Artigos

Onte 354: Adianto

Tras a conversa con Rajoy, o presidente Feijoo decidiu adiantar as Autonómicas. Péchase así unha lexislatura desoladora na que se dinamitaron algúns consensos básicos forxados ao comezo da Autonomía, singularmente o do estatus da lingua no sistema educativo, e na que se producíu un retroceso das políticas públicas de igualdade, como sucedeu nas referidas á educación, ao libro e á lectura, eidos nos que eu traballo e mellor coñezo.

Entendo que o adianto electoral está motivado pola intención do Partido Popular de anticipar a convocatoria aos novos recortes que o goberno Rajoy anunciará a finais do ano, nos que é posible poidan estar afectadas as pensións, a derradeira liña vermella que lle queda superar aos populares. Mais tamén creo que Feijoo pretende aproveitar co adianto as bazas que para o seu partido supoñen tanto a actual fragmentación do nacionalismo como a febleza do liderado no PSOE. Unha decisión que de carambola beneficiará os liderados dos seus contrincantes, Pachi Vázquez e Jorquera. Así é de paradóxica a política galega. Con todo, como ven sinalando o benquerido profesor Fermín Bouza, un optimista da vontade do que moito debemos aprender, Feijoo non as pode ter todas consigo xa que o balance desta lexislatura da crise e da austeridade selectiva («austericidade», gústame chamala) non é para botar moitos foguetes. A esta altura Galicia acadou as taxas de desemprego máis altas da súa historia, así como uns niveis aberrantes de emigración da súa mocidade. Ao longo desta lexislatura volveron baixar os índices de natalidade e aumentou a débeda a súa maior cota histórica. Non se resolveu a fusión das caixas nin se chegou a investigar este proceso no Parlamento, quedando aberto o conflito das preferentes, que afecta a case 100.000 pequenos aforradores galegos. Tampouco se produciron avances decisivos na finalización das infraestruturas ferroviarias (tanto o Eixo Atlántico como a conexión coa Meseta) nin se lle atopou unha saída á rémora megalómana da Cidade da Cultura, que pon en risco o futuro do conxunto das industrias culturais en Galicia. Balance no que tamén computan na columna vermella os recortes nas políticas de saúde, educación, dependencia e outros servizos sociais.

Na capacidade da oposición de socialistas, nacionalistas e membros de Esquerda Unida para artellar unha alternativa crible ás politicas conservadoras –en definitiva, un novo proxecto ilusionante para o país, que sexa recoñecido pola maioría social como verosímil– estará a cerna do resultado do 21-O. Unha tarefa difícil, moi difícil, para a que apenas se dispón de tempo, que require de doses elevadas de intelixencia, xenerosidade e patriotismo. Non hai dúbida que co anuncio do adianto Feijoo sae cunha certa vantaxe, porén haberá que ter en conta que até a xornada electoral respiraremos a atmosfera de inevitable pesimismo provocado polas condicións do memorando europeo do rescate bancario –con certeza, novas penalidades para a cidadanía– e xa non digo nada se chega a anunciarse un segundo rescate total, con consecuencias políticas imprevisibles. Non vexo o resultado do 21-O aínda pechado.

Foto © Parlamento de Galicia