Artigos

Onte 1302: Agustín en chinés

a_escola_dos_piratas

Compartimos xantar con Agustín para falarmos do lanzamento d’ A neve interminable, a novela sobre os medios contemporáneos que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno. Repasamos a axenda de noticias, rexoubes e debates literarios abertos nas redes sociais, coa prudencia que requiren estes casos. Comentamos a publicación da primeira Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou e o redeseño da veterana colección Barco de Vapor de SM, onde acaba de aparecer unha nova edición d’ O meu nome é Skywalker. Agustín deixounos para o final a sorpresa de amosarnos a edición d’ A escola dos piratas en chinés, baixo o título de Haidao Xuexiao, publicada pola editorial Liaoning Children’ s, que se engade ás que xa ten da mesma obra en coreano, éuscaro, catalán e castelán. Como editores gabamos o xeneroso interliñado da edición e intentamos identificar o título e o nome do autor na cuberta. Xaora, non puidemos agochar a fachenda que nos produce esta tradución á lingua con máis falantes nativos no planeta dun orixinal publicado orixinalmente en galego. Outra proeza do Agustín. Unha tarde moi feliz.