Artigos

Onte 1323: O XXI, século da lectura

reimprimete_12-05-2015

O escritor César Antonio Molina, director da Casa del Lector, pronunciou a conferencia da terceira edición do Reimprímete, o foro que o Clúster do Produto Gráfico e a Asociación Galega de Editores organizan cada ano para facer un seguimento do proceso de hibridación do libro e do produto gráfico. As fermosas e documentadas palabras do que foi ministro de Cultura do primeiro goberno Zapatero destilaron un aroma de melancolía, que non impediu que Molina fixese un chamamento enérxico á mobilización dos axentes da cultura para transformar «o século XXI no da lectura e no dos lectores», «para o que cómpre rematar coa dicotomía excluínte entre o analóxico e o dixital, na procura da formación dun lector multisoporte e plurilingüe.»

César Antonio confesou que «sempre acreditara no feito que a loita pola democracia traería o hábito da lectura xeralizada e a cultura como ben esencial…» «Nos anos 70 e 80 estivemos a punto de conseguilo, mais agora entramos nun período de certa involución. Hoxe temos un problema severo de lectores, sen eles todo o demais sobra. Na educación básica non soubemos facer difusión da lectura, crear ese hábito. As humanidades foron relegadas no sistema educativo, como proba que a Filosofía fose relegada pola programación de ordenadores. A marcha atrás é xigantesca. O feito de non ter sementado lectores leva a que agora chegan á madurez as primeiras xeracións de non lectores. Comprendemos agora que a lectura é un elemento democrático esencial.»

Para Molina «o futuro da cultura está nos arquivos dixitais. O 72 % dos usuarios das bibliotecas americanas buscan información nos soportes dixitais, que se fose necesario profundizan despois no soporte papel. Hoxe o aire que respiramos componse de osíxeno, nitróxeno e información.» Insistiu o coruñés na importancia da lectura: «Ler é unha condición inseparable do ser humano. A lectura é unha forma de relación coa vida, un nutriente da especie humana. Somos homo videns que aprendemos ao longo de toda unha vida que depende da variedade e potencia da nosa lectura. Ler permite interpretar o mundo que nos rodea e os espazos interiores que nos constrúen como persoas.» «Sigo crendo na validez da afirmación “amosarme as vosas bibliotecas e direivos como sodes”», concluíu no seu alegato a prol da lectura como forma de humanización.

Despois de definir o proceso de hibridación da lectura, como «a convivencia do sólido e do líquido», César Antonio afirmou que «estamos no abrente dun novo descubrimento lector, no albor dun novo paradigma, dunha nova oportunidade para abrir un novo ciclo cultural.» Un novo modelo de lectura no que identificou diversos perigos: «a dificultade de centrar a atención e realizar unha lectura silenciosa; e a pulsión excesiva pola velocidade, contraditoria coa lentitude que require o proceso lector.» «Ler con concentración, atención e silencio non depende do soporte.»

Dedicou a última parte da súa intervención a comentar algúns contidos de Smart, o ensaio recente de Frederic Martel sobre a cultura e o fenómeno de internet e as redes sociais. «Para Martel o novo modelo económico da cultura virá polas suscricións ilimitadas.» «Desenvolverase unha nova cultura onde a crítica será reemprazada polas recomendacións dos usuarios e polas conversas nas redes sociais. A conexión permanente entre os usuarios marcará os gustos e as tendencias dos contidos dixitais distribuídos polas multinacionais. Os dereitos de autor desaparecerán. A cultura será un sector sen ánimo de lucro, ond eo mecenado terá maior importancia que a cultura pública. A cultura mudará o produtor polo servizo.» Para César Antonio Molina o preocupante panorama presentado por Martel levará «á desintermediación educativa e cultural, realizada por profesionais como editores, xornalistas, profesores e bibliotecarios, para ser substituída polas recomendacións elaboradas por algoritmos descoñecidos en mans de Amazon, Google ou Apple, empresas que controlan os nosos movementos, as nosas consultas, intereses, a través dunha espionaxe a todas luces ilegal.»

 

Onte 786: Na Casa del lector

Non me decepcionou a Casa del Lector na visitiña que fixen aproveitando unha viaxe de traballo a Madrid. Gustoume a intervención urbanística e cultural do Matadero Madrid, un modelo que podería ser emulado para a recuperación do espazo da Panificadora de Vigo. Gustoume a arquitectura interior da institución dirixida polo galego César Antonio Molina, sobre todo no arranxo dos espazos para a lectura (onde non apareza o nome de biblioteca). É, sobre todo, gustoume a exposición «La Villa de los Papiros», un auténtico luxo sobre esta biblioteca da Antiguidade clásica, sepultada no ano 79 pola erupción do Vesubio, a única daquel tempo que chegou aos nosos días, Unha exposoción na que se percibe a pegada da filosofía epicúrea e o tránsito entre o rolo de papiro ao códice de pergameo que viviu a sociedade romana do primeiro século da nosa era. A peza principal da exposición é o fresco de Terencio Neo e a súa muller, unha das imaxes pompeianas mais famosas e tamén unha das iconas da historia da lectura. Unha ilustración que resume o que era o mundo dos libros e da lectura privada no século primeiro. Reparemos en que ambos os dous personaxes teñen nas súas mans os dous formatos de libro máis comúns no mundo antigo: o rolo de papiro e a taboíña de cera. Como significativo tamén é o feito que a moza terme dun stilus, un útil de escritura; mentres que no papiro do que se cre maxistrado novo pendure un titulus, a etiqueta na que se adoitaban escribir as primerias palabras da obra. Unha exposición interesantísima sobre a lectura na antiguidade, que axuda a entender as mudanzas da lectura do noso tempo. Paga a pena unha vista devagariño á Casa del Lector. Vilveremos.