Onte 2151: Por unha crianza con empatía
Non constitúe sorpresa ningunha que o noso admirado Miguel López El Hematocrítico publicase por fin o seu primeiro libro de ensaio, ¡Escúchalos! Por una crianza con empatía (Paidós, 2022), un vibrante e razoado manifesto en defensa dunha educación lenta e responsable, centrada na escoita, na paciencia e no acompañamento. Superando as rixideces e precariedades das aulas escolares e a fraxilidade do urdime familiar, Hemato propón unha crianza centrada na conquista da autonomía persoal na que a cativada medre gozando do pracer de vivir. Escrito coa fluidez e o humor das súas narracións, Miguel interroga a familias e educadoras sobre os temas máis polémicos da axenda educativa actual: o hiperconsumo infantil, a burbulla dos aniversarios, a organización do tempo familiar de lecer, o papel de avós e avoas, o custe das etiquetas, a existencia de notas, exames e deberes, a utilidade dos grupos de WhatsApp de clase, os usos de pantallas, a lectura e a biblioteca, entre outros.
Particular interese ten a reivindicación que o autor fai do tempo libre das crianzas como un tempo a valorar e protexer. O tempo é sagrado, máis aínda na infancia que fóra do entorno escolar precisa, como as persoas adultas, tempo para xogar na casa e no parque, correr, ir á biblioteca, aprender a tocar un instrumento, utilizar as pantallas para ver un vídeo, unha película ou compartir unhas partidas. Como tamén e moi certeiro o seu enfoque da educación emocional, centrada no acompañamento (unha escoita permanente), e na abordaxe da diversidade nunha nova normalidade, un xeito de procurar que os nenos sexan felices, «sentíndose queridos e esixidos» (unha de tantas veces a subliñar do libro). En definitiva, do que trata a educación primeira é de coidar persoas tranquilas, seguras e felices. Recomendo este ensaio educativo que aventuro de grande utilidade nas Escolas de Familias dos centros de infantil e primaria. Parabéns, Miguel!