O descoñecido Carolo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do descoñecido Carolo, primeiro heroe da Reconquista:
Da fértil representación da Reconquista, celebrada a pasada fin de semana, foi o lance máis emocionante (como ven sucedendo todos os anos) o da morte de Carolo, o heroico protagonista do derrubamento a machadazos da porta da Gamboa, das mans de quen tomou Cachamuíña a macheta para proseguir tan temeraria apertura. Un acontecemento presente en todos os relatos da proeza viguesa do serán do 27 de marzo de 1809, mais tamén un nome (Carolo) que polo que sabemos pertence máis a lenda que a historia local, xa que non aparece recollido como tal en documento ningún. Paradoxo ao que xa se refería en 1978 Xosé María Álvarez Blázquez no prólogo de Reseña de la Reconquista de Vigo, o libro monumental de Félix Estrada Catoyra, destacado médico militar, que agardou case setenta anos para ser publicado polo Banco Industrial de Bilbao, despois de que o texto fose premiado en 1909 en Compostela, coincidindo coa celebración do centenario da Reconquista.
No relato daquelas horas decisivas, Catoyra detalla o proceso e as cláusulas de capitulación da praza e forte de Vigo, asinada ás seis da tarde entre Chalot, comandante das tropas francesas, e doutra parte, por Crawford, comandante da fragata inglesa Venus, e polo coronel Morillo. Mais non esquece relatar a impaciencia coa que o Abade de Valadares e o seu exército popular agardaba fóra das murallas; espera rota ás oito e media da tarde cando comezaron a asaltar as portas da muralla, a pesar de contar cuns poucos fusís e carecer de canóns. Chegada esta hora, Catoyra salienta o heroico comportamento de todos os asaltantes e, mais en concreto, que «houbo episodios admirables, como o dun ancián mariñeiro do Berbés que comezou a destruír a machadazos a porta da Gamboa e caeu morto cribado a balazos polo inimigo, heroe anónimo cuxo nome sentimos non ter podido atopar en ningún dos documentos que manexamos mais cuxo feito é citado por todos os historiadores».
Continúa Catoyra o seu épico relato, que segue o do informe militar de Pablo Morillo, sinalando que o ataque foi dirixido polo afouto capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña» «quen ao ver morto ao mariñeiro tomou das súas mans a machada e coa forza hercúlea que o caracteriza fixo saltar as estelas da porta, mais cando esta cedía xa para dar paso aos seus soldados recibiu catro balazos que o fixeron caer en terra». Remata precisando que o tiroteo nas murallas cesou ás dez da noite, hora na que se presentaron dous oficiais franceses coa ratificación da capitulación, que se levou a cabo o día seguinte, 28 de marzo, cando a partir das dez da mañá diante das tropas do Abade de Valadares, Tenreiro e Almeida desfilaron os franceses desarmados en número de 46 oficiais e 1.213 sarxentos, cabos e soldados, antes de ser embarcados en lanchas que os transportaron ás fragatas inglesas fondeadas diante da Laxe.
Relato moi semellante ao da representación actual, que difire pouco do publicado en 1810 por José Fernández Neira en Proezas de Galicia, a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega, como por Manuel Pardo de Andrade (1814), outro xornalista pioneiro, que rebaixa a tres os balazos recibidos por Cachamuíña, e engade «a quen lle mataron o machadeiro». Como ten grande valor documental a proclama titulada «Habitantes de Galicia», asinada o 9 de abril de 1809 polo vicealmirante inglés G. Berkley, conservada no Museo de Castrelos, a primeira referencia impresa do acontecemento da Reconquista, na que se remarca que «as mellores tropas [referíndose ás de Napoleón] poden ser vencidas e aniquiladas polos esforzos unánimes dun pobo determinado a ser libre [Vigo]». Anos máis tarde a figura deste mariñeiro do Berbés sería citada por José de Santiago na súa Historia de Vigo (1896) e polo cronista Avelino Rodríguez Elías, que chegou a identificalo con José Ovelleiro, o que parece dubidoso, xa que como afirma Eduardo Rolland no seu libro de referencia, Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), este nome non aparece documentado nos libros de defunción.
En todo caso, a pesar de que non hai rastro de papel do alcumado «Carolo», ese mariñeiro de nome descoñecido é o maior e primeiro heroe do Vigo popular, encarnando, como sinala Rolland, «ao pobo común, esforzado e traballador». Unha figura, como a de Cachamuíña ou a dos abades das alarmas do Fragoso, necesarias para fixar o relato da Reconquista como o mito fundacional da cidade da oliveira, recoñecida como leal e valorosa en 1810, que adquire, por fin, o ano seguinte certa autonomía política, tras a abolición dos señoríos da mitra compostelá e a súa declaración como porto franco para as embarcacións inglesas. Tres consecuencias políticas moi relevantes para a historia, representadas no mito dos machadazos de Carolo, dunha cidade que dende entón nunca perdeu a súa ansia cívica.