Petróleo
Lendo no ensaio Literatura, lengua y cultura. Termodinámica aplicada (Anagrama 2025) de Jaume Subirana, atopo os datos da potente industria editorial catalá: 885 editoras, que publican 4.000 títulos, fabrican 111 millóns de exemplares, empregan a 4.700 persoas e ocupan a 18.000 colaboradoras. Sector que factura 1.500 millóns de euros, a metade do mercado interior español do libro, dos que 600 millóns corresponden a Cataluña e 278 aos títulos en catalán, o 23 % do mercado, que en cada Sant Jordi sube ao 50 %. Sector que edita en catalán sobre 9.000 títulos por ano, cifra superior á de Grecia, que non chega aos 7.000, Suecia con 4.000, Letonia con 2.000 ou Galicia con máis de mil. Cataluña conta cunha poboación que le habitualmente en catalán do 32,5 %, en 2016 do 26, 9 %, polo tanto que se incrementa na última década, subindo ao 55,7 % no segmento de dez a trece anos. Ecosistema do libro en catalán alicerzado sobre 108 empresas, que forman parte d’ Associació d’ Editors en Llengua Catalana; 1.713 membros d’ Associació d´Escriptors en Llengua Catalana, dos que apenas o 10 % se ocupa de forma exclusiva da escritura; 460 librarías que constitúen o Gremi de Llibreters de Catalunya. Ecosistema lector animado por un potente sector de lectura pública formado por 428 bibliotecas e 12 bibliobuses, con 3,5 millóns de usuarias, o 43,7 % da poboación, considerado como un dos servizos públicos mellor valorados; ao que se engaden 1.250 certames literarios e un amplo fenómeno popular e autoxestionado de clubs de lectura. Cultura do libro e da lectura que Carlos Puigdemont, presidente da Generalitat, cualificou con fachenda en Boloña (2017), cando Cataluña foi convidada de honra, como «o noso petróleo». Estando moi lonxe desa hiperliteraturización catalá, se comparamos con realismo esas cifras coas recentes do caso galego, non é difícil inferir que existe unha ameaza real de que o futuro do libro e da lectura en galego sexa a dun bonito glaciar destinado a desaparecer de forma silenciosa.
Publicado en Nós diario: 19/11/2025




