FINAL FELIZ
Como sucedeu na noite máxica do pasado domingo en Cornellá, na que goleou en tempo de desconto, o Celta apuntouse no serán europeo de onte a outro final feliz, noqueando ao Panathinaikos nun extraordinario derradeiro cuarto de hora, no que marcaron Guidetti e Daniel Wass. Cos golazos das nosas estrelas escandinavas volveu a Rianxeira ao vello Balaídos e as saudades daquelas grandes noites europeas do Celta do xogo da serpe nas décadas de entre séculos.
A pesar dalgunhas eivas, sobre todo do axuste no xogo das bandas, nas que non se consegue aínda os desdobres que facilitaba con tanta frecuencia Nolito a Jonny, o cadro de Eduardo Berizzo mellora en cada encontro, sobre todo grazas a súa maior solidez defensiva, á que non é allea a seguridade da parella de centrais, onte Cabral e un recuperado Fontás (unha excelente noticia), nin o xogo pletórico de Tucu Hernández, o referente indiscutible do equilibrio entre defensa e ataque. Este é un Celta que medra dende a defensa.
Mais non vaiamos a pensar que foi doada a vitoria fronte aos atenienses, un dos grandes do fútbol grego, que visitaban por vez primeira Balaídos. Durante a primeira parte, o Celta monopolizou a bóla, mais nunca conseguiu inquedar a muralla helena, alicerzada sobre tres centrais de altura, que facilitaron o despregue dos seus laterais longos. Un esquema que deixaba ao Celta o control da pelota, mais non do ritmo do encontro, xa que cun xogo barulleiro era incapaz de artellar con orde as súas transicións. Durante este período non lembramos disparo nin oportunidade celeste ningunha, sendo, pola contra, moi claros os remates a porta de Ibarbo e Coulibaly que, por ventura, parou Sergio, onte moi acertado.
Tras a pausa, os gregos puideron adiantarse no marcador, sobre todo se o colexiado italiano sinalase un penalti que, probablemente, Cabral cometeu sobre Ibarbo. Polémica que se repetiría na área grega cun empurrón sobre Guidetti, moi protestado polo sueco. Cando o partido esvaraba polo aborrecemento, a bancada celeste saíu en axuda dos seus, coincidindo cos tres trocos de Berizzo que nun plis plas deron unha reviravolta ao xogo e ao resultado. A entrada dos dinamarqueses Sisto e Wass achegou a potencia que faltaba, abriu as dúas bandas, fixou aos seus defensores e permitiu que polo centro Tucu Hernández movese coa intensidade e a rapidez que crea as superioridades. Con todo, foi a entrada de Iago Aspas a que prendeu a faísca que o cadro precisaba para darlle unha refolada ao partido. Co astro de Moaña na lameira Celta funcionou como unha formigoneira poderosa e os goles chegaron decontado.
Unha asistencia preciosa de Wass, un pase da morte dende a banda dereita, permitiu que dende a área pequena Guidetti inaugurase, nun remate difícil, case dende o chan, a táboa de marcas. Os gregos desesperados contestaron decontado na área galega cunha cabezada de Berg que despexou Sergio in extremis. Xaora, a seguir, Daniel Wass liquidou o partido cun saque de falta maxistral, unha folha seca dende a frontal capaz de furar a rede e chegar a Marcador. Un deses goles difíciles de esquecer, que provocou un estourido de entusiasmo e o comezo do orfeón da bancada. Tras setenta e cinco minutos difíciles, algúns en inferioridade, os de Berizzo renacían cun xogo electrizante e eficaz. Volveu a maxia da competición europea que nunca defrauda en Balaídos. En tres semanas, outra festa, desta volta contra o Ajax, un vello coñecido.