Onte 1557: Estado da edición en galego en 2014
Dediquei os días pasados a revisar en profundidade os datos da edición en galego publicados no informe do Comercio Interior do Libro do ano 2014. Un exercicio no que chama a atención o feito de que por vez primeira nos últimos anos, repuntase o número de títulos publicados até os 1.881 títulos (1.332 publicados en Galicia, 492 en Madrid e 57 en Cataluña). Cifras que, paradoxicamente, expresan que se reduciu até o 70,8 % a edición en Galicia do libro galego, así como se produciu unha lixeira redución do número de títulos (1,04 %). En definitiva, sube a edición en galego grazas ao que se edita fóra de Galicia. No entanto, prodúcese un importante aumento do número de exemplares fabricados que chega aos 2.379.000, un incremento do 32,24 %, que leva a que a tirada media en 2014 se incrementase até 1.772. Sen dúbida, un efecto directo sobre o sector da renovación de libros de texto ao abeiro da reforma LOMCE, como tamén outro é que o catálogo do libro en galego acadase en 2014 os 12.861 títulos, o que supón un incremento do 13,49 % con respecto ao de 2013 (11.332).
Facturación
O estudo estima que en 2014 a facturación do libro galego foi de 21,05 millóns de €, o que supón un incremento do 2,73 % (560.000 euros), con respecto ano ano anterior, sendo as librarías independentes a canle privilexiada de comercialización, xa que nelas se realiza un 59,30 % das vendas (12,48 millóns de €). Estimando que as librarías galegas facturaron 86,73 millóns de €, as vendas do libro galego supoñerían para elas o 14,38 %, o que supón unha redución de apenas o 0,38 % con respecto a 2013. Xaora, se relacionamos estas cifras de facturación de 2014 coas de 2008, 23,27 millóns de €, a máis elevada até hoxe, a redución foi do 9,54 % (2014).
Edicións paraescolares
Como sucedeu ao longo da década, o estudo amosa como o volume da edición e facturación nas linguas cooficiais concéntrase nos libros de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, as que podemos denominar «paraescolares». En 2014 mantense esta supremacía xa que o número de títulos en galego destes tres eidos chega a 1.294, o que representa o 93, 63 %, mentres que o número de exemplares producidos (2.251.000) supón o 94,62 %, sendo a facturación (19,11 millóns de €) o 90,78 % do mercado. Cifras todas elas que testemuñan que no entorno da crise non se modificou a forte dependencia do libro editado en galego con respecto ao mercado escolar e paraescolar.
A edición literaria
No ano 2014 reduciuse lixeiramente o número de títulos da edición literaria en galego (355), incrementándose, porén, o número de exemplares (282.000) e tirada media (794). Diminuíu moi lixeiramente a facturación (2,42 millóns de €), que representa o 11,50 % das vendas do libro en galego. Se facemos a comparación con 2011 (399 títulos, 509 mil exemplares, unha tirada media de 1.573 e unha facturación de 2,84 millóns de €), acentúanse a tendencia negativa. Xaora, o libro literario en galego mantivo neste periodo a súa diversidade de edición e facturación, a costa de reducir o seu volume de edición e a tirada media arredor do 50 %.
No ano 2014 a edición de poesía e teatro incrementou a súa edición até os 62 títulos, incrementando tamén o seu número de exemplares (2,8 % do total do sector) e a súa facturación (250.000 €). A edición de ensaio e estudos literarios baixou con respecto ao ano anterior até os 54 títulos, sendo a súa tirada media de 600 exemplares e a súa facturación de 190.00 €.
No que atinxe á edición de novela, o mercado privilexiado da edición literaria en galego, en 2014 editáronse en galego 239 novelas, o 17,30 % do total da edición; fabricáronse 183.000 exemplares, o 7,70 % do volumen total, o que supuxo unha tirada media de 794 exemplares; facturándose 2,43 millóns de €, o 11,50 % das vendas anuais. En definitiva, a novela que supuxo en 2014 o 67,32 % dos titulos literarios en galego, e o 20,40 % do total do catálogo galego, mantén a tendencia xeral de redución do volume de fabricación e de tiradas medias como estratexia dos editores para asegurar a diversidade da edición e a súa cifra de facturación. Un fenómeno facilitado polos actuais procedementos de impresión dixital e de baixa tirada que permiten realizar tiradas inferiores aos 400 exemplares a prezos asequibles
A edición infantil e xuvenil
No ano 2014 a edición infantil en xuvenil aumentou até o 495 títulos (o 35, 30 % do total); fabricáronse 438.000 exemplares, o 18, 40 % total; e facturou 4,35 millóns de euros, o 20,70 % do total. Se a comparamos cos datos do anao anterior, o número de títulos publicados medrou nun 24 %, o de exemplares baixou o 3,70 %, sendo a facturación case idéntica. Cifras que amosan unha aceptable saúde da edición infantil en galego no entorno da crise do sector.
A edición de libro de texto
En 2014 editáronse 444 títulos de libro de texto (o 32,20 %), fabricáronse 1.531.000 exemplares (o 64,30%), sendo a súa tirada media de 3.443 e a súa facturación de 12,33 millóns de euros (o 58, 60 %). Cifras que amosan o peso elevadísimo deste subsector de edición no conxunto do sector, máis aínda en dous exercicios nos que se publicaron novidades correspodentes á implantación da LOMCE.
A edición de Ciencias Sociais e Científico Tecnica
No 2014 baixou aos 40 títulos, así como a súa tirada media até 576, sendo a súa facturación apenas o 1,00 % da total. Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego quedou a cero ao longo do ano. O resto dos tipos da edición en galego (libros prácticos e de divulgación, dicionarios e enciclopedias) reducíronse a 40 títulos (3,40 %), fabricáronse 107.000 exemplares (4,50 %), sendo a sua facturación de 1,73 millóns de € (8,20 %).