Artigos

Onte 1295: «Citizenfour»

Citizenfour-824927245-largeGustoume Citizenfour, o documental de Laura Poitras sobre as revelacións de Edward Snowden e a súa publicación en 2013 por parte de The Guardian, O Globo e The New York Times. Durante case dúas horas pareceume asistir a un episodio gravado da historia máis recente, mesmo duns acontecementos que sabemos en curso, amosando así o papel tan poderoso do cinema documental para ser o soporte privilexiado do xornalismo da sociedade dixital. Xaora, quedei fascinado coa narrativa escollida por Poitras, montando o relato coas técnicas do thriller sobre unha atmosfera moi fría de non lugares (cuartos de hoteis, salas de prensa, redaccións de xornal…) e un acabado visual semellante ao das series de HBO, unha das coprodutoras da peza. Recursos axeitados para presentar un mundo dixital onde todos, sen excepción, somos vixilados e onde apenas quedan fendas para a liberdade informativa e o pensamento crítico de profesionais e cidadáns.

Con todo, o final aberto do documental, os casos de Snowden e Assenge non están resoltos, enxerga un chisco de esperanza. Accións afoutas como as do analista estadounidense son propias dun heroe contemporáneo, un novo cabaleiro do Grial na súa loita pola conservación dos valores de privacidade e liberdade que pretenden ser erradicados de forma desapiada polo Gran Irmán sempre á esperita. Citizenfour é unha película recomendable para todas aquelas persoas que non queren deixarse acubillar no colo do conformismo.