Onte 545: Lectura en alta voz
Celebrouse onte o Día Mundial da lectura en alta voz, unha iniciativa concibida para amosar ao mundo que o dereito á lectura e á escritura pertence a todas as persoas. Celebrada en 2012 en sesenta e cinco países, os organizadores desta iniciativa pretenden “motivar aos nenos, adolescentes e ás persoas adultas para celebrar o poder das palabras, sobre todo daquelas transmitidas [compartidas] de forma presencial e capaces de crear unha comunidade de lectores e lectoras, ao tempo que reclamar o dereito de cada neno ou nena a unha educación segura e o acceso aos libros e a tecnoloxía. “Erguendo as nosas voces, neste día, amosamos aos nenos do mundo que apoiamos o seu futuro: que teñen o dereito a ler, escribir e compartir as súas palabras para cambiar o mundo”, afirman os promotores no texto do seu chamamento. A lectura en voz alta é unha práctica de comunicación oral baseada na lectura, capaz de socializar o texto e engadirlle emocionalidade. É unha moi interesante estratexia de animación e formación lectora, por fortuna en vías de recuperación. O programa “Ler e escoitar”, un concurso de lectura en alta voz incluído no programa “Hora de ler” da Asesoría de Bibliotecas Escolares, amosa o éxito e o valor desta estratexia de animación. Ler en alta voz para compartir e formar lectores e lectoras.