Listado de la etiqueta: foro_enrique_peinador

A proxección de Parga Pondal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a figura do científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, homenaxeado polo Foro Enrique Peinador.

isidro_parga_pondalA pasada semana, o Foro Enrique Peinador organizou unha homenaxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, a quen en 2014 dedicou o “Día da Galeguidade Empresarial”. Coa celebración dun acto académico presidido polos tres reitores, co descubrimento dun seu busto, colocado ao pé da que foi a primeira Facultade de Ciencias compostelá, onde Parga Pondal foi profesor até 1936, e coa publicación dunha valiosa biografía, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal” (2014), preparada por Ricardo Gurriarán Rodríguez, a entidade presidida por Xosé González Martínez chanta sólidos alicerces para a recuperación do esquecemento de quen para moitos foi o científico galego con maior proxección do século XX, tanto pola súa vizosa produción científica nos eidos da Xeoquímica e Xeoloxía, coma pola súa participación na comunidade investigadora internacional nestas disciplinas.

Nacido en Laxe en 1900, dende os 14 anos educouse en Santiago co seu avó, o médico Isidro Pondal Abente, quen lle arranxou no xardín da casa o primeiro laboratorio. Parga Pondal confesou nunha longa entrevista que lle fixo a Radio Galega en 1986, poucos meses antes do seu pasamento, que contara coa axuda do químico José Casares, amigo do seu avó, que lle ensinou “naquel laboratorio a facer as primeiras reaccións por vía húmida, a manexar o soplete e, sobre todo, a procurar sempre o descoñecido”. Afán científico que o levou a estudar Químicas en Madrid e unha vez rematada a carreira opositar a unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica da recén creada Facultade de Ciencias. Coa volta a Compostela, abrazou a causa galeguista e incorporouse ao proxecto cultural do Seminario de Estudos Galegos onde presentou o seu primeiro traballo sobre o contido en iodo das principais algas mariñas das costas de Galicia, inxerido metodoloxicamente xa no marco da Xeoquímica, disciplina incipiente daquela. Anos de entusiasmo que o levaron a percorrer cos seus colaboradores o país noso na recollida de mostras de rochas e minerais e a participar en excavacións arqueolóxicas con espírito interdisciplinar.

Unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos permitiulle en 1930 profundidar durante un ano no Instituto de Mineraloxía e Petrografía de Zúric na súa formación xeolóxica e publicar os seus primeiros artigos en alemán. En 1932 viaxou a Alemaña para investigar na Escola Técnica Superior de Berlín sobre a química do cemento, material sobre o que chegaría ser un grande coñecedor e sobre o que publicaría diversos traballos. As súas ideas políticas galeguistas e “manifestamente de esquerdas”, o seu posicionamento progresista no mundo universitario, no que defendeu a incorporación das mulleres aos equipos de investigación, definidas por Parga apenas como “ideas avanzadas”, provocaron tras o alzamento militar de 1936 a súa depuración como profesor e a súa prohibición de pisar os claustros da universidade e acudir ao laboratorio de Xeoquímica que montara.

Castigado como investigador, arruinada a súa carreira docente e obrigado a coller o camiño do exilio interior, atopou refuxio na vila natal onde tivo a fortuna de poñerse á fronte da empresa Kaolines de Laxe, na que tiña participación a súa familia. Xaora, na Costa da Morte recuperou o seu pulo investigador que desta volta, debido á precariedade de medios, dirixiu cara a Xeoloxía e onde crearía en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, unha universidade popular desde a que desenvolveu unha intensa actividade científica durante catro décadas. Durante este autoexilio, Parga compartiu o seu labor de investigación, que o levou a colaborar con numerosos científicos e universidades estranxeiras e a publicar centos de traballos, entre eles o “Mapa xeolóxico de Galicia” (1963) ou mapas de Galicia en relevo, coa actividade empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López en empresas como Zeltia, Sial ou Cementos Noroeste, a primeira cementeira galega que produciu cemento artifical tipo Portland, instalada en Oural, nas que se ocupou da dirección técnica e científica.

Por ventura, Parga Pondal foi rehabilitado pola Universidade de Santiago en 1983 e investido doutor honoris causa. Desde 1997 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está integrado na Universidade da Coruña como Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Co seu nome sinálase un dos programas máis importantes da Xunta de Galicia para a contratación de doutores para a súa incorporación a organismos de investigación públicos e privados. O nome de Parga Pondal referénciase hoxe con I+D+I, fórmula da que (sen sabelo) foi un pioneiro na nosa terra. Eis atopamos a proxección de futuro desta gran figura científica galeguista.

Consumo responsable en galego

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño o consumo reesponsable en galego e a utilización do noso idioma como parte da Responsabilidade Socialda Empresa.

Cando merco un produto ou escollo un servizo, ademais de ter en conta o prezo e valorar as condicións de calidade, gosto de coñecer tamén a súa trazabilidade, esa información imprescindible para saber da súa orixe e do itinerario do seu proceso de comercialización. Utilizando estes criterios de consumo responsable non teño vergonza ningunha en confesar que a miña preferencia primeira está a prol dos produtos alimentarios que teñan a súa orixe en Galicia. Unha opción que nada ten que ver cun chovinismo visceral e si, pola contra, co seu excelente nivel de calidade e co apoio que precisan os seus produtores para facerse un oco nas canles de comercialización cada vez máis pechadas polos intereses do mercado maiorista. Por ventura hai moitos e excelentes produtos galegos, a prezos moi competitivos, onde cadaquén pode escoller en función dos seus gustos.

Consumo leite, queixo, iogures e outros produtos lácteos galegos. Prefiro a tenreira galega e o porco celta. Merco ovos de galiñas ceibes de explotacións galegas. Aposto polo peixe fresco do día, pola enorme variedade das nosas conservas e conxelados das peixarías galegas. Gosto das patacas da Limia e de Coristanco, dos pementos de Herbón e Arnoia, así como da leituga e tomates “país” e dos produtos de tempada da nosa horta tan rica e variada. Devezo polo mel galego e polos nosos viños, tanto os brancos coma os tintos, que hai ben de escoller entre as cinco denominacións de orixe. Prefiro a cervexa producida e embotellada en Galicia e sempre escollo entre a variedade das nosas augas minerais (consideradas entre as mellores da península). Adoito facer a compra nos establecementos populares do barrio de Casablanca, onde teño todo o que precisamos, dende as mellores patatillas (produto cen por cen vigués) a un sabedeiro pan de confección artesanal.

Coñecer a trazabilidade dun produto ou servizo (unha información achegada pola etiquetaxe e a sinalética no punto de venda, complementada coa publicidade e información web), permite ao consumidor valorar tamén a actitude social e ambiental da empresa subministradora, dúas cuestións moi a ter en conta no actual consumo responsable. Hoxe a responsabilidade social empresarial (RSE), asentada na sostibilidade como primeiro valor de desempeño, obriga a que todas as empresas que ofrecen produtos e servizos ademais de manter a súa rendibilidade de forma continuada asuman os impactos e repercusións sociais e ambientais da súa actividade. Hoxe (máis aínda nestes tempos tan difíciles de crise) as empresas son valoradas polos consumidores e polos seus competidores tamén pola súa capacidade proactiva para innovar, polo súa dispoñibilidade para facilitar a conciliación, formación do seu persoal e unhas condicións de traballo dignas, polo seu compromiso para reciclar os seus residuos e diminuír o impacto ambiental da súa actividade, para mellorar a comunicación coa súa clientela e mesmo para promover a súa participación por medio das redes sociais ou para contribuír ao desenvolvemento da comunidade á que pertence nos eidos deportivos, culturais ou educativos. Hoxe as empresas, tanto as grandes corporacións como as pemes, están obrigadas a ser rendibles e socialmente comprometidas.

Asumindo a responsabilidade social empresarial, estou convencido de que aquelas pemes que utilizan o idioma galego na etiquetaxe e na publicidade dos seus produtos e servizos resultan máis atractivas e fidelizan moito mellor coa súa clientela. Como consumidor responsable simpatizo abertamente con esta estratexia que, como está máis que comprobado, a estas empresas non lles vai nin diminuír a súa capacidade exportadora nin provocar resistencias no mercado interior español. Ese é o camiño de responsabilidade social asumido de forma moi intelixente pola Irmandade Galega de Adegueiros, que agrupa a 197 marcas e 400 empresas, o 47% do sector vitivinícola galego, que etiquetan en galego as súas botellas, achegándolles un valor engadido. Ese é o vieiro alentado pola campaña “ConsumoGustos etiquetados en galego”, promovida polo Foro Enrique Peinador coa intención de contribuír a galeguización do sector agrogandeiro. Ese é o obxectivo da iniciativa da plataforma ProLingua “Aquí tamén atendemos en galego” destinada a incentivar o emprego do galego nos bares e comercios. Esa é, tamén, a razón de ser do certificado Abertos ao Galego, xestionado pola Mesa pola Normalización Lingüística, un distintivo para empresas que adopten e desenvolvan compromisos co galego. Iniciativas destinadas a recoñecer o compromiso destas empresas de incluír a utilización do galego e o respecto aos dereitos lingüisticos da cidadanía dentro do seu programa de Responsabilidade Social Empresarial. Merecen as maiores beizóns.

Galegos de etiqueta

No artigo da semana (desta volta publicado en luns) apoio a campaña «Consumo gusto» promovida polo Foro Enrique Peinador. A etiquetaxe e a publicidade en galego son as dúas grandes vías de promoción do uso da lingua no eido empresarial e comercial.

Imaxe compartida da páxina que sobre a etiquetaxe preparou a profesora Mª Fernanda Padín Ogando (un recurso didáctico interesante).