Listado de la etiqueta: confinamento

Pensando nas crianzas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para propoñer unha reflexión sobre o estado das crianzas na corentena:

As crianzas, os picariñas e as picariñas, os nenos e as nenas, os e as adolescentes, son as grandes esquecidas desta corentena. Hai máis dun mes que están pechadas hora tras hora nas súas casas –as menores de 15 anos son en España un colectivo de sete millóns de persoas, menos de trescentas mil en Galicia, máis de trinta mil en Vigo–, vivindo unha experiencia inédita, tanto para elas como para os seus proxenitores, que para unhas e outros será inesquecible e, como todas as vivencias de infancia, terán repercusións ao longo de toda a súa vida. Reclusión que sabemos é aínda máis incómoda e difícil naqueles domicilios cuxo tamaño reducido ou as condicións familiares non lles permite apenas moverse ou cando non dispoñen de ordenador ou conexión internet (entre o 10 % e o 15 % dos fogares), o que lles impide estar en contacto co profesorado e cos compañeiros do seu colexio. Dificultades que se multiplican para aquelas con diversidade funcional ou necesidades específicas de apoio educativo privadas de súbito do profesorado presencial (insubstituíble) cos que contaban nos seus centros educativos.

A pesar de que na pandemia non son unha poboación de risco, as crianzas forman parte do colectivo de persoas vulnerables que precisan máis atención e coidados. Necesidades e dereitos da infancia que nun exercicio desproporcionado de «adultocentrismo» foron suspendidos polo estado de alarma, quedando dende entón baixo a responsabilidade exclusiva e mellor entender dos seus proxenitores. Unhas condicións de confinamento que neste primeiro mes non tiveron en conta as necesidades vitais dos nenos e nenas como a de poder camiñar e moverse con certa liberdade gozando da luz natural e sol durante algún momento do día. Un exercicio psicomotriz que contribúe ao desenvolvemento óseo e neuronal, ao regulamento do ciclo do sono e da vixilia ou do control emocional. Condicións de reclusión que explican as dificultades que coñecemos de rapaces saturados de pantallas con dificultades estes días para prender o sono ou das súas mudanzas frecuentes de humor, irritabilidade, tristeza e melancolía cando vence o día, expresións emocionais do seu enfado e frustración por non poder saír dunha casa que pasou para eles de ser un espazo de refuxio a converterse nun espazo ameazador.

Sen menoscabo do respecto rigoroso do confinamento, non sería ningún disparate que os responsables científicos e políticos valorasen autorizar –como recomenda a Organización Mundial da Saúde e como xa sucede noutros países, como Francia, Suíza ou Alemaña– que os nenos e as nenas saísen cada día de modo ordenado a dar un paseo con algúns dos seus proxenitores cerca da súa casa mantendo a distancia social de seguridade. Sei que os rapaces e as rapazas, mesmo a cativada de infantil, debidamente orientada, son xeralmente persoas empáticas e razoables, ás que cando se lles pide e se lles explican as cousas e os seus perigos, colaboran de forma entusiasta e responsable. Modificar as nosas regras de confinamento pensando nas crianzas, como xa se fixo nos primeiros días do estado de alarma coas persoas con diversidade funcional, axudaría a fortalecer a saúde emocional das menores e a que elas asumiran a responsabilidade de xestionar o risco que se lles solicita. Mais e sobre todo ofrecería unha ollada máis inclusiva sobre a organización colectiva dos coidados as nosas criaturas, unha magnífica lección para a saída desta crise.

Reflexión semellante merece a organización do remate deste excepcional curso académico. Aínda que as aprendizaxes e cualificacións son fundamentais para o futuro dos escolares, nunha situación tan crítica como a actual non son o máis importante. E esa flexibilidade debe ser asumida polas autoridades educativas á hora da organización da fin de curso, na que os contidos curriculares e as cualificacións deben ser consideradas un requisito administrativo para pechalo. Un período no que o profesorado dentro das posibilidades coas que conta cada centro debe continuar asumindo que a súa prioridade é acompañar emocional e socialmente ao seu alumnado e a cada unha das familias, para que ningunha delas quede excluída e todas sintan o orgullo de formar parte da mesma comunidade educativa. Un acompañamento docente orientado a axudar a cada alumno a interpretar e expresar por medio de textos, debuxos ou gravacións esta vivencia traumática do confinamento e integrala así no relato das súas vidas, extraendo as ensinanzas positivas posibles. En definitiva, concibir o remate deste confinamento como unha situación excepcional na que se estreitan lazos familiares e a casa se transforma nun laboratorio de aprendizaxe onde descubrir cousas e compartir experiencias que contribúan a autonomía e o desenvolvemento persoal, sen dúbida, os contidos máis decisivos de calquera dos currículos. Pensemos nas crianzas.

Pautas para reducir o impacto psicolóxico do confinamento

O SERGAS, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, publicou onte un valioso documento que ten por obxectivo proporcionar á poboación ferramentas de afrontamento para reducir o impacto psicolóxico do confinamento por Coronavirus.

Polo seu interese resumimos tanto as recomendacións xerais como aqueloutras especificas para persoas con diversidade funcional e para os nenos e nenas.

Recomendacións xerais

1–. Ter claro o motivo do confinamento: impedir a expansión do virus, ademais de coidar de nós mesmos, da nosa familia, da nosa veciñanza e da nosa comunidade.

2–. Todos e todas sentimos a incerteza de non saber canto tempo durará o confinamento nin o que pasará despois, o que pode provocar certa angustia, agobio ou menos de máis ou menos intensidade.

3–. Necesitamos información suficiente e veraz de fontes oficiais. Ollo aos bulos que poden crearnos máis angustia.

4–. A familia debe acordar que espazos e que tempos se van a compartir e cales se van a reservar a cada membro para estar a soas.

5–. Utilizar os medios de comunicación dispoñibles para manter o contacto coas persoas queridas que non conviven con nós.

6– O confinamento é unha oportunidade para facer esas cousas que non faciamos «porque non tiñamos tempo».

7–. Atendamos ao noso propio coidado como o das persoas coas que convivimos no que atinxe a realizar actividade, respectar unha dieta equilibrada, vestiario, rutinas horarias… Non esquezamos o coidado das persoas da nosa comunidade.

Recomendacións a persoas con diversidade funcional

1–. Explicarlles de forma clara e sinxela a situación que estamos vivindo e as razóns polas que debemos mudar algunhas rutinas. Lembrarllo, se fose necesario, evitando dar información que incremente os seus medos ou preocupacións.

2–. Atender aos seus posibles cambios no seu comportamento (enfado, agresividade, rabia, axitación…). Facilitar a expresión das súas emocións. Escoitar e tranquilizar e, se fose necesario, solicitar axuda a profesionais da saúde.

3–. Manter os mesmos horarios e rutinas habituais, ademais de ensinarlles a respectar as recomendacións de coidado e hixiene para protexerse do virus.

4–. En caso de necesidade saber que poden saír á rúa acompañados, ao abeiro do disposto no artigo 7 do RD 463/2020 de 14 de marzo.

Recomendacións a nenos e nenas

1–. Preguntémoslles o que saben e o que lles preocupa do que está pasando.

2–. Debemos dicirlles sempre a verdade e adaptar as explicacións a súa idade.

3–. Cando teñan algunha dúbida que non sabemos responder ou que creamos que facelo pode angustialos, recoñecer que as persoas adultas non o sabemos todo.

4–. Saber que o malestar das crianzas é esperable e que se pode expresar a través de sensacións corporais (malestar físico, falta de apetito, nerviosismo….), medos (a contaxiarse eles ou algún membro da familia), expresións de sentimentos de ira, enfado ou celos, dificultades para conciliar o sono…

5–. Recoñecer as súas preocupacións para poder darlles unha resposta tranquilizadora, mantendo a calma e transmitíndolle confianza.

6–. Recoñecer con paciencia o posible malestar das persoas adolescentes axudándoas a canalizar os seus posibles enfados.

Reflexións finais

1– Ser realistas: a situación pode durar máis do que se espera.

2–. O humor é unha vía de saída diante do malestar e a incerteza.

3–. Asumir que é o que depende de nós: cumprir as medidas, planificar o que facemos, xestionar o que sentimos.

4–. Identificar e agradecer as pequenas cousas das que podemos gozar.

5–. Tratar de descubrir «o bo do malo».

6–. Coidémonos!

O documento completo pode descargarse aquí.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

A xestión das emocións na corentena

Nesta situación excepcional de confinamento, os pais e nais das crianzas de Educación Infantil e Primaria, ademais de organizar as rutinas diarias, conservando os seus hábitos de alimentación, lecer e sono saudables, son as pezas fundamentais da súa seguridade afectiva e desenvolvemento emocional. Os menores non son alleos ao que está sucedendo e nesta situación senten emocións como enfado, alegría, tristeza ou incluso medo e inseguridade, que requiren ser xestionadas.

Unha situación excepcional que brinda a oportunidade a pais e nais a estar máis presentes nas vidas das súas crianzas, dedicando tempo a falar, xogar e mesmo a aburrirse xuntos. Unha situación que proporciona a posibilidade de poñer en marcha na familia as estratexias da intelixencia emocional, o que facilitaría que os menores adquirisen niveis máis elevados de tolerancia á frustración e resiliencia.

A corentena, aínda que poida parecer estraño, pode axudar a que as crianzas coñezan no seu fogar o valor de palabras como empatía, solidariedade, respecto ou tolerancia. Máis aínda, a longo prazo este incómodo confinamento é posible que as axude a facer fronte aos retos da vida diaria e dos momentos de crise coma o que estamos sufrimos.

Con esta intención, Elena Fernández Serrano, orientadora educativa do noso centro o pasado curso, propón unha serie de pautas que poden axudar ás familias do alumnado de Infantil e Primaria a xestión emocional desta crise do coronavirus:

1–.Falar as crianzas con franqueza e sinceridade sobre a situación, o que xerará nelas confianza e seguridade.

2–. Utilizar unha linguaxe adaptada a súa idade, utilizando os termos e os datos científicos dispoñibles.

3–. Utilizar fontes fiables evitando bulos ou datos alarmistas, que poden provocar nos máis pequenos maior ansiedade e preocupación.

4–. Seguir as recomendacións das autoridades sanitarias sobre as medidas de prevención do contaxio (lavado das mans).

5–. Escoitar as súas dúbidas e responder as súas preguntas de forma clara, variando os temas de conversa.

6–. Identificar os pensamentos que poidan xerarlles malestar, o que pode axudar aos proxenitores a proporcionar respostas axeitadas que contribúan a mellorar o estado emocional dos pequenos.

7–. Recoñecer e aceptar as emocións, algo que afecta tanto ás persoas adultas como ás menores. Non hai emocións malas nin boas, todas axudan a adaptarnos á realidade.

8–. Intentar manter unha actitude optimista e alegre. Unha boa xestión emocional axudará a manter unha mellor saúde física de toda a familia.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.