Listado de la etiqueta: asperger

Ilumina de azul

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebración do Día Mundial do Autismo:

Mañá, 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coa intención de promocionar a lectura e os mellores libros entre a infancia e a mocidade. Celebración promovida pola Oficina Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (IBBY), da que forma parte Galix, como sección galega, coa mensaxe «Fame de palabras» na que o escritor esloveno Peter Svetina reclama a lectura de poemas e contos. Efeméride literaria que coincide co Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, creado polas Nacións Unidas en 2007 coa intención de concienciar e sensibilizar a sociedade sobre a realidade das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e contribuír ao exercicio efectivo dos seus dereitos.

Coincidencia afortunada que une cada dous de abril á cultura da diversidade do libro infantil coa causa da visibilidade das persoas con autismos e da procura da súa inclusión efectiva en todos os eidos da vida social. Celebración que a federación de asociacións Autismo Galicia celebra coa campaña de sensibilización e reivindicación #Somos Infinitos, representada pola imaxe do infinito coloreado con todas as cores do arco da vella, coa intención de salientar a enorme diversidade e singularidade do espectro dos autismos.

O trastorno do espectro autista (TEA) é unha condición do neurodesenvolvemento que afecta á configuración do sistema nervioso e ao funcionamento cerebral. Preséntase de moi diversas formas en cada persoa, pero todas, en maior ou menor intensidade, comparten dificultades no desenvolvemento de habilidades sociais e comunicativas e presentan un comportamento inflexible e intereses repetitivos. Dificultades na reciprocidade social e emocional de orixe neurobiolóxica que caracterizan a estas persoas, como a súa grande diversidade no desenvolvemento adaptativo e á capacidade de comunicación e desenvolvemento da linguaxe, tanto no eido fónico-fonolóxico como pragmático.

Razóns polas que o doutor vigués Cipriano Jiménez Casas, afirma que «non hai autismo, hai autismos», salientando así que é a singularidade a que define a cada unhas destas persoas. Cuestión que salientan Utta Frith e Francesca Happé, cando afirman que «o autismo en diferentes individuos probablemente ten diferentes causas e etioloxía, e nun só individuo diferentes síntomas poden ter diferentes orixes». Non hai razóns únicas para unha discapacidade invisible, que non leva asociado ningún trazo físico, que se manifesta polo comportamento e competencias cognitivas de cada persoa.

Un trastorno crónico que acompaña ás persoas ao longo de toda a vida e ten en Europa unha prevalencia do un por cento, o que significa que en Vigo se estima que o número de persoas con TEA é de 3.000, en Galicia de 27.000 e en España de medio millón de persoas; sendo 4.000 as crianzas que nacen cada ano con autismos. Cifras que conforman un colectivo amplo, que coas súas familias afecta a millón e medio de persoas. Prevalencia cunha marcada fenda de xénero, na que de catro casos, un corresponde a unha muller; o que se reduce a un por cada dez, no caso da Síndrome de Asperger, o trastorno caracterizado polas dificultades de comunicación social e intereses restrinxidos e estereotipados, que non ten un retraso significativo na linguaxe e no desenvolvemento cognitivo. Mais a pesar desta prevalencia significativa, o coñecemento dos autismos e dos seus dereitos aínda é insuficiente. Como continúa usándose a palabra “autista” como insulto coa intención de rexeitar a aquelas persoas singulares ou raras.

Celébrase mañá en todo o mundo que o autismo se presenta en infinitas formas, que non hai dúas persoas con autismos iguais, que cada persoa autista é única, que ten as súas propias capacidades, necesidades e intereses, razón pola que cada caso precisa de apoios especializados e adaptados a súa situación persoal, idade e situación familiar. En palabras do doutor Cipriano Jiménez Casas, «cada TEA é un insubmiso para o sistema educativo», xa que cuestiona de facto un modelo escolar que, a pesar de chamarse inclusivo, non conta cos recurso e apoios suficientes para dar resposta axeitada a esta coma a outras neurodiversidades.

Cada 2 de abril, día mundial dos autismos, as Nacións Unidas intentan sensibilizar sobre esta expresión da neurodiversidade, nesta edición poñendo de relevo a intersección cos esforzos a prol da sostibilidade do planeta. Unha xornada para celebrar o valor das neurodiversidades iluminando de azul os edificios e monumentos públicos, –no caso de Vigo están anunciados o edifico Redeiras da Uvigo no Berbés, a Escola de Enxeñaría Industrial e a fonte da rúa Aragón– como mostra de apoio e solidariedade coas persoas con autismos e as súas familias.

Con Greta Thunberg

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á activista climatica Greta Thunberg:

O pasado mes de marzo comentabamos con admiración a iniciativa de Greta Thunberg, unha rapaza sueca de dezaseis anos, de promover diante do parlamento do seu país a primeira folga escolar mundial polo clima. Dende entón, o movemento estudantil Friday For Future, que deu pé ao do profesorado Teachers For Future, denunciaron dende centros educativos de diversos puntos do planeta o escaso compromiso dos estados co medio ambiente e reclamaron a redución das emisións de carbono establecidas no Acordo de París (2015), dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, para manter o aumento da temperatura mundial por debaixo dos 2 graos e proseguir os esforzos para limitalos a 1,5 graos. Mobilizacións escolares intensificadas este curso ao fío da celebración da «Cumbre del clima 2019», coñecida como COP25, convocada polas Nacións Unidas coa intención de acadar un compromiso para reducir de forma drástica as emisións, canto menos nun 7% anual, evitando así o que sería un punto de non retorno na vida do planeta.

Prevista para celebrarse no Brasil e despois en Chile, o cumio abriuse estes días en Madrid coa intervención do secretario xeral da ONU, António Guterres, que recoñeceu que a escala global as emisións continuaban incrementándose, sendo insuficientes os compromisos unilaterais dalgúns estados. Como sinalou Inger Andersen, directora do Programa Ambiental da ONU, se queremos un planeta libre de emisións de carbono en 2050, obxectivo compartido xa por 67 estados, entre eles España, á luz das novas evidencias científicas, cómpre actuar colectivamente e de forma inmediata, o que obriga a profundas mudanzas. Velaí a cerna dos debates deste COP25 no que se confrontan, dentro e fóra dos salóns de IFEMA, as posicións dos activistas climáticos e membros dos movementos ecoloxistas de todo o planeta coas posicións negacionistas sobre o cambio climático abrazadas polos políticos populistas encabezados por Trump, Bolsonaro e polos partidos da extrema dereita europea. Unha durísima lea política e económica sobre a necesidade de «desinvestir» en combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas) e facelo en «enerxías renovables». Un debate a gran escala sobre como poñer freo á deforestación, a revisar as políticas agrarias, a protexer as augas dos océanos ou a regular a mobilidade e o tratamento dos residuos das grandes áreas urbanas, entre outros temas.

Nesa tremenda confrontación de intereses, á que non son alleas as presións da industria petroleira nin a ruptura do multilateralismo na resolución de conflitos nin o pobre papel actual da ONU, é onde se encadra o ataque inadmisible por parte dalgúns medios a Greta Thunberg, desde a súa chegada a Madrid para participar na «cumbre» climática. Un tratamento sen piedade nin respecto para unha menor de idade con síndrome de Asperger, ao que ademais dos intereses económicos e políticos citados, semella obedecer tamén a ser muller e neurodiversa, dúas condicións moi difíciles de aceptar nun entorno aínda patriarcal no que se privilexia o modelo masculino e neuronormal. Así o denunciou o Comité para a Promoción e o Apoio para as nenas e mulleres autistas (CEPAMA) para quen «Greta Thunberg ten dereito, como todas as persoas do Trastorno do Espectro Autista (TEA), a participar de forma activa nos diferentes ámbitos da vida social sen ter que agochar nin as súas diferenzas nin disimular a súa capacidade». Greta non padece doenza ningunha, mesmo a síndrome de Asperger nin sequera hoxe existe como categoría diagnóstica no DSM-5 (2013). Cadora, como outras persoas do Trastorno de Espectro Autista, con toda a súa variabilidade, Greta amosa capacidades singulares que a fan unha persoa de sensiblidade extrema, concienciada e comprometida coa causa do cambio climático, mesmo a pesar de recibir por isto rexeitamentos e críticas.

O que algúns non entenden de Greta é que ela, como outras persoas neurodiversas, manexa códigos de comunicación diferentes aos da maioría considerada neuronormal. A súa linguaxe é explícita e directa, sen os matices e eufemismos das convencións sociais; como o seu sistema de comunicación non verbal fai que poida ser percibida como unha persoa anoxada, nalgúns momentos distante, noutros fría ou indiferente. Greta é unha rapaza que está actuando de acordo as súas conviccións máis profundas, o que a obriga a intentar moverse polo planeta utilizando transportes sen emisións (o que non sempre é posible nin doado). Xaora, o feito de que Greta sexa TEA non pode ser utilizado para desmerecer o valor do seu activismo sobre o cambio climático nin de amosar unha forma de vida que pretende ser apenas consecuente coas ideas que defende.

Grazas, Greta, por teimar que é posible outro futuro para a túa xeración e para o planeta.