Artigos

Onte 762: O valego

Chegaron do prelo os primeiros exemplares da monografía de Xosé-Henrique Costas González O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Unha obra de referencia sobre o que Francisco Fernández Rei, prologuista do libro, considera o bacelo galego que prendeu na Serra de Gata no século XIII. O valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, as tres falas do Val do Ellas, Os Tres Lugaris para os seus habitantes. constitúen un mesmo dialecto, o valego, glotónimo afortunado co que Costas bautizou a estas falas (esencialmente) galegas de Cáceres. Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso. Recoméndoo vivamente.