Listado de la etiqueta: colmeiro

Colmeiro no Marco

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición de Colmeiro no Marco comisariada por Carlos L. Bernárdez:

O pintor Manuel Colmeiro conta nunha entrevista que lle fixo Carlos G. Reigosa que cando chegou a Vigo en xuño de 1926 procedente de Bos Aires quedara moi impresionado: «Carai, Vigo é azul». Unha lembranza perdurable de quen regresa con vinte e cinco anos, despois de ter emigrado aos 12 á capital arxentina para reunirse cos seus pais, e recoñece que quedou impresionado pola primeira cidade do seu país nun día de primavera. Aquel artista que comezara en Bos Aires a súa formación autodidacta como pintor de bodegóns e escenas portuarias, iniciaba con aquela homenaxe ao Vigo que o acolleu unha relación tanto artística como afectiva, xa que despois do seu regreso de París (1986) tivo estudio aberto na rúa Progreso, que compartía coa súa casa de San Fiz de Margaride, en Silleda, onde naceu.

Foi en Vigo, en 1928, na Sala de Faro de Vigo onde Colmeiro fixo a súa primeira exposición, nun ano decisivo para el, cando recibiu a pensión da Deputación de Pontevedra para ampliar os seus estudos en Barcelona, entón a capital artística. Mostra que repetiu en Vigo nos mesmos salóns do Faro en 1935, nun tempo de entusiasmo político e de renovación da vangarda artística. Vigo ao que regresará cos seus cadros Colmeiro en 1957, que exporá na Sala Velázquez, cando xa comezara a súa estadía parisina de catro décadas. Vigo onde Colmeiro terá a súa primeira antolóxica en Galicia (1978), na Nova Sala de Exposicións da Caixa de Aforros. Antolóxica que se ampliará en 1999, ano do seu pasamento, na mostra «Colmeiro a través da súa obra» instalada entre a Casa das Artes e a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Caixa de Aforros. Mostras da obra de Colmeiro que continuarán coa da Galería Montenegro (2011), e coas organizadas pola Pinacoteca Fernández del Riego, a primeira en 2012, e a máis recente en 2018, para presentar o Comodato Colmeiro, legado cedido pola familia á cidade, como quixo o propio artista.

Quizais o pintor do século XX máis admirado en Vigo, xunto a Laxeiro e Urbano Lugrís, Manuel Colmeiro volve chamar a atención da cidadanía cunha nova antolóxica aberta no primeiro andar do Marco de Príncipe que comisariada por Carlos L. Bernárdez e baixo o título «Espazos e encadramentos» propón unha lectura moi novidosa da obra do pintor e debuxante de Chapa. Unha ollada cronolóxica sobre os espazos onde desenvolveu a súa obra (Bos Aires, Galicia e París) máis tamén transversal sobre os contextos artísticos nos que participou. Velaí a súa achega aos debates arredor da figuración, que se deu tanto en Europa e América nas décadas de 1920 e 1930; como a súa contribución á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, que compartía con Maside, Torres, Laxeiro ou Souto, acuñando a súa interpretación da estética do granito fundindo a tradición galega coas linguaxes vangardistas. Colmeiro foi creador non só dun modelo de pintura, tamén dun repertorio iconográfico orixinal, que someteu a revisión, como as súas famosas panadeiras e moletes, aos que somete aos máis diversos riscos cromáticos, ao longo de case cinco décadas.

Na mostra do Marco descubrimos algunhas pezas do Colmeiro menos coñecido, como os seus debuxos de guerra, realizados no exilio (1937), que lembran a piedades relixiosas, onde denuncia a represión dos paseos fascistas. Coma os seus debuxos e óleos de temática portuaria e a súa representación da dignidade das clases traballadoras (campesiños, xornaleiros, mariñeiros ou mineiros), sen esquecer o achegamento a figura feminina con valor arquetípico, en cadros como «Muller con neno« (1930) ou «Maternidade« (1931). Outro tanto sucede coa súa pintura mural, que concibía como unha lección de humanidade nos espazos públicos ou o seu tratamento da paisaxe que consideraba formaba parte da experiencia vivida e do espazo de querenza, non exenta dunha certa ollada panteísta e dun cromatismo vibrante. Como moi presente está o valor do debuxo que sempre ocupou un lugar importante no traballo de Colmeiro fose vehículo de comunicación coa realidade ou coa súa abstracción.

Coa magnífica exposición de Colmeiro, completada no mesmo andar con outra excelente de Eduardo Gruber, o equipo do Marco dirixido por Miguel Fernández-Cid dá outro impulso á recuperación do proxecto de Museo de Arte Contemporánea co que naceu o Marco en 2002. Unha magnífica nova para un museo afogado economicamente polos conflitos entre administracións, cuxo orzamento soporta hoxe case na súa totalidade o concello de Vigo. Un centro que con todo merecemento debera contar con achegas económicas do resto das administracións, singularmente da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia e mesmo dalgún patrocinador privado, como xa aconteceu no seu día. Parabéns ao comisario e aos responsables do museo. Paga a pena non perder este Colmeiro novidoso.

Os monos de Laxeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición sobre a obra de humorismo gráfico do pintor Laxeiro:

Dentro do cativo panorama expositivo vigués actual chamou a miña atención a apertura na Casa das Artes da mostra «Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa», onde até o 21 de setembro se expoñen os 49 deseños, entre viñetas e debuxos, publicados por Laxeiro, entre o 13 de setembro de 1928 e o 24 e xaneiro de 1930, nos xornais «Faro de Vigo» e «El Pueblo Gallego». Unha mostra realizada a partir de imaxes fotográficas tomadas das coleccións impresas dos xornais, que rescata a totalidade dunha obra esquecida, que se estende coa publicación dun libro homónimo (Laiovento 2018), no que se reproducen todas as imaxes do que foi o primeiro traballo profesional no eido artístico do xenio de Botos, acompañadas de tres textos críticos magníficos: «Cando Laxeiro tiña vinte anos» de Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, promotora da exposición; «Os monos de Laxeiro» de Manuel Igrexas, comisario da exposición; e «Laxeiro e a idade de ouro do humor gráfico galego» de Félix Caballero, investigador de referencia no eido do humorismo gráfico en Galicia.

Unha exposición sorprendente que axuda a entender mellor aquel primeiro Laxeiro que cando tiña vinte anos, apenas regresado de Cuba, aproveitou o seu oficio de barbeiro de feira para tomar apuntes dos seus clientes e paisanos. Un período de decisivo de aprendizaxe para quen entón era un debuxante compulsivo e extraordinario retratista de simplicidade clásica, como demostra no seu «Retrato da miña avoa» (1930), co que comeza a súa particular reinvención do mundo, do ser humano e da propia vida. Un período formativo no que consolidou o seu nome artístico, co que asina todas estas viñetas e que tamén utilizou no seu primeiro autorretrato a acuarela (1930), roubándollo a súa avoa, a Laxeira, natural da Laxe, unha aldeíña de Lalín. Uns anos decisivos nos que coñeceu a Manuel Colmeiro, o pintor de Silleda, quen, segundo Manuel Igrexas, é posible o animase a presentar o seu traballo a «Faro de Vigo», xornal onde dende 1923 e con periodicidade case diaria publicaba o melloriño do humorismo gráfico galego, dende os inesquecibles Federico Ribas e o Castelao de «Cousas da vida», pasando por Álvaro Cebreiro, Ignacio Senra, até o ponteareán Vidales Tomé, o marinense Manuel Torres ou o propio Colmeiro, entre outros.

Como tamén foi daquela cando Laxeiro coñeceu da man do seu amigo de Silleda ao pintor arxentino Enrique Larrañaga, que tiña un estudio na viguesa rúa de Policarpo Sanz, que lle aconsellou se puxera a pintar ao óleo e lle deu as primeiras leccións desta técnica. Unha guía que Laxeiro entendeu como unha lección de liberdade, concretada axiña en pezas como «Desnudo» (1930), da súa muller, Luísa, embarazada, onde para o crítico Antón Castro se define a súa «querenza polo cromatismo terroso, ocre e negro e a súa escolla pola rugosidade escultórica, preludio do que sería a súa característica estética do granito». Xaora, foi probablemente o seu amigo, o xornalista Xesús Froiz, correspondente de «Faro de Vigo» en Lalín, quen intermediou co xornal para a publicación dos dez primeiros «monos», como eran coñecidos entón estes debuxos humorísticos, nos que Laxeiro se achegaba a vida da aldea cun tipo de humor choqueiro e nos que case sempre aparecía un diálogo como desenlace da situación: «No día da festa», «O viño novo», «A volta da feira»… Temática popular que Laxeiro continuou nas súas 39 colaboracións en «El Pueblo Gallego», mais que vai ampliando a outros temas de actualidade, en pezas como «A Asueroterapia» ou mesmo de política internacional, como «Con cal dos dous?».

Un traballo de humorismo gráfico moi depurado onde Laxeiro utiliza de xeito exclusivo o galego, tanto no título das pezas como na lingua empregada polos personaxes. Como tamén destaca a súa fasquía gráfica, onde se identifican tres estilos, dende as primeiras pezas sen fondos nin sombreados, como «Vergoña» ou «Curiosidades», a outras, as máis, nas que imitando a técnica do gravado e sen abandonar a liña sinuosa e sintética inicial engade un fondo raiado, utilizado para contextualizar a escena. Como hai unhas terceiras, pezas como «Pra diante» e «Inda veremos», as máis innovadoras, onde o trazo achégase a unha estética expresionista e de avangarda, case cubista, que lembra a Grosz ou a traballos futuros de Luís Seoane. Monos que Laxeiro, a pesar da notoriedade gañada, interrompeu en 1930 para concentrarse na súa obra pictórica na que imaxinou historias e mitos que conforman todas as patrias posibles. Case medio cento de «monos» onde Laxeiro se anticipou a ilustrar o mundo da cultura agraria tradicional, hoxe xa desaparecida.

A Casa das Artes ofrece unha exposición valiosa que pon en valor unha das facetas menos coñecidas dun dos grandes da plástica galega de todos os tempos.

Os previsibles argumentos de campaña

No Taboleiro do Colmeiro debúllanse as argumentacións que previsiblemente (ao fío dos textos que manexa a SXPL) serán utilizadas na campaña publicitaria sobre o Decreto de Plurilingüismo, na que a Xunta gastará un millón de euros.

Semella que todas elas incidirán na idea xeral de que o decreto fomenta o uso e a aprendizaxe do galego, tratando de que cale na cidadanía o seu carácter equilibrado e sensato, respectuoso coa lexislación, fronte ao extremismo das posicións que o critican, ás que se lle recriminará «que continúen pretendendo impoñer o galego».

Máis alá de que nos imaxinamos que a campaña, polo seu elevado orzamento, debería ter unha boa factura visual e capacidade comunicativa, ben será que vaiamos tomando boa nota devagariño das liñas argumentais para desmiuzar o que se agocha detrás de cada unha delas. Para isto, collemos o fío da anotación de Colmeiro (a quen reiteramos o noso agradecemento polo seu texto):

  1. Insistirase en que «cando o idioma maioritario da aula sexa o galego, en educación infantil as clases impartiranse nesta lingua», porén agocharase que, no caso contrario,  será o castelán, como tampouco se informará sobre o procedemento ideado para realizar a pregunta ás familias sobre a lingua que falan os picariños.
  2. Salientarase que «en todas as etapas, coa excepción de infantil, o galego deberá ter unha presenza horaria semellante á do castelán», porén agócharase que coa posta en vigor do decreto o galego reduce significativamente a súa presenza no horario escolar de todas elas e, pola contra, o castelán aumenta en todas elas.
  3. Subliñarase que «en Primaria e Secundaria se impartirán en galego áreas que esixen un importante desenvolvemento das competencias de comunicación oral e escrita», porén, agocharase que as matemáticas, a tecnoloxía e a física e química non poderán ser impartidas en galego, a pesar de seren área claves para a desenvolvemento, entre outras, das competencias matemática, dixital e de aprender a aprender.
  4. Insistirase en que «o decreto establece que deberá procurarse que o alumnado utilice o galego nas materias que se impartan nesta lingua e que os libros de texto e restantes materiais tamén deberán estar en galego», porén agocharase que o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia, abrindo unha perigosa fenda á autoridade do profesorado na aula e introducindo un importante prexuízo sobre a utilidade do galego no eido académico.
  5. Lembrarase que «todos os centros deberán desenvolver un programa de fomento do galego elaborado polo equipo de dinamización da lingua galega», porén agocharase o cambio de denomización dos Equipos de Normalización Lingüística e a redución orzamentaria realizada das partidas destinadas para a realización destas actividades nos centros.

Entendo que, ademais de ferramentas tan útiles como as proporcionadas pola Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, é moi importante continuar realizando ese traballo de análise argumental. A defensa do fomento do galego e dos nosos dereitos lingüisticos é un combate cívico que sabemos se libra só coa forza poderosa e paciente das palabras.