Artigos

Onte 616: Baixón

Padézoo case todos os anos. Cando chega o dezasete, dáme o baixón. O peor é que sei cal é a orixe do meu desacougo. Non dou encaixado a retórica de gabanzas e ditirambos, mentres a lingua e a industria cultural se derrama á intemperie. Tampouco encaixo ben os pronunciamentos sobre o futuro da lingua no que persoas con responsabilidade pública se presentan como meros espectadores. Nin son capaz, tampouco, de aceptar a liturxización por un día dalgúns medios de comunicación, mentres que aqueloutros que utilizan sempre o galego non reciben sequera a esmola da publicidade institucional. Anóxame. Porén, en días de baixón, agradécense as iniciativas inconformistas, que por fortuna abrollan aquí e acolá, como a que dende onte promovemos na rede os editores galegos (grazas a Ana Mouriño polo deseño), as que o Foro Peinador promove para galeguizar a economía ou, entre tantas outras, a dos medios en galego que se organizan. Agradécense as declaracións de afouteza e dignidade como as de Belén Quintáns coma mesmo esta jaureguina, froito, quizais, dun baixón coma o meu. A pesar do ballón e do baixón, este serán das Letras viaxaremos a Lugo para presentar na Feira do Libro o novo libro de Antonio Reigosa e a multipremiada biografía de Celso Emilio Ferreiro que preparou Ramón Nicolás. Avante!