Artigos

Onte 357: Camiño do Ézaro

A etapa da Vuelta que rematou no Mirador do Ézaro foi espectacular. Despois de xantar, apampei diante do televexo (como dícían Manuel María e Celso Emilio Ferreiro) seguindo un dos meus percorridos preferidos do país, o que vai dende os vieiros da ría de Muros, para logo pasar por Louro, Lira, Carnota e subir ao Pindo, paisaxes de beleza desbordada, máis aínda nunha tarde tan luminosa como a de onte. Dende a ollada do helicóptero, esta Galicia atlántica é unha auténtica golosina visual. Unha marabilla! Coa excepción da lamentable utilización partidista dalgúns políticos, especialmente de Rafael Louzán pillando cámara canto pode, as etapas da Vuelta desta semana contribúen á promoción turística de Galicia. No entanto é unha mágoa que a transmisión do treito final dunha etapa moi dura e moi emocionante quedase un chisco ensombrecida por algúns comentarios pouco afortunados, froito dos escasos coñecementos xeográficos e dos prexuizos dos comentaristas de TVE. Como tamén é de lamentar a ausencia nas estradas de ciclistas galegos, debido á inxusta sanción de Ezequiel Mosquera (a quen se lembrou nas rampas do 25% camiño de Ézaro) como á desaparición do equipo profesional galego, liquidado a comezos da lexislatura de Feijoo. Ademais, a etapa foi unha oportunidade ideal para reivindicar outra vez o Monte Pindo como Parque Natural. Ben feito!