As coleccións das caixas
No artigo da semana en Faro de Vigo apoio a declaración das coleccións de arte das caixas galegas como Ben de Interese Cultural.
Ás portas da inminente privatización de Novagalicia Banco, que probablemente será adquirido polo catalán CaixaBank ou polo fondo de capital risco estadounidense Guggenheim (a opción favorita de José María Castellano, o actual presidente de NGB, xa que entende facilitaría preservar a sede social e fiscal do novo banco), non hai certeza sobre cal será o futuro que lle agarda ás coleccións de arte do que foron Caixanova e Caixa Galicia. Dúas coleccións que no proceso frustrado de fusión de ambas as dúas entidades correron unha sorte dispar. Mentres a propiedade da colección da entidade viguesa quedou en mans da Fundación Novacaixagalicia, xa que as obras foron adquiridas a cargo da Obra Social, primeiro de Caixavigo e logo de Caixanova, a colección de Caixa Galicia acabou sendo transferida a Novagalicia Banco, xa que a entidade dirixida por José Luis Méndez a contabilizou como investimento do seu negocio financeiro. Dous modelos de xestión dun patrimonio artístico acumulado durante décadas que evidencian tamén dúas formas moi distintas de xestionar o negocio e de asumir a responsabilidade social e cultural destas entidades de aforro popular.
Máis alá da complexa cuestión do futuro da súa propiedade, ninguén pon en dúbida o valor destes fondos. As 5.596 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas da colección de Caixanova constitúen a máis grande pinacoteca galega contemporánea existente no mundo, tanto polas súas catro mil pezas de artistas galegos como pola súa calidade. A colección Caixanova ofrece un percorrido pola pintura galega que abrangue dende “O bebedor”, o famoso cadro do ourensán Antonio de Puga (século XVII), até as paisaxes románticas do vigués Serafín Avendaño e Ovidio Murguía, fillo de Rosalía de Castro; que continúa polos óleos e debuxos de Castelao e Laxeiro até as pezas dos membros da xeración Atlántica como Antón Patiño ou Menchu Lamas. Outrosí sucede coas 1.350 pezas da colección de Caixa Galicia, na que se inclúen obras asinadas por artistas como Picasso, Dalí, Joán Miró ou Chagall, xunto a figuras galegas como Maruja Mallo, Eugenio Granell, Urbano Lugrís, Tino Grandío, Isaac Díaz Pardo ou Francisco Leiro. Ao coidado hoxe da Fundación Novacaixagalicia, as pezas das dúas coleccións continúan ubicadas en diversas oficinas e sedes do banco, así como expostas na rede de centros sociais e culturais que mantén a Fundación, cunha presenza moi destacada na sede do Centro Social da rúa Policarpo Sanz de Vigo, onde no denominado “Espazo Caixanova” se expón dende 2003 unha antoloxía da colección, que se foi renovando e actualizando cada dous anos. Tanto as obras propiedade da Fundación Novacaixagalicia como as de Novagalicia Banco, tanto as que están nas instalacións do banco como as conservadas nas da Fundación, todas forman parte do patrimonio galego, xa que foron adquiridas co esforzo dos aforradores das entidades, e todas deberían ser preservadas no seu conxunto.
Tras a poxa de NGB, prevista polo FROB para finais de outubro, a ninguén se lle pode agochar a posibilidade real de que os novos propietarios da entidade, sexan norteamericanos ou cataláns, decidan vender a totalidade ou parte da colección de arte e levala fóra de Galicia. Como tampouco se pode negar o futuro moi incerto da propia Fundación Novacaixagalicia para xestionar os fondos da súa colección de arte como da rede dos seus centros sociais, culturais e de maiores, ao carecer dos fondos achegados cada ano polo negocio financeiro. Razóns abondas que xustifican a necesidade de intervención pública na catalogación das dúas coleccións e da súa blindaxe conxunta como patrimonio galego. Unha decisión que obrigaría a traballar na súa conservación e a procurar as fórmulas máis axeitadas para poñer os seus fondos a disposición de toda a cidadanía galega, como xa dende hai dous anos ven propoñendo no Hórreo a deputada do BNG Ana Pontón. Unha saída que pasa, agora, pola súa urxente declaración como Ben de Interese Cultural como, por fin, asumíu esta semana o presidente Feijóo.
Unha alternativa que debería supoñer, ademais, a potenciación do Centro Social da Fundación Caixanova de Vigo como sede principal da colección de arte galega, iniciada na nosa cidade hai cincuenta anos pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Desta forma sería posible volver recuperar a idea da milla do Sireno, un espazo de dinamización para a arte galega, artellado arredor da porta do Sol viguesa, cuxos límites estarían por unha banda no Casco Vello, no inicio da rúa da Ferrería coa Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e na rúa do Chao co futuro Centro de Fotografía de Galicia, e por outra, na rúa Policarpo Sanz, onde se ubicaría a colección permanente de arte galega das caixas e a sala de exposicións temporais da Fundación Barrié.