Artigos

Onte 515: O colapso do capitalismo financeiro

É para min unha honra poder presentarlles a Óscar Scopa, editor, escritor, filósofo, sociólogo da moda, profesor do “Máster de Comunicación de Moda y Belleza” da Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente vive en Cangas do Morrazo, razón pola que é un novo veciño da área metropolitana viguesa, a quen recibimos co maior agarimo. Scopa é autor de varios libros de ensaio como Cavas y miñangos (1985), Fachada (1986), Camporégano (1997) e Nostálgicos de aristocracia. El siglo XX a través de la moda, el arte y la sociedad (2005). En 2000 preparou o monográfico Vogue España. 100 años de moda. É un dos investigadores sociais máis recoñecidos en España no eido da socioloxía da moda e da arte. No pasado mes de abril publicou o seu libro máis recente El fin del mundo ya tuvo lugar (Esto no es una crisis) onde propón unha lectura satírica, orixinal e moi clarificadora do que popularmente entendemos por crise, para el o colapso do proceso de acumulación de capital fantasma máis desaforado que poidamos lembrar na historia do capitalismo. Scopa argumenta, desde un punto de vista filosófico, non tanto sobre a economía, como sobre o «discurso da economía» ou do economicismo como centro das nosas vidas. Porén, o seu libro non se centra estritamente na actualidade, senón que a utiliza como punto de partida para o desenvolvemento teórico de diferentes valores do termo crise, inscrito no momento do traspaso da modernidade cara outra era que non comezou aínda. Analiza o paso dos totalitarismos modernos ao que el denomina «totalismos», que se desenvolven no marco do chamado «colapso da modernidade», tamén un fin de época, que produce unha perigosa sensación de abismo. Scopa utiliza os recursos da sátira para facerlle fronte ao deterioro económico, inventando o personaxe sociolóxico do «cooligan», un froito deturpado dos mundos do espectáculo, devastador para a cultura, froito da desaparición do poder da burguesía substituída polo trasnacional. Un ensaio moi interesante para suscitar unha reflexión profunda e desprexuizada sobre o que é o tempo presente. Un libro concibido para intentar saír da roda infernal que empurra a actuar só sobre o económico. Un libro que propón un acougo, un tempo para decidir cara onde queremos ir colectivamente. Parabéns a Scopa por este traballo excelente do que hoxe nos falará na súa primeira intervención en Vigo.

Texto que lin para presentar a conferencia que Óscar Scopa pronunciou no Club Faro de Vigo con motivo da presentación do seu libro «El fin del mundo ya tuvo lugar (Esto no es una crisis)».