O inicio do día escolar pola paz
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a lembrar o que foi o inicio en Vigo do día escolar pola paz, que se celebra cada 30 de xaneiro.
Como cada 30 de xaneiro celebrouse onte o “Día da non violencia e a paz”, unha efeméride instituída en 1964 polo inspector de educación mallorquín Llorenç Vidal coa intención de conmemorar nas escolas o aniversario do pasamento de Mahatma Gandhi, asasinado a tiros o 30 de xaneiro de 1948 en Nova Delhi. Unha xornada educativa non gubernamental, recoñecida hoxe no calendario escolar, que en Vigo comezou a ser celebrada de forma pioneira en 1983 no Colexio Público García Barbón, promovida polo profesor Xesús R. Jares, sendo directora do centro Marina Cabeza. Unha data que dende entón continúa abordándose nos centros educativos, coa intención de salientar os valores do diálogo e da resolución non violenta dos conflitos característicos da cultura da paz.
Unha efeméride bautizada o ano seguinte como “Día escolar pola paz” polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, fundado por Xesús R. Jares, que no seu “Manifesto dos Ensinantes galegos pola paz e o desarme”, apoiado por case un milleiro de docentes, chamou a celebración desta xornada de concienciación nos centros e á integración da educación para a paz no currículum. Primeira convocatoria na que xa participaron unha ducia de escolas e colexios de Vigo e bisbarra, sendo apoiada polo propio alcaldía de Vigo, que o 30 de xaneiro de 1984 emitiu un bando con motivo do “Día escolar pola paz mundial e o desarme”. Un texto (hoxe podemos cualificalo de “histórico”) no que o alcalde Manuel Soto instaba a que “a escola non debe deixar de lado o obxectivo de educar para a convivencia e a paz” e chamaba ao alumnado e ao profesorado vigueses “a celebrar e participar nas actividades conmemorativas desta efeméride, para abandonar na vosa escola os xogos da guerra e para que o espírito implícito deste día permaneza na conciencia de todos”.
Formaban parte do programa deste 30 de xaneiro de 1984 as primeiras xornadas de Educación para a Paz, dirixidas ao profesorado e a toda a cidadanía. Celebradas do 13 ao 18 de xaneiro no Auditorio da caixa de aforros da rúa Rosalía de Castro, lembramos que foron abertas cunha conferencia brillantísima do filósofo Fernando Savater sobre as razóns do desarme, diante dunha sala onde non entraba unha agulla. Xornadas nas que se proxectaron “Guernika”, a documental de Alain Renais, e “Johnny cogió su fusil” de D. Trumbo, un clásico do cine antibelicista, con outro éxito de público impresionante. Como tamén foran moi interesantes as mesas redondas nas que participaron, entre outros, o debuxante Máximo, o propio Llorenç Vidal, Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro, Antonio Ojea e Segundo Mariño.
Xaora, a cerna do programa foron as actividades colaborativas nas que participaron preto dun milleiro de alumnos e alumnas. Realizáronse exposicións de traballos escolares nos centros e na sala de exposicións do Centro Cultural Cidade de Vigo; convocáronse concursos literarios e fixéronse recitais poéticos nos centros; graváronse programas en Radio Popular de Vigo e Radio Cadena e desenvolveuse unha marcha festiva pola paz na rúa do Príncipe. Sen esquecer que “Faro de Vigo” apoiou o programa coa publicación o 18 de xaneiro de 1984 de tres artigos longos sobre Educación para a paz e o desarme no seu suplemento “A pizarra”.
Iniciativas semellantes desenvolvéronse noutras localidades, promovidas por membros de Nova Escola Galega, como en Vilagarcía, A Estrada, Ribeira, Ourense e Santiago, onde o alcalde Xerardo Estévez tamén emitiu o seu bando e o Departamento de Educación enviou aos centros diversos materiais para apoiar o traballo didáctico da xornada. Sendo tamén significativo que o daquela Conselleiro de Educación Víctor Vázquez Portomeñe solicitase á comunidade educativa “que a paz informase a educación galega”.
Sei que aquela primeira celebración do Día escolar pola paz estaba moi mediatizada polos efectos da carreira armamentista que nos anos setenta e oitenta caracterizaba un mundo bipolar, amedrentado pola posibilidade do emprego dos mísiles nucleares. Un mundo incerto e inquedante que, magoadamente, regresou co inicio do século XXI. Tras o destrozo de Iraq e Siria, persisten as guerras ocultas en África, continúan as veas abertas do conflito palestino e as ameazas do terrorismo jihadista, mentres que milleiros de refuxiados se enfrontan en varios continentes aos valados do unilateralismo xenófobo que reza nas propostas de Trump, Putin e os membros emerxentes da chamada “nova dereita europea”. Tempos nos que educar nos valores da cultura da paz e da igualdade semella imprescindible.