Artigos

Onte 2130: «As mellores tendas de Madrid» de Manuel Veiga

Hai apenas tres meses que reseñabamos A parte queimada (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela breve de intriga e o ensaio político no que Manuel Veiga exploraba o ADN dos totalitarismos e da utilización da violencia como estratexia política. Agora volve cunha novela máis extensa, As mellores tendas de Madrid (Xerais 2021), na que aborda un dos temas fulcrais da Galicia da derradeira década: a fusión das caixas de aforro galegas durante a última crise financeira. E para facelo Veiga aposta por utilizar os recursos da ficción paródica (rigorosamente documentada) como xeito máis directo e eficaz de achegarse á verdade dunha cuestión agochada nos mal chamados medios de referencia e sometida aínda a un longo proceso xudicial.

Valéndose da atmosfera dos primeiros anos da crise financeira iniciada en 2008 e da man de Fredy e Mónica, un avogado e unha empregada da caixa de aforros, unha parella convencional instalada na comodidade amoral da clase media urbana, que importaba os modos de vida de Madrid, Veiga reconstrúe unha crónica desoladora do que foron aqueles anos da estafa das preferentes, da venda das caixas a prezo de saldo e dos casos de corrupción do Partido Popular, que coincidiron coa chegada á Xunta de Alberto Núñez Feijoo.  Con todo, será o director xeral de Caixatlántico, unha mestura dos trazos daqueles Gayoso e Méndez, ese que voa a Madrid en clase turista, o protagonista dun relato político que se cingue a axenda daqueles días como unha luva. Un preciso exercicio de memoria recente, como recomendaba Isaac Díaz Pardo, que demostra a utilidade da novela, mesmo mellor co ensaio sociolóxico ou político, para resolver enigmas aparentes ou para achegarse á verdade que nos foi ocultada.

Como fixera en Lois e Helena Buscándose nun día de tormenta (Galaxia 2006), Veiga volve polos vieiros da novela cen por cen viguesa, tanto na escolla do amplísimo elenco de personaxes secundarias, algunhas con retratos memorables, como os do alcalde Escudero, o subdirector submiso, o sindicalista Constantino Sanmiguel, o responsable da Ágora Cultura de Caixatlántico Gregorio Mármol, o xornal El Sol que más calienta… como das localizacións de negocios e establecementos (o ximnasio do Financial Club, La Gota Malaya, a Business Insider School…) que dan para un itinerario urbano polo Vigo señorito de comezos de século. Como mención merece o rexistro humorístico e paródico no que está escrita a novela, que lle permite ao autor perfilar un retrato corrosivo desa clase media viguesa tan viaxada cos ollos postos en Madrid.

Onte 1018: Abanca

abancalogo

Asistín no serán de onte ao acto de presentación da marca e do proxecto de Abanca, apenas unha hora e cuarto dunha modélica sesión de comunicación corporativa. Mudaron moito os modos no que foron as desaparecidas caixas galegas. Mudaron as formas de comunicación dos líderes do proxecto que falaron sen papeis con micrófonos inalámbricos, apoiándose no soporte audiovisual, movéndose polo escenario, ao xeito dos lideres das empresas punto com. Por ventura, mudou o emprego das linguas, optando polo galego como lingua preferente, tanto dende o rotundo acerto da galeguidade da marca (presente tamén na cor e na escolla tipográfica) coma o seu emprego na comunicación corporativa. E mudou, sobre todo, o discurso, alicerzado agora sobre a eficiencia dunha banca con valores, chantada en Galicia e procurando o liderado no norte de España. Chamoume moito a atención o discurso literario de Juan Carlos Escotet, asumindo e liderando a responsabilidade do novo proxecto, como nas súas formas relacionais, tan afastadas daqueloutras imperiais dos que eran donos e señores das caixas. No remate do acto, no entorno de semellante entusiasmo corporativo, acertou Feijoo cando introduciu unha nota de necesario escepticismo. ABANCA, tras a desfeita das caixas, deberá gañar día a día a reputación perdida cos seus clientes, co seu cadro de persoal e coa sociedade galega á que serve. A estrea de onte, coa sintonía de Carlos Núñez, prometeu. Ogallá dentro duns anos poidamos recuperar esta anotación como a do día no que se presentou un banco en valores ao servizo de Galicia, ogallá.

Onte 990: Preferentistas

Preferentistas_29-05-2014No serán de onte vin a enésima manifestación dos preferentistas diante da porta da sede da Caixa en Vigo. Non chegaban a un cento. Berraban e berraban: «Hasta los cojones de estos ladrones», «Si se puede, si se puede…». Faro anuncia esta mañán a disolución das plataformas de Vigo e da Coruña, «ao considerar que a maioría dos afectados recuperaron os seus aforros», así como a preparación das súas mobilizacións de despedida antes da disolución. A loita dos preferentistas estafados por xestores das caixas sen escrúpulos, os mesmos que levaron ás entidades á desfeita, como a loita dos membros das plataformas contra os desafiuzamentos, foi un esforzo que non resultou inútil. A súa resistencia pacífica, teimosa e creativa fronte estes abusos permite enxergar un horizonte de esperanza. Que a maioría recuperasen os seus aforros, ainda que non está pechado o conflito, demostra a utilidade desta resistencia ghandiana.

As caixas de aforros desaparecerán

Tras a aprobación do Decreto que reforma a Lei de Caixas do Goberno Central (LORCA), semella que  as caixas de aforros desparecerán, tal como as coñecimos até agora. Ben sei que o proceso de bancarización afectará antes a unhas entidades ca outras; son consciente, ademais, que no caso das caixas galegas o seu proceso actual de fusión disuadirá, quizais durante un tempiño, a entrada de capital privado; no obstante, non se pode agochar que no contexto das durísimas medidas de axuste ordenadas polo FMI o futuro para estas entidades de aforro de carácter semipúblico xa é, moi, moi escaso. Despois da ledicia que supuxo para todos o inicio do proceso de constitución da Caixa Galega (o proceso utilizado para bautizala podería ser, en si mesmo, indicativo de por onde podería ir o seu futuro a medio prazo), o primeiro dos acordos económicos entre Zapatero e Rajoy (desenténdéndose das competencias que sobre a materia puidesen ter as CC.AA.) pode levarse por diante o carácter público da entidade fusionada, o que constituiría unha pésima noticia para Galicia. Semella que a hipótese máis negativa que manexamos hai uns meses pode verificarse: primeiro se realizarían as fusións das entidades e logo se procederían a súa privatización (bancarización). Alguén (dende o presidente Zapatero ao presidente Feijóo) debería dar explicacións á cidadanía do que está sucedendo e das razóns desta previsible desmontaxe (cos cartos públicos do FROB) de tan importante ferramenta financeira, indispensable para o desenvolvemento do noso tecido empresarial e para a vitalidade da nosa industrial cultural. Quedará outra vez a cidadanía a velas vir?