Día de Lugrís
No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a necesidade de forxar un novo modelo de relacións entre A Coruña e Vigo.
A pesar de que en campaña electoral sei que case todo se perdoa, non comparto a estratexia de buscar a palla no ollo alleo e non sacala do propio. Recorrer no pleno a denunciar o comportamento do grupo municipal do Partido Popular nas contratacións no concello da Coruña, onde se apunta a existencia de decenas de enchufes, non engade transparencia ningunha ao que no mesmo terreo se fai en Vigo e moito menos aclara diante dos vigueses o feito de que estean imputados por unha razón semellante varios funcionarios e unha familiar dun membro do equipo de goberno. Como non axuda a aumentar o número de destinos e frecuencias de Peinador denunciar que o concello da Coruña dopa ás compañías aéreas con fondos destinados á promoción turística. Como tampouco perdimos a caixa de aforros por culpa da Coruña… Por moitas voltas que lle deamos a este rodicio, non ten xeito ningún buscar as causas das eivas viguesas a cento sesenta quilómetros, cómpre abandonar de vez esa vella e reaccionaria estratexia romántica do duelo.
Erra Abel Caballero nas súas intervencións reiterando “o argumento coruñés” para incrementar o valor das súas actuacións, xa que afonda nesa estratexia tan resesa de rivalidade territorial utilizada até o delirio polo alcalde coruñés Francisco Vázquez. Lembremos que baixo o lema “Vigo no”, que popularizaron de forma irresponsable algunhas peñas deportivistas, agochábanse as carencias propias da cidade herculina que durante as case dúas décadas de vazquismo tivo bastantes máis ollos ca barriga. Unha absurda confrontación Coruña versus Vigo irraccional, na que se apela máis a emocións ca argumentos, na que quizais a curto prazo quen a emprega consegue cohesionar aos seus valedores, mais a longo achega moi escasos réditos, agravando os conflitos con novas e máis profundas feridas.
Aposto por abandonar esta estratexia cainita da rivalidade territorial A Coruña-Vigo, deixándoa apenas para os derbis futbolísticos, e substituíla pola da competencia e a da colaboración entre as dúas cidades portuarias. Trataríase de mudar os sintagmas da negación polos de carácter positivo, os vinculados ao estímulo, á emulación e á cooperación. Na dinámica do mapa das cidades do arco atlántico europeo as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, os dous músculos da demografía e economía galegas, non poden continuar nin viradas de costas nin sometidas aos intereses curtopracistas das súas elites políticas. O Vigo do século XXI debe tender pontes máis alá de Rande competindo e colaborando, primeiro con Pontevedra, cidade que pertence a súa mesma rexión urbana, máis tamén con Porto e A Coruña, cidades das que ten o privilexio de ser equidistante, o que supón un valor engadido de centralidade neste Eixo Atlántico peninsular, que debería ser aproveitado.
Competir e colaborar entre cidades obriga a planificar e compartir esta estratexia, a irmandar e achegar ás poboacións e, sobre todo, a valorar e recoñecer as fortalezas e as feblezas de cada unha. Vigo ten moito que aprender da Coruña, de Porto e Pontevedra, as súas tres cidades de referencia, as tres con importantes proxectos de rexeneración urbana. Vigo ten moito que aprender das fortalezas da Coruña de entre séculos, capaz de abrir un formidable corredor peonil a beiramar, de especializarse en museos de ciencia e tecnoloxía, e tecer unha rede de bibliotecas municipais e centros cívicos (Fórum Metropolitano, Ágora…) que a sitúan como modelo indiscutible. Como Coruña ten moito que aprender dun Vigo que na difícil contorna da crise foi capaz de modernizar e sanear o seu viario urbano e periurbano, rexenerar o seu Casco Vello ou constituír a súa Escola Municipal de Música Tradicional en referente internacional deste eido.
As corporacións de Vigo e da Coruña elixidas en maio deberían ter a afouteza de asumir esta estratexia de colaboración na competencia. Mais aínda cando ambas as dúas cidades teñen a medio prazo un futuro incerto, tanto polos efectos do tremendo devalo demográfico coma polo devir dos seus sectores principais (textil, automoción, pesca, naval e turismo). Coma fixeron Celta e Deportivo esta semana santa compartindo autobús para o desprazamento á meseta dos seus equipos da canteira (unha iniciativa marabillosa!), sería xenial que as novas corporacións asumisen decontado o reto de colaborar e compartir actividades culturais e deportivas, un motivo excelente para que a veciñanza viaxase de aquí para acolá coas facilidades do novo tren atlántico. Xaora, se os concellos queren recuperar o tempo perdido, poderían celebrar conxuntamente unha efeméride. Entre as posibles, propoño que estuden a do 28 de xaneiro, data do nacemento na Coruña de Urbano Lugrís, o xenial pintor finado en Vigo. Día Lugrís en Vigo e na Coruña, un soño realizable.