Listado de la etiqueta: concello_de_vilalba

Onte 2092: Iria Misa, Premio Agustín 2020

A pesar de que non puidemos viaxar a Vilalba, no serán de onte participamos vía telemática, xunto a Antía Yáñez e María Xesús Fernández Fernández, no xurado da cuarta edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o Concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais. Unha edición na que participaron 21 obras, cunha calidade media excelente, outro síntoma da madurez da nosa lix, a pesar da incomprensión periódica dunha parte da crítica literaria e académica galega, sometida polas lentes dos seus prexuízos.

Mostra da importancia en termos estritamente literarios da nosa lix foron as catro obras que declaramos finalistas, presentadas baixo os lemas «Monadas cuánticas», «Bartolina Sisa», «Vega» e «Máscara», todas elas moi valiosas e orixinais. Entre as catro, escollemos por unanimidade como gañadora a última delas, que levaba por título A cidade do átomo, que unha vez que Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, abriu a plica resultou ser da escritora miñorana Iria Misa, finalista da primeira edición de 2017A cidade do átomo é unha novela que retrata a paisaxe da cidade ucraína de Prípiat, abandonada o 27 de abril de 1986 tras a catástrofe  da central nuclear de Chernóbil.

Unha obra de enorme orixinalidade, tanto temática como estrutural, da que os membros do xurado destacamos no ditame «o seu nivel estilístico, a alta calidade da súa lingua literaria, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas». Aínda que dirixida a un público infantil, probablemente de 10 a 12 anos en diante, «pode interesar sen dúbida a un lectorado de calquera idade, amosando que é posible abordar outras realidades e temáticas dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte da nosa lix.»

Iniciada cun texto documental, a mensaxe oficial emitida polas autoridades informando da inminente evacuación da entón chamada «a cidade do átomo», construída de formigón branco en 1970 polas autoridades soviéticas como cidade do futuro para acoller ás familias dos traballadores da planta nuclear instalada a poucos quilómetros de alí. Seguindo a Lena Petrov e a outras nenas e nenos da Escola nº 2, coñecemos unha cidade gobernada polas crianzas que agardan o regreso dos seus maiores. Un procedemento narrativo audaz, que pode lembrar ao que utilizara William Golding n´O señor das moscas (1954), que lle permite a autora retratar a desolación da cidade radiada dende o punto de vista das vítimas máis novas. Un paseo por unha cidade arruinada onde todo permanece en pé, conservando a pegada e a memoria dos que alí morreron.

Novela de lectura conmovedora, ofrece escenas extraordinarias como a do teatro onde as crianzas escenifican O cabaliño concorvado, un conto popular ucraíno, a do baño colectivo nunha piscina baleira, a do café de Prípiat onde aparecen as ninfas acuáticas ucraínas ou a da viaxe na nora cuxo motor está completamente esnaquizado. Escenas todas elas visualmente inesquecibles para expresar a inexplicable beleza da desolación. Unha narración marcada por dúas citas esenciais da Svetlana Alexievich, a xornalista ucraína premio nobel de literatura (2015), no seu libro Voces de Chernóbil, referíndose ás crianzas vítimas da catástrofe: «morreremos e converterémonos en ciencia», «morreremos e esqueceranse de nós». Velaí na recuperación da memoria daquelas crianzas, das súas amizades e proxectos truncados onde reside o celme desta novela fermosa. Inevitablemente, tras a lectura d’ A cidade do átomo, lembramos As flores radiactivas (Xerais 1989), que Agustín Fernández Paz escribíu en Pontedeume conmocionado polo accidente de Chernóbil e polas mobilizacións como as do Xurelo, que a comezos dos anos oitenta se fixeran contra os depósitos radiactivos na fosa atlántica.

En definitiva, outro excelente premio Agustín, que se une aos que con anterioridade obtiveran as escritoras María Reimondez,  Rosa Aneiros e Antía Yáñez. Parabéns a Iria Misa, unha das narradoras máis orixinais e concienzudas da súa xeración, que con este premio abre novas posibilidades para a súa obra. Gratitude ao IESCHA, e a súa presidenta Marisa Barreiro, por continuar teimando do certame e contribuír a que non se esqueza a memoria do mestre Agustín.

Onte 2046: Antía Yáñez, Premio Agustín 2019

Viaxamos onte a Vilalba para participar, xunto a Rosa Aneiros e Xavier Senín, no xurado da terceira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre as dez obras presentadas escollemos como gañadora por unanimidade a presentada como «Plan de rescate», que unha vez aberta a plica resultou ser da escritora mariñá Antía Yáñez Rodríguez. Unha novela infantil, narrada por unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas e protagonizada por ela xunto aos seus  outros tres compañeiros e compañeiras da aula de PT, que asumen a responsabilidade de liberar ao alumnado e profesorado recluído no comedor do centro.

Chea de humor e ironía, así como construída con situacións de intriga logradas, esta aventura transformará unha escola primaria nun espazo para unha operación de rescate na que cada unha destas persoas con capacidades diversas contribuirá a un afán compartido. Cunha voz en primeira persoa crible e engaiolante, este texto moi orixinal e atrevido propón ao lectorado novo unha reflexión sobre a diferenza e a inclusión.

Magnífico, pois, este terceiro premio AFP, que se une aos que con anterioridade obtiveran as escritoras María Reimondez e Rosa Aneiros. Parabéns a Antía Yáñez, escritora formada como lectora cos libros do mestre Agustín, que sen dúbida, con Plan de rescate consolidará a súa excelente traxectoria.

Na fotografía, Tita Fernández Paz abre a plica da obra gañadora en presenza de Rosa Aneiros e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

 

Onte 2018: O legado de Agustín

A Consellaría de Cultura e Turismo anunciou onte que aceptara a doazón do fondo bibliográfico Agustín Fernández Paz. Unha colección de 5.000 volumes que estará dispoñible, na súa maior parte, na Biblioteca de Galicia, mais tamén no Museo Pedagóxico de Galicia e na Biblioteca Pública Municipal de Vilalba. Rematan así os traballos de catalogación dun legado moi valioso, organizado de forma admirable pola tradutora Isabel Soto, que contén unha colección completa das  publicacións de Agustín, tanto literarias como pedagóxicas, tanto nas súas edicions orixinais como nas traducións ás diversas linguas.

Un legado que agardamos contribúa a que a investigación literaria afonde na obra, tanto literaria como pedagóxica de Agustín, unha figura esencial para entender a cultura e a educación en Galicia nas últimas catro décadas. Ás portas da celebración do aniversario do nacemento do autor de Non hai noite tan longa, o vindeiro 29 de maio, aleda comprobar como a súa obra continúa reeditándose e viva no interese do lectorado. Eis os anuncios de Xerais da vixésima edición de Noite de voraces sombras e a vixésimo cuarta de Aire negro, toda unha proeza para o libro galego.

Sen esquecer, tampouco, que está aberta a recepción do orixinais para a 3ª edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade convocado polo IESCHA, o concello de Vilalba e Xerais. Agustín sempre necesario.

Onte 2012: Rosa Aneiros recibiu o premio Agustín

Resultou onte memorable en Vilalba a cerimonia de entrega a Rosa Aneiros do IIª Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Emocionantes, moi emocionantes, foron as palabras de aceptación da autora de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, lembrando as viaxes que compartira co mestre Agustín en Brasil e na FIL de Guadalajara e reivindicando o espírito das Oito doas para San Simón, aquel discurso extraordinario que pronunciara hai unha década na cerimonia dos Premios Xerais. Como tamén foi emotiva a reivindicación da obra de Agustín que fixo alumnado do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba nunha peza audiovisual,  Todas somos Agustín,  que pola súa calidade e eficacia merece ser compartida pola rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. Como potentes foron as intervencións de Fran Alonso, director de Xerais, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e de Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, en representación das tres entidades promotoras dun premio nacido en man común para pór en valor o legado literario de AFP e activar anualmente o movemento agustinista.

Onte 1992: Rosa Aneiros, Premio Agustín 2018

Viaxamos onte a Vilalba para participar no xurado da IIª edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre a ducia das obras presentadas, as tres persoas do xurado, a escritora María Reimóndez, a tradutora Isabel Soto e eu mesmo, escollemos como gañadora por unanimidade a presentada baixo o título provisional «Unha manta rillada» e o lema Khoedi, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Rosa Aneiros e ter como título definitivo Tres bichicomas, dúas illas e unha serea. Unha novela infantil, que dialoga con varios dos textos e dos personaxes creados por Agustín, sobre todo n´ As flores radiactivas, n´A praia da esperanza ou n’ O segredo da Illa Negra, reclamando a empatía e o protagonismo do activismo interxeracional, de crianzas e persoas maiores, na solución de  problemas sociais como a recente crise das persoas refuxiadas e emigrantes.

Unha novela tan emocionante como literariamente fermosa que consolida o premio de narrativa infantil e xuvenil galega máis querido polo movemento agustinista. Aventuro que este de Aneiros será pola súa gran calidade un dos libros infantís máis referenciados e con máis lectorado destes vindeiros anos.

Onte 1947: Premio Agustín 2017

A cerimonia de entrega no Auditorio de Vilalba do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, outorgado á novela Fóra do normal de María Reimóndez, constituíu unha gran homenaxe ao autor d’ O rastro que deixamos. Durante máis de dúas horas catrocentas persoas participamos nun acto organizado con moito agarimo polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e polo concello de Vilalba, no que as intervencións musicais e lecturas de textos de Agustín se foron mesturando coas intervencions dos membros do xurado, dos organizadores e da gañadora, mentres no escenario a xove pintora vilalbesa Isabel Pardo creaba o que será a imaxe  do cartel da convocatoria da segunda edición. No entanto, foi a proxección dun vídeo de máis de corenta minutos de duración, preparado polo IESCHA, no que se achegaba a palabra do mestre Agustín, a cerna deste serán inesquecible e emocionante no que se salientaron os valores literarios e humanos do agustinismo. Non hai dúbida que esta cerimonia de entrega do Premio Agustín será, a partir de agora, unha referencia na angueira de manter viva a memoria do mestre de Vilalba.

María Reimóndez no seu discurso de aceptación (aquí en pdf) rescatou os fíos de vida enlazados con Agustín, dende o de Villaba, onde viviu tres anos da súa infancia, o que alimenta dúas das súas novelas, Dende o conflito e, a máis recente, As cousas que non queremos oír, que dedica a Agustín, até o de Vigo, onde gozou da xenerosidade e calidez humana de Agustín. Salientou Reimóndez que a obra de Fernández Paz “contén clave e mundo para facer deste un lugar mellor”. “Creou espazo para as rapazas, para a memoria, para o agromar do recordo; falounos en todas as emocións humanas; soubo escoitar como ninguén o corazón anoado que latexa naquelas as que ninguen escoita, e desenleou os fíos para que outras persoas puidesen entendelos”.

Reimóndez confesou que este premio tiña para ela “o vaor esencial de dar valor a unha literatura que non só debe ter todos os compoñentes que precisa para ser lida, senón que entende que a calidade literaria é tamén é un un servizo ao ser humano, á xustiza e á igualdade. Unha das leccións máis importantes que a min me deu Agustín como persoa e como escritora, é que toda literatura contribúe a conformar valores. A función da literatura de Agustín era non só amosar os fíos da súa propia vida, senón a través deses fíos poñer en evidencia os outros, os que disfrazan “estética” para falar en contra dunha ética”.

Rematou María Reimóndez expresando a súa convicción de que este premio de Agustín “permite por fin que as nosas obras se lean sen prexuízos. Iso é o que tentei con Fóra do normal, poñer no centro a quen de primeiras ficaría nas marxes, poñer en dúbida quen son os heroes e as heroínas, aquelas que loitan con puños e superpoderes para que o mundo volva estar como era, ou as que, como o meu amigo Eric Dopazo, teiman en ser quen son e conseguen, despois de humillacións e resistencias, un DNI co seu nome e a súa identidade”. “Nin esta historia, nin eu estariamos hoxe aquí sen Agustín. Este premio une o meu nome ao seu para sempre. Anóanos coma o nó intenso e emocionante que sinto neste momento, disposta a levar con orgullo e humildade o seu legado e desexando que moitos outros nomes veñan a unirse ao meu e que cos seus fíos todos construamos un mundo diferente, como o que Agustín nos suxeriu con cada obra e con cada acto na súa vida”.

Onte 1862: Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade

Premio_AFP_Igualdade_2017Viaxei onte a Vilalba para acompañar a Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), e Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, no acto de presentación das bases do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. No salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, onde tantas veces compartín mesa con Agustín, non puiden evitar a emoción cando comecei a relacionar algunhas das obras nas que abordou o tema da igualdade, unha das preocupacións temáticas que máis impregnou o seu catálogo. Obras mestras como Valados, O meu nome é Skywalker, Lúa do Senegal ou Non hai noite tan longa, constitúen testemuñas desta angueira principal no seu compromiso literario. A magnífica e orixinal iniciativa do IESCHA e do concello de Vilalba de convocar un premio de narrativa infantil e xuvenil (nix) con esta orientación temática merece todo o noso apoio. Sen dúbida será outro acicate para manter o interese das novas xeracións de lectores e lectoras pola obra de Agustín, ademais dun estímulo para a creación da nosa nix. Agardo grandes textos para este certame que aventuro será emblemático.