Artigos

150 anos de recheos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos recheos da ría de Vigo:

A Autoridade Portuaria de Vigo (APV) anunciou en novembro que o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou a ampliación da explanada anexa ao porto pesqueiro para dar garantías sanitarias preventivas fronte ao Covid-19 ás actividades portuarias. Apenas un eufemismo administrativo para comunicar de forma politicamente correcta que decontado comezará o recheo con bloques prefabricados, previsto dende hai anos, dos 8.300 m2 existentes no espazo portuario situado entre os peiraos de Beiramar situados diante da grande cristaleira central do Auditorio Mar de Vigo. Outro recheo que transforma o perfil urbano costeiro xa que neste caso modificará a relación entre o edificio do arquitecto César Portela coa súa contorna, afastándoo 120 metros máis da lámina de auga e substituíndo dende a galería a vista do atraque das embarcacións de altura pola dos camións que dan servizo á lonxa. Recheo que, en definitiva, afasta outra migalla o mar da cidade, deixando no grande baúl dos proxectos vigueses esquecidos o da construción da continuidade do túnel de Beiramar entre o Berbés e os estaleiros de Barreras, coa intención de liberar o tráfico en altura e contribuír a rexeneración urbana dese espazo hoxe degradado.

Un novo episodio desa longa historia de 150 anos de recheos vigueses, dende aquel primeiro de 1870 que autorizou a Emilio García Olloqui a urbanizar os terreos gañados ao mar (64.000 m2) dende as rúas da Laxe e Vitoria ao que hoxe é comezo de Velázquez Moreno, onde chegaba a praia. Dende entón, mellorouse o peirao da Laxe e construíuse o peirao comercial do Ramal (hoxe Colón), primeiro de madeira, despois de ferro (1891), onde chegaría o tren (1898) polo famoso túnel baixo a rúa García Barbón. Como ao ritmo do desenvolvemento destas novas infraestruturas portuarias, naceu a chamada «Nova Poboación», abríndose nas décadas fineseculares os xardíns das Avenidas, a actual Alameda de Compostela e as súas rúas contiguas de brillante edificación pétrea. Recheos vigueses continuados no século XX, co plan do enxeñeiro Eduardo Cabello (1910), concibido para un Vigo de 45.000 habitantes, que supuxo unha década despois a construción en espazos gañados o mar dos novos peiraos no Berbés e no Areal, o que mudaría de forma irreversible a organización dos usos dos espazos portuarios vigueses. Recheos que non pararon no século XXI, desde a ampliación en 2005 de 150.000 m2 do recheo de Bouzas, que lle roubou cen metros á ría. Xaora, non se pode entender a historia do Vigo contemporáneo sen a súa pulsión continua de aterrar o tesouro da súa ría, o seu primeiro patrimonio natural.

E o que chama a atención do caso é que Autoridade Portuaria de Vigo, dende hai unha década en mans do Partido Popular de Galicia, pretende continuar con novos aterrados, presentados no seu Plan Estratéxico 2018-2028 coa etiqueta de «crecemento azul (sostible)» coa intención de gañarlle á ría outros 200.000 m2, no recheo de Bouzas, no peirao transversal e comercial de Guixar e nos diques baixo do monte da Guía. Aterramentos xustificados sempre pola APV para gañar novas liñas de atraque debido á suposta necesidade de contar con máis superficie para desenvolver a actividade portuaria. Un suma e segue que de executarse reduciría nun quilómetro a distancia que hai un século existía entre o peirao de Bouzas e a Punta de Rodeira de Cangas. Unha auténtica barbaridade denunciada pola Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes que lamenta os efectos nocivos que os recheos supoñen para a actividade turística, pesqueira e marisqueira da ría, onde existen dous espazos naturais protexidos, as illas Cíes e a enseada de San Simón, propoñendo como saída para un desenvolvemento sostible do porto de Vigo unha reconsideración do uso dos espazos portuarios actuais de toda a ría.

Cunha nova delimitación dos usos dos espazos portuarios, eliminando as actividades industriais, comerciais e terciarias alleas aos sectores marítimo, naval e pesqueiro, sería posible erradicar a política dos recheos como única fórmula para afrontar ás novas demandas de tráficos e sostibilidade ambiental. O que ademais obrigaría a APV a delimitar os usos do dominio portuario de toda a ría e aumentar de forma significativa as desafeccións de espazos que fosen cedidos á propia cidade para o uso público da veciñanza. Unha delimitación de usos que non pode deixar fóra as posibilidades enormes ofrecidas pola PLISAN, o porto seco de Salvaterra As Neves, nin tampouco facer efectiva a intermodalidade das instalacións portuarias coa autoestrada e no futuro co tren do Eixo Atlántico. En definitiva, despois de século e medio, parar de aterrar a ría de Vigo é posible sen comprometer o futuro do porto de Vigo. Cómpre afouteza da presidencia da APV para afrontar esta demanda cidadá.

A vila de Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo, coincidindo coa Festa da Reconquista, ofrezo unha síntese do proceso de transformación da vila de Vigo en cidade moderna e industrial que se produciu no século XIX.

imgresÁs portas da celebración da festa da Reconquista, inaugurouse na Casa Galega da Cultura a exposición “A Vila de Vigo no século XIX”. Unha magnífica oportunidade para coñecer de primeira man o vestiario, os oficios tradicionais e os instrumentos musicais daquel Vigo de hai douscentos anos, cando era apenas unha vila amurada de dous mil veciños, arredor dos sete mil habitantes, cuxas edificacións se foron arremuiñando na aba do monte Feroso e na beiramar da ría. Unha exposición que axuda a identificar que o ADN da actual cidade metropolitana está cifrado na cultura mariñeira e comercial da Ribeira do Berbés, na incipiente actividade industrial e dos oficios manuais, que comezou a instalarse entón nos barrios de extramuros, como tamén na cultura tradicional agraria das vizosas terras do Val do Fragoso.

Non esquezamos que as murallas da vila de Vigo comezaron a ser construídas en 1656, cando contaba apenas 1.500 habitantes, a maior parte artesáns, mareantes e pescadores. Porén, a comezos do XIX, a poboación multiplicouse por cinco grazas ao desenvolvemento da actividade pesqueira dos mariñeiros da Confraría da Misericordia e no inicio da industria da salgadura da sardiña promovida por inmigrantes cataláns. Mais tamén coa autorización da actividade comercial naval e coa actuación da flota corsaria de armadores, como os da familia Marcó del Pont, que chegaron a armar en corso até oito buques, sendo moi influíntes na actividade comercial e política viguesa durante as tres primeiras décadas do século XIX. Carácter corsario, salientado por Xosé María Álvarez Blázquez, que non se debera esquecer, se ben entendendo que esta actividade relacionada coa pirataría era autorizada polos responsables do reino para perseguir o comercio naval dun país inimigo.

Aquela vila amurallada da primeira metade do século XIX tiña seis portas: Gamboa, Laxe, Ribeira, Falperra, Pracer e Sol. Intramuros as rúas eran costentas, estreitas e tortas e as casas dispoñíanse con escasa harmonía. Contaba con tres prazas, a da Constitución, a da Pedra e a da alfóndiga ou da Pescadaría (hoxe da Princesa), onde en 1832 se construíu o primeiro teatro da cidade, que Nicolás Taboada Leal na súa famosa descrición da cidade de 1840 cualificaba como “o mellor de Galicia”. Extramuros foron desenvolvéndose catro barrios, dous na beiramar e outros dous no interior. O Areal, ou de Santiago de Vigo, estendíase dende a porta da Gamboa até o Areal, arredor do camiño cara Redondela e Santiago, sendo alí onde se foron instalando as industrias da salga e os primeiros edificios residenciais de fasquía burguesa. No extremo contrario, na enseada do Berbés, consolidouse o barrio de pescadores a partir da porta da Ribeira. Máis arriba formouse o da Falperra, arredor dos camiños que cara Baiona e Tui saían desa porta que co tempo irían conformando a rúa de Santiago e o paseo de Alfonso XII. Por último, o Salgueiral, situado nunha zona de fortes pendentes, artellouse arredor da estrada de Castela que saía da Porta do Sol e que máis tarde trazaría a rúa Príncipe.

Ese foi o celme da vila de Vigo, declarada cidade en 1810, que adquiriu o carácter efémero de capital provincial durante o trienio liberal. Habería que agardar ao proxecto de Marcoartú en 1837 para contar, coma Ferrol do XVIII ou coma Bilbao e Santander, coa súa primeira posibilidade dunha nova poboación apoiada no seu porto. Proxecto urbanístico que sería recuperado vinte anos despois e realizado só nunha pequena parte polo enxeñeiro José María Pérez. Proceso de ensanche da cidade que, por fin, levará á demolición das murallas no ano 1869 e aos primeiros recheos dos peiraos da Laxe, dos terreos da Alameda e da construción das edificacións do “ensanche de García Olloqui” de 1870. Vigo preparábase para a consolidación do ensanche da fin de século, o dunha cidade industrial moderna, corazón dunha ampla área, que integraría aos concellos limítrofes de Bouzas e Lavadores, o que o arquitecto Antonio Palacios definiu como “cidade imán”.

Xaora, aquel Vigo do século XIX foi unha cidade cosmopolita que non renunciou a súa actividade cultural, asociativa, recreativa, festiva e deportiva. Unha cidade na que foi determinante o papel modernizador dos seus xornais, desde a aparición en 1853 de “Faro de Vigo”, polarizando a opinión conservadora, até os diversos proxectos de carácter liberal e progresista, primeiro “La Oliva” e “El Miño” en 1856, máis tarde “La Concordia” en 1873 e “Galicia. Diario de Vigo” en 1922.

Nestes días de festa popular, ademais de recuperar o elegante vestiario daquel tempo e teatralizar un episodio histórico da Reconquista, cómpre non esquecer de onde vimos como colectividade. Quizais así entendamos mellor onde estamos e poidamos definir onde queremos levar ao Vigo do futuro.