Artigos

Onte 955: «A viaxe de Gagarin»

XG00201101Chegaron onte os primeiros exemplares d’ A viaxe de Gagarin, a nova novela de Agustín Fernández Paz que publicamos en Xerais Narrativa. Xaora, Agustín abriu o Blog Gagarin coa intención de compartir cos lectores e lectoras da novela a rica e amplísima documentación (textual e audiovisual) utilizada na súa escrita. Sen dúbida, este blog constituirá un interesantísimo espazo de edición estendida, como ben se pode comprobar coa primeira das súas entradas dedicadas ao inicio da carreira espacial, no que quedará reflectido o campo sociohistórico sobre o que se sitúa a novela.

A viaxe de Gagarin é unha novela de formación que retrata o proceso de transición dun adolescente, fillo dunha familia antifranquista vencellada co mundo do libro (o seu pai é impresor, a súa nai libreira), no contexto da sociedade galega dos sesenta, anos aínda da ditadura de Franco, de represión e loita das liberdades, mais tamén de comezo da era espacial e da modernización das tecnoloxías domésticas, onde se produciron e xeraron cambios decisivos. Unha novela tamén da memoria na que se homenaxea a toda unha xeración de militantes antifranquista, que sufriron a persecución e a tortura da Brigada Política Social, enfróntándose aos procesos do TOP.

Sei que A viaxe de Gagarin é outra obra lograda, memorable e emocionante, dun mestre indiscutible da nosa narrativa. Non podo agochar a miña ledicia en podermos acompañar dende a editorial a Agustín neste novidoso, cremos tamén que inédito vieiro, do lanzamento dunha novela coa escrita dun blog no que se debulla e comparte a documentación do contexto e da ambientación. Pura edición estendida e compartida cos lectores e lectoras, xenuina narrativa 2.0.