Listado de la etiqueta: chisco_fernández_naval

Onte 2109: «Ulcis», o libro póstumo de Xosé Fernández Ferreiro

Xosé Fernández Ferreiro contoume que cando sufriu o infarto xa deixara encargado ás súas amizades [Manuel Álvarez Torneiro e Chisco Fernandez Naval] que se lle pasaba algo me fixeran chegar o libro de contos sobre os que viña traballando dende había anos. Por fortuna, Ferreiro saíu daquel trance e aínda publicaría De Xente Nova a Brais Pinto (Xerais 2012), un libro onde fai memoria da súa participación nos dous grupos xeracionais aos que pertenceu na mocidade, o ourensán Xente Nova (1950) e o madrileño Brais Pinto (1957), colectivo que en palabras de X.L. Méndez Ferrín «intentou poñer ao día a cultura galega de vangarda». Tras aquelas memorias breves, sabía que Pepe continuaba traballando no libro de contiños e nalgunha conversa telefónica me adiantara que eran moi breves e que tiñan por fío condutor a Ulcis, unha invención literaria dos tempos de Brais Pinto, referíndose ao libro co título Contos do Sil ou Contos do río Sil, aínda que aseguraba non o tiña moi decidido.

Magoadamente, Ferreiro faleceu o 16 de decembro de 2015 sen entregar o libro de contos en Xerais, aínda que lle dixera ao seu amigo e testamenteiro Chisco Fernández Naval, que o libro estaba feito e pensaba falar comigo [entón o seu editor] para facermo chegar. Analizando os arquivos que Ferreiro deixou no ordenador, Chisco comprobou que existían até catro documentos do orixinal, datados entre 2013 e 2014. Sobre eles traballou con enorme xenerosidade e a meticulosidade e o detalle do editor literario para conformar a recente edición de Ulcis (Xerais 2020), o libro póstumo do narrador e poeta de Espartedo.

Como era de imaxinar, por todas as voltas que Ferreiro deu a estes máis de oitenta textos, a maioría dunha extensión inferior a unha páxina, trátase dun volume fulcral no conxunto da súa obra, xa que aquí están presentes boa parte dos temas das súas quince novelas e as súas preocupacions máis íntimas. Nestas Historias de Ulcis están episodios da infancia na aldea e no territorio íntimo delimitado polo río Sil, o mundo onírico dos contos (a maioría de medo) ao lume da lareira, a violencia entre os mozos, o terror que sufriron os paseados nas gabias, os episodios de zoofilia, os contos de afiadores, mais tamén as querenzas literarias do autor (Valle-Inclán e Lovecraft), o mundo do cinema do que foi experto e amador, a experiencia na UCI tras o infarto, a memoria dos días de entusiasmo en Madrid na cafetería Los Mariscos onde se fundou Brais Pinto, a propia historia deste afiador esmagado por un autobús tras chegar de Rusia…

Con todo, a cerna destas historias radica no seu carácter circular, xa que esta viaxe sen rumbo polos abismos dos sumidoiros máis íntimos do autor, durou sesenta anos, desque creara en 1955 as primeiras referencias no libro de poemas A Noite, publicado por Brais Pinto, até o que corrixiu nos seus últimos días. O de Ulcis é un mundo atolado, escuro, surrealista, alucinado, habitado por seres míticos e máxicos como o propio personaxe e a súa amada, a bruxa Ertí, mais tamén por Iroba, o seu irmán xemelgo, ambos os dous bastardos e inimigos, que máis tarde ou máis cedo acabarán destruíndose. Ulcis como universo e como personaxe sería para Ferreiro algo así como ese substrato escuro que subxace en cadaquén ao que inevitablemente acabaremos enfrontándonos.

Magnífica a edición de Chisco, precedida por un memorable prólogo de X.L. Méndez Ferrín que contextualiza o libro dentro do universo literario do autor e da literatura galega de entre séculos. Un libro referencial, de grande interese.

Poema de hoxe 118: “Bater de sombras” de Francisco X. Fernández Naval

Só era unha cadea
que te mantiña vinculada á rocha

Francisco X. Fernández Naval, Bater de Sombras (Espiral Maior, 2010)

Onte 664: «A noite no deserto»


A pesar da calor abafante, a conversa entre os escritores Chisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello, moderada polo crítico Ramón Nicolás, resultou moi interesante. Unha etapa máis dunha actividade, presentada baixo o título «A noite no deserto», que se celebra en cada unha das Feiras do Libro de Galicia deste ano e supón a colaboración entre dous escritores, dúas editoriais, coa intención de crear un espazo para a conversa estritamente literaria. Os autores de Laura no deserto e A noite branca, dúas das novelas máis premiadas e valoradas polo lectorado das publicadas o pasado ano, obras entre as que existen certas coincidencias temáticas, de arquitectura e mesmo de enfoque, falaron con Ramón Nicolás sobre o proceso de ideación e escrita de cadansúa obra. Abordaron tamén a importancia das personaxes femininas e da memoria (tamén do esquecemento) e da identidade como motores das súas novelas. Como remate confesaron que na actualidade traballaban en proxectos de longo calado, coincidindo desta volta no feito de facelo sobre temas e problemas do noso tempo. A nosa gratitude a Chisco, Antón e Moncho por tan excelente serán literario, a pesar da calor, que debeu achegarse aos temibles corenta graos.

Onte 590: Coa Irmandade do Libro en Monforte

Acudín ao chamado do amigos da Federación de Libreiros de Galicia no seu xuntoiro anual nos premios Irmandade do Libro que desta volta se celebraron en Monforte de Lemos. Aledáronme, claro está, os premios que recibiron os autores da casa nosa, Chisco Fernández Naval por A noite branca como mellor libro do ano 2012, Antonio Reigosa pola web Galicia Encantada como mellor iniciativa de fomento da lectura e María Xosé Queizán como mellor autora. Rin a cachón co monólogo de Carlos Blanco, unha peza de prodixiosa sutileza, sobre todo no treito final cando, diante do conselleiro de Cultura e Educacación, homenaxea á poboación autóctona da illa de Arousa. Gustei do merecido premio ás vinte e cinco guías de natureza Baía como mellor obra editorial e do recoñecemento ao Colexio Público de Quintela polo seu labor a prol da lectura (as palabras da de Isabel Vázquez, a responsable da biblioteca do centro citando a Frederick foron espectaculares). Emocioneime co recoñecemento a Antonio Fernández Maira, un libreiro xeneroso entregado dende hai dúas décadas á xestión asociativa, co que compartimos tantas angueiras en feiras do libro e irmandades coma este de Monforte. Porén, o que máis me impactou foi o broche de ouro que supuexeron as palabras de Severino Rodríguez, o alcalde Monforte. Lonxe de proclamas retóricas ou apelacións localistas, Rodríguez pronunciou un discurso memorable a prol da lectura como competencia cidadá imprescindible. «Somos cidadáns, se somos lectores», podería ser o resume dunha peza oratoria excelente, tanto na súa construción (mesmo coa lectura de catro citas finais, sen desvelar a autoría) coma na impecable execución. Foi unha fachenda saber que neste impaís, se me permite Alcalá, aínda contamso con políticos capaces de expresar ideas de política cultural complexas, afastadas de coxunturalismos ou de declaracións demagóxicas de apoio a nosa cultura. Cando rematou o acto, tras a foto de familia das persoas premiadas, a pesar da miña discreción e timidez fun abeizoar ao alcalde. Pagou a pena viaxar onte a Monforte.

Onte 537: A noite branca

Incorporeime onte en Ferrol a xeira de presentacións que dende o pasado mes de novembro Chisco Fernández Naval realiza d’ A noite branca, a súa novela máis recente e, probablemente, a máis importante da súa traxectoria. Unha obra de gran calado na que a recuperación da memoria familiar e colectiva (desta volta a dun grupo de galegos da División Azul) ten un peso decisivo. Unha novela de grande alento na que tamén volve sobre o Ourense literario, compartindo personaxes e paisaxes con O bosque das antas, pola que obtivera hai vinte e cinco anos o Premio Xerais de novela.

No inicio da súa intervención o xornalista Nicolás Vidal fixo un completo percorrido pola obra de Fernández Naval, “un dos escritores galegos máis versátiles, xa que tocou todos os xéneros, dende a novela xuvenil, a poesía, o ensaio, os libros de viaxes ou a novela”. Para Vidal “A noite branca” é o seu mellor libro. “Un esforzo espectacular, tanto pola arquitectura narrativa como polo resultado estilístico, para abordar un tema insólito para a literatura galega, o da División Azul, tamén estraño para a lietratura española”. Vidal sinalou o acerto de Naval de vincular a memoria familiar coa colectiva, utilizando catro voces que relatan o que vai pasando: as cartas do divisionario, Alfredo; o monólogo da protagonista, María Luísa, e nai de Alfredo; as voces corais e de moi diversas nacionalidades e procedencias que contan o que lles sucedeu na fronte aos divisionarios; e, por último, a de Marcos, que relata o proceso de investigación, “que lembra o novo xornalismo norteamericano, unindo hsitoria, investigación e un grande esforzo de documentación”. Para rematar Vidal salientou “a habilidade narrativa fascinante de Chisco”, así como “a absoluta dignidade dos personaxes que aparecen na novela”. “O tema d’ A noite branca, como o de toda a literatura de Fernández Naval, é o da memoria que hai que recuperar. Para le falar das cousas e coñecelas é a forma máis útil de saír adiante”.

O historiador Bernardo Máiz comezou as súas palabras lembrando que “a realidade ben contada supera a ficción. Esta novela é unha boa mostra de que a historia coral se constrúe dende as historias individuais”. Relatou despois os episodios principais da  División Azul, desde a súa orixe no berro de Serrano Suñer “Rusia es culpable”, con especial atención ao que lle sucedeu ao primeiro grupo galego (o 14) formado por 1.200 homes que “chegaron a Rusia tras 53 días de viaxe, dos que trinta e un foron a pé para percorrer 100 km”. “Unha guerra que foi un gran desatino, na que participaron 45.000 españois cun 15% de baixas”.

Comezou o seu discurso Chisco Fernández Naval expresando esta súa convicción: “construímonos como seres humanos, como grupos familiares, desde o que nomeamos, mais tamén dende o que esquecemos”. Relatou despois a orixe da novela, “naceu dunha caixa de marmelo que apareceu no aseo pequeno da casa da tía Maruxa cando morreu. Dentro apareceron fotografías, postais e cartas…”. Confesou que cando asumiu o proxecto sabía que compría “facer un esforzo de lembrar máis alá do esquecemento, ir máis aló do olvido”, tarefa na que foi decisiva o esforzo de memoria da súa nai. Destacou a importancia das catro voces, mais sobre todo a de María Luísa, “a quen lle gustaba repasar a vida”, “un monólogo o seu que flúe coma o río Miño”. Referiuse, logo, á historia od pelotón galego, formado por soldados sen graduación, cuxa historia está relatada pola ollada de vinte e dúas persoas que os viron. “Quixen relatar a súa peripecia ao xeito dun caleidoscopio europeo en tempos convulsos, a cargo do que viron nenos de once anos, xudeus, guerrilleiros, rusos…” Finalizou Chisco expresando a súa vontade de que esta fose “unha novela para a paz, profundamente pacifista, que tende a man para todas as partes. Unha novela que ten ‘souffle’, que ten alento”.

Serán no Mar de Lira

Magnífica presentación a do serán de onte. Medio centenar de persoas, entre as que estaban algúns bos amigos dos que descoñecíamos a súa vinculación con Carnota, ateigaron a sede da Confaría de Pescadores de Lira en Portocubelo onde presentamos Ao pé da Laxa da Moa, a recollida de literatura de tradición oral realizada por Antón Cortizas e polo seu alumnado de hai trinta anos. As intervencións do autor (emotiva e un chisco saudosa) e a de Manuel Souto, profesor do Colexio de Carnota, amosaron a actualidade da proposta de galeguización educativa que mestres coma eles veñen desenvolvendo dende hai máis tres décadas, ao tempo que puxeron de manifesto a necesidade de recuperación da memoria e a responsabilidade que ten cada xeración en devolver a tradición que recibíu. As intervencións de Belén Campos e María de Fetós («a música son eu«, dixo a regueifeira), dúas xeracións de mulleres carnotás, engaioláronos polo seu dicir da fala popular. Ademais, esta presentación foi unha oportunidade para coñecermos o traballo que desenvolve a Confraría de Pescadores de Lira promotora de iniciativas tan interesantes como a da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, a promoción do chamado «Turismo mariñeiro», a participación en RECOPADES (Rede de Comunidades Pesqueras Artesanais polo Desenvolvemento Sostible), a venda do seu peixe por medio de Internet ou a edición de diversas publicacións didácticas como mapas e o formidable volume Os nomes do noso mar, no que se recuperan catro centos hidrotopónimos do mar de Lira. Quedei pampo co traballo desta confraría (apenas un cento de asociados), pareceume formidable. Tan estupendo serán foi posible grazas ao esforzo e dedicación do noso amigo Chisco Fernández Naval. Grazas, moitas grazas para el e para os que o axudaron. Volveremos ao Mar de Lira.