Listado de la etiqueta: barrio_do_cura

Roscas de primavera

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a actualizar o que fixera hai quince anos sobre a tradición familiar das roscas de primavera:

Cando devala a tarde paso por diante do Barrio do Cura, ao comezo da rúa Pi e Margall onde nacín, a carón da Panificadora. Abandonado o asilo e a maior parte das vivendas da súa contorna, hoxe o noso barrio é un dos espazos urbanos máis degradados da cidade, unha vergonzosa ruína á que non son alleas nin a picada da burbulla inmobiliaria dos Karpin e compañía nin o fracaso do planeamento das dúas últimas décadas. Cando camiño por alí é imposible esquecer a actividade da ferraxaría de Sanmartín nin as quinielas que botei no Bar Madrid nin o arrecendo dos callos e da tortilla da taberna de Armando na callela das Angustias nin tampouco o algareo do forno de leña do noso veciño o señor Domingos, onde cociamos as roscas de Pascua ao xeito da familia Beleiro.

Unha experiencia a das roscas de primavera que comezaba a noite do xoves cando a madriña e a avoa viñan amasar á casa nosa. Traían as tinas cheas de fariña triga, manteiga cocida de vaca, cartuchos de azucre, daqueles de papel de estraza, e ducias de ovos da aldea que mercaban na praza. Conservo o arrecendo da esencia de anís e das reladuras de limón que mesturaban con presiñas de sal e cos outros ingredientes, e o cheiro forte do fermento de panadeiro, que desfacían axudándose dun chorriño de leite. Traballaban a masa a conciencia, remexían até conseguir que se despegase das mans. A masa quería traballo, había que bregala ata que quedase ben sobada. Cando remataban, facíanlle a cama, deixábana durmir ata o día seguinte, tapándoa cunhas mantas, para así ben abrigala, impedindo que o frío estragase o traballado. A mañá do venres, ben cediño, íamos ao forno onde xa solicitaramos quenda para facer as trinta espléndidas roscas, de quilo ou quilo e medio. Unha vez confeccionadas, o señor Domingos apartábaas a durmir outra media hora, para logo, lucilas con ovo batido, azucre humedecido, froitas escarchadas e, nalgúns casos, mesmo con ovos, tantos como anos tiña o afillado que a recibiría. Só había que agardar a fornealas e ter a sorte de que medrasen: as máis altas e esponxosas eran as máis valoradas por todos. Aquela fornada de Pascua no meu Barrio do Cura era unha das ledicias da miña nenez. Unha tradición que sei se repetía nos fornos vigueses todos, nun afán colectivo no que cada familia posuía o segredo das proporcións da súa receita, herdada de vello, convertida nun tesouro prezado transmitido de xeración a xeración.

Mariano García e Fina Casalderrey trazaron a xeografía da rosca, roscón, bólas dóces, o pan durmido galego, no seu libro “Repostería en Galicia”. Descubriron, entre outros, os segredos das receitas da rosca de cama, da rosca de Navia, que se baña con merengue, do roscón trenzado de Muros, da peculiar forma do roscón de Caldas, o roscón de xema dos pasteleiros da Guarda, da rosca de noces, da bola de auga fría con fariña centea de Navia de Suarna ou da poufeira de Ponteareas, unha bola de boliñas, cun sabor entre a rosca e as rosquillas.

p04No entanto, as miñas preferencias na área viguesa decántanse hoxe pola lei que manteño á rosca Niza da confeitaría Ramos, unha delicia, e nas roscas de Camos, quizais pola súa mestura de fariñas, un segredo moi ben gardado por dona Josefa Copena e a súa familia de panadeiros do Val Miñor. Un bocado da rosca camoesa –coa súa característica textura case carnosa, como as mazas da mesma orixe, hoxe desaparecidas, como tantas outras variedades autóctonas– permite aprezar o verdadeiro sabor do ovo inchado no padal.

Xaora, non pensemos que este pan durmido existe só en Galicia. Os brioches, esas coroas francesas (variantes de follado das famosas “galettes des rois”) ou as especialidades árabes tamén deixan durmir a masa, primeiro nun lugar frío e logo quente. O pão de lò de Ovar, na ría de Aveiro, prepárase con dezaoito xemas e catro claras de ovos; os “dormidos” de Bragança son boliños que agardan toda a noite pola calor do forno, como o Folar de Pascua de Tras os Montes, expresións portuguesas dunha mesma tradición da repostería europea e árabe.

O roscón e as súas múltiples variantes, este “gulódice” de Pascua –como o chamaba Filgueira Valverde nun dos seus adrais, publicados no Faro–, posúe a forma de coroa circular como signo de eternidade, como expresión de eterno retorno, como invocación ao poderoso Pan, sustento do mundo. Esta deliciosa larpeirada, cuxo miaor consumo coincide co paso do inverno á primavera, quizais o doce popular máis antigo dos que se fan en Galicia, na que os ovos e o fermento son os grandes protagonistas, é símbolo da procura da fecundidade e da vida. As roscas son o mellor pan das festas. Esta marabillosa mestura de auga, fariña e tempo, sometida a múltiples formas e procedementos en todo o mundo, é un alimento con poderes tan nutritivos como antidepresivos. Proben un bocado para iniciar con azos renovados o tempo de primavera!

Onte 1037: Barrio do Cura

Souben onte desta peza audiovisual sobre o Barrio do Cura, alicerzada sobre o texto e a voz do poeta Xabi Xil Xardón. Unha marabilla!!! Quedei sen palabras. Afondoume. Non é ese para min un espazo calquera, no forno do señor Domingos, o noso veciño fronte por fronte, está o celme da miña nenez, moitas horas daqueles días felices, o arrecendo das empanadas e tarteiras da miña nai e os roscóns da miña avoa e miña madriña chegadas das Travesas. No Barrio do Cura estaba o estanco de Maruxa co faro de cada día, máis tamén coas novelas de mamá, as medias da avoa e, anos máis tarde, o meu Triunfo. No Bar Madrid botaba papá a quiniela e eu agardaba a Julito Bernárdez para subir para o colexio. Na ferraxaría industrial dos Sanmartín sempre había tanto balbordo como na moblaría desorde e medo, moito medo, cando morreu tan noviño o rapaz do terceiro, o fillo do carpinteiro. Nunca esquecerei a desgraza de Concha na carnizaría, nunca, nin o accidente do Dyane do meu pai no cruzamento de Llorente. No bar Mascato dicía a avoa Filo que ían os borrachóns de retirada, despois de visitar a taberna de Armando do calellón das Angustias. Máis tarde souben que os pintores e intelectuais como Laxeiro frecuentaban o Roucos para fartarse coas tortillas e as filloas larpeiras de Sira. Os ultramariños da Aldea eran moi escuros, xusto ao pé da casa da mestra onde aprendín a ler. Nos calellóns do Barrio do Cura quedou ancorada unha parte da miña memoria máis luminosa. Mágoa que sexa tan difícil evitar a desaparición deste derradeiro reduto da arquitectura mariñeira máis tradicional do Berbés. Quedan, en palabras de Xardón, as primaveras no barrio de luz e máis non dar, e nós entre ruínas. Quedan.

A miña gratitude aos autores desta peza, que para min constitúe un grande agasallo. Xardón, Miriam Rodríguez e Pablo Kaufmann, beizóns.

O sorpasso de Caballero

No artigo da semana en Faro de Vigo analiza a situación política en Vigo.

Nas últimas semanas producíronse mudanzas profundas na política municipal viguesa. Tras case sete anos na Alcaldía, no terceiro ano do seu segundo mandato Abel Caballero decidiu mover peza e abandonar ao BNG como o seu socio estratéxico para aprobar o orzamento de 2014, ao tempo que avanzaba a un ritmo sorprendente esta negociación presupostaria co grupo municipal do Partido Popular, co que nunca mantivera colaboración deste carácter. Semella que esta mudanza de socios procurada polo alcalde ten que ver con outras noticias tan recentes e relevantes para a cidade como o anunciado desbloqueo por parte da Xerencia de Urbanismo dalgunha das pezas máis difíciles do Plan Xeral, en especial a do Barrio do Cura, pendente só da aprobación de Patrimonio da Xunta e do pleno da corporación, e a do edificio do colexio Cluny na Gran Vía, que podería ser derrubado para construír un xeriátrico privado; ou tamén coas expectativas abertas sobre outras pezas máis grandes do planeamento como a de Liñeiriños e o seu contestado proxecto de centro comercial e de lecer rexional de Porto Cabral. Mudanza de socios que se fai aínda máis evidente coa dispoñibilidade da Alcaldía de negociar coa Xunta de Galicia as achegas do concello de Vigo ao plan de transporte metropolitano, ás acometidas do hospital de Valadares ou a cesión dos terreos para a Cidade da Xustiza, tres temas que, xunto á política aeroportuaria e a fusión das caixas, durante anos constituíron o casus belli das relacións entre Caballero e Feijoo.

Enmarcado teoricamente na cultura da “Gran coalición”, alicerzada no entorno da crise europea, o modelo de gobernabilidade acuñado por Angela Merkel, no que colaboran os dous partidos sistémicos, o conservador neoliberal e o socialdemócrata, o acordo orzamentario que en Vigo pretende acadar Abel Caballero co Partido Popular ten a intención de entrar pola porta grande do até agora entorno prohibido do electorado conservador; como xa conseguira durante varios mandatos Francisco Vázquez na Coruña con doses inxentes de coruñesismo conservador. Un acordo orzamentario que tamén beneficiaría ao equipo municipal de Chema Figueroa, cuestionado polos responsables composteláns da súa formación que con escaso disimulo filtraron estes días o nome de Javier Guerra como probable candidato popular á primeira cadeira da casa do concello. Un acordo, ademais, que constituiría un precedente para abandonar o modelo que durante as tres últimas décadas, desde o acordo orzamentario que en 1987 asinaron Manuel Soto e Camilo Nogueira, mantiveron en Vigo socialistas e nacionalistas de esquerda. Fórmula utilizada dende entón noutras cidades galegas, con acordos orzamentarios dentro ou fóra do goberno municipal, como na actualidade sucede en Ourense, Lugo e Pontevedra, que impide gobernar nelas aos conservadores, a pesar de ser nalgún caso o grupo máis votado.

No entanto, creo que a razón principal da nova estratexia de Abel Caballero está en acadar nas eleccións municipais da primavera de 2015 o “sorpasso” con respecto ao Partido Popular, convertendo ao PSdeG-PSOE na forza máis votada en Vigo. Descartado o escenario dunha maioría absoluta, semella que a próxima será unha corporación máis fragmentada ca actual, na que poderían participar até cinco ou quizais seis grupos políticos, os tres existentes na actualidade, máis AGE, sen descartar a UPyD, Compromiso por Galicia ou algunha candidatura cidadá de novo cuño. E diante de semellante panorama, onde non será doado artellar maiorías, a alcaldía corresponderá a forza máis votada. De aí a importancia para Caballero de consolidar agora o seu proxecto de alcaldía transversal, capaz de seducir como as súas humanizacións a todos os sectores sociais e barrios. Máis aínda cando conta coa vantaxe engadida de que os seus rivais (socios) do PP non teñen unha candidatura clara e a oposición nacionalista e de esquerda, previsiblemente, quedará moi fragmentada e sen liderados consolidados.

Neste entorno municipal con claros tintes pre-electorais haberá que atender aos conflitos institucionais e veciñais abertos, algúns arrastrados de mandatos anteriores. Entre eles, e non o de menor importancia, o da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, a principal carta coa que conta Núñez Feijoo (ademais da apertura do hospital de Valadares), á que Caballero non poderá poñerlle moito a proa. Outrosí sucede con cuestións, en aparencia menores, mais significativas para a política social e cultural, como do servizo Sereos de axuda a persoas en risco de exclusión ou a construción da Biblioteca Pública do Estado e doutras infraestruturas culturais, que a alcaldía de Caballero non soubo solucionar até o momento. Queda un ano electoral por diante que aventuro moi movido.