezos dos oitenta.

Inevitablemente, o visitante pode botar en falta algunhas pezas tamén emblemáticas como considerar irrelevantes algunhas das expostas. Non lle faltará razón. Porén, estes son riscos asumidos polos promotores desta exposición concibida para espertar a autoestima e o orgullo e provocar a curiosidade polo relato do país. Obxectivos acadados de longo por un proxecto innovador na divulgación histórica en Galicia que abre vieiros para a súa emulación noutras mostras. Unha exposición moi recomendable para pequenos e maiores, que achega doses de emoción, sorpresa, memoria, humor e coñecemento.