Listado de la etiqueta: alberto_núñez_feijoo

Onte 224: Sangría demográfica

Somos apenas 2.778.913. A perda de poboación de Galicia, a maior de todas as Comunidades Autónomas, é o síntoma máis evidente da catástrofe política, económica e social que vivimos. Galicia desángrase demograficamente, agora tamén nas provincias atlánticas, mesmo a pesar do lixeiro aumento da poboación estranxeira, que supón apenas o 4% da cidadanía nosa. Diminúe a poboación, aumenta a emigración da mocidade, o desemprego acada os niveis máximos da historia…, un cadro estatístico que amosa a derrota de Galicia, o fracaso do proxecto colectivo de construción nacional. Fachendeará o presidente Feijoo, a volta da súa viaxe mexicana, sobre este novo éxito das políticas redutivas, tamén no eido demográfico? Que futuro podemos enxergar por este vieiro?

Onte 213: A semana horrible de Feijoo

As páxinas da edición de El País en Galicia non adoitan ter desperdicio. O artigo de José Precedo sobre a situación anímica do presidente Feijoo é moi clarificador sobre a anémica xestión da Xunta de Galicia. Tras a horrible semana vivida polo presidente –dende o éxito da Folga Xeral en Galicia, pasando polos desastres das Fragas do Eume e de NGB, até os serios problemas de credibilidade dos recomendados por Romay Becaría– o seu maior capital político, probablemente o único, sexa a febleza da oposición, incapaz aínda de visibilizarse como alternativa real. Se as tres forzas que lle desputarán a maioría teñen tempo para organizarse e presentarse razoablemente unidas, o resultado electoral pode ser moi incerto.

Onte 190: Repagamento

Tras a iniciativa da Generalitat de obrigar a pagar un euro por receita e a posibilidade aberta en Madrid por Feijoo de aumentar o copagamento farmacéutico en función de niveis de renda, é moi probable ca despois das eleccións andaluzas e asturianas se introduza algún sistema de repagamento no sistema público de saúde. Con esta fórmula o Partido Popular pretende inscribir o triángulo na circunferencia, apostaría polo copagamento farmacéutico –unha fórmula disuasoria («moderadora» na súa linguaxe), que trataría de reducir o número de receitas– e, polo momento, adiaría a posibilidade de repagamento sanitario no que atinxe a consultas, probas ou hospitalizacións. Como ben sinala Ignacio Escolar o que debemos preguntarnos a esta altura é se cómpre unha reforma no financiamento dun sistema público de saúde que funciona aceptablemente. Os datos amosan que o gasto en sanidade por habitante e a porcentaxe sobre o PIB son moi inferiores en España aos dos países do directorio, como Francia e Alemaña. A pesar dalgunhas insuficiencias, contamos cunha sanidade pública de calidade a un prezo moi razoable. Cales son as razóns para xustificar retallazos, privatizacións e repagamentos do sistema de saúde pública?

Onte 118: Goberno bonsai

Feijóo quere para Galicia un goberno bonsai. Cun perfil político moi baixo e cun número moi reducido de consellarías, con esta remodelación o presidente envía á sociedade galega unha mensaxe inequívoca de rebaixa do nivel do seu autogoberno. A supresión de dúas consellarías fulcrais, a de Medio Rural e a de Cultura, clonando en Galicia o modelo de Rajoy, é un erro garrafal, moi dificilmente xustificable por criterios de austeridade nin de eficacia da xestión. Máis aínda, a liquidación da Consellaría de Cultura, que xestionaba as competencias plenas de Galicia neste eido, supoñerá outro retroceso para o fomento da cultura galega e para o protección e posta en valor do seu patrimonio, pezas principais da nosa identidade nacional. Incapaz de enfrontar uns índices de paro brutais e unha emigración de postgraduados desbordada, fracasada a súa estratexia de fusión das caixas, sacrificada a chegada do AVE durante as dúas próximas lexislaturas, semella que Feijóo non atopa outra solución que transformar a autonomía galega nunha insípida deputación. O presidente de Galicia, que xa non agocha o seu aborrecemento e escaso entusiasmo, enxerga o seu futuro político fóra do país, despois de gañar o trámite das vindeiras autonómicas adiantadas. Porén, o drama do país non reside nesta actitude escasamente proactiva do seu presidente. O drama é que enfronte de Feijóo e de Rueda (o seu sucesor declarado) non existe, polo momento, máis que un grande baleiro. Ese burato é o que explica en boa medida a existencia deste goberno bonsai.

Onte 110: Repesca

A convocatoria de axudas para a edición de recursos didácticos en galego, por medio do procedemento dunha tramitación anticipada dos expedientes de gasto e por unha contía máxima de 300.000 euros, constitúe outro capítulo dese devalo, até agora imparable, da política de apoio ao libro educativo en galego do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Tras a supresión unlilateral da adxudicación de axudas de 2011 (valoradas en 400.000 euros), os editores de materiais educativos en galego concibimos esta nova convocatoria (cun importe que, respecto á de 2008, supón unha redución do 70%) como unha “repesca” que nos permita aminorar dentro do posible os efectos negativos dun ano perdido. Con todo, non deixa de ser moi inquedante a advertencia, contida no artigo 2 da Orde, de que “o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012”. Algo máis desacougante, aínda, cando é de dominio público que dos 16.500 millóns de euros de redución do déficit das Administracións Públicas, anunciados por Rajoy, corresponderán á Galicia arredor de 850 millóns. Sería esperpéntico e delirante, aínda que non descartable, que os editores de libros de texto en galego fósemos, outra volta, da quenda dos primeiros sacrificados das políticas orzamentarias destinadas a acadar “o equilibrio entre ingresos e gastos” (vaia eufemismo!). É triste que un teimoso optimista da vontade, coma sempre fun, se transforme nun escéptico radical disposto a enfrontar a hipótese máis desfavorable.

Onte 100: NGB, 2,59%

A recapitalización de Novagalicia Banco completou a súa primeira fase. Quince empresarios galegos achegaron 70,4 millóns de euros, o que reduce a participación do FROB nun 2,59%. Nin Amancio Ortega nin Rosalía Mera, as dúas maiores fortunas galegas, nin practicamente ningún empresario vigués achegaron cantidade ningunha. Tampouco o fixeron, nesta quenda, os empresarios galegos do exterior que se dixo comprometeran a súa participación nunha das viaxes de Feijóo. Semella que, polo momento, o empresariado galego prefire non participar no proceso que encabeza Castellanos. A pesar de quedar esta primeira fase na metade da cantidade prevista no plan de capitalización, os responsables de NGB (o nome comercial fóra do país) cualificaron o proceso de «éxito». Tras o proceso de liquidación da Obra Social e Cultural –velaí a marcha da caixa do patronato do MARCO–, é case imposible confiar no éxito desta operación de reflotamento da caixa apadriñado polo noso presidente pesimista. Dubida alguén que o da caixa é, até agora, o maior dos fracasos de Feijóo (e xa leva uns cantos).

Onte 72: Somos noroeste

No derradeiro día da campaña electoral Feijóo asegurou, nun acto celebrado en Luarca, que Rajoy fará do noroeste español unha prioridade. O presidente de Galicia, que iniciou a súa intervención cun entusiasta «Puxa Asturies» (sic), abandonou a estudada ambigüidade de Mariano Rajoy, para expresar con claridade a súa idea do que somos: apenas un espazo xeográfico do noroeste de España. Estamos, sen dúbida, diante dunha achega audaz á teoría de Galicia, que queda reducida polo seu propio presidente á pura xeografía, consolidando así o proceso de deconstrución identitario iniciado polo seu goberno hai dous anos e medio. Tras o 20N e en tempos de austeridade selectiva, a ninguén debe estrañar que se asumimos que somos noroeste, xa non existen razóns suficientes para xustificar o mantemento de tres «custosas administracións autonómicas» (Galicia, Asturias e Castela-León). Feijóo ben podería ser un bo presidente para esta Noroeste, unha comunidade de máis de seis millóns de habitantes, concibidida como unha confederación de deputacións. Eis o triángulo inscrito na circunferencia da agardada reforma territorial. Si señor, somos noroeste, unha achega innovadora de Feijóo para o día de reflexión.

Onte 63: Xabarís

Dous xabarís, unha nai e a súa cría, resultaron atropelados na AG-53, á altura do concello de Dozón, polo coche oficial (do Partido Popular de Galicia) no que viaxaba Alberto Núñez Feijóo acompañado dun condutor, un escolta e unha colaboradora de comunicación. A pesar de que o coche quedou desfeito, non houbo danos persoais de gravidade, e o presidente puido continuar no vehículo dos seus escoltas.  Porén, a clave do sucedido achégaa LVG cando sinala que  foi a pericia do condutor, que decidiu embestir co C-6 aos dous porcos bravos, a que evitou unha traxedia nesta autoestrada de peaxe. Dos considerados danos colaterais nada se fala nas noticias que puidemos ler nin nas declaracións dos accidentados. Unha lección moi clara para non esquecer. Meu pobre Xabarín, colegas!

Oficio galego

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre os prexuízos acuñados pola cultura españolista sobre o oficio galego.

Cando xa esquecéramos as meteduras de zoca de Rosa Díez (“Zapatero é galego, no sentido máis pexorativo do termo”) e de José Montilla (“vostedes fan de galegos en Madrid, móllanse pouco”), foi esta semana o presidente de FAES, José María Aznar, quen volveu utilizar os tópicos prexuizosos sobre nós cando pretendía ponderar as aptitudes do seu compañeiro Mariano Rajoy subliñando a súa “capacidade de resolución e capacidades para ser presidente”, mais advertindo que quedarían condicionadas por “que ten a súa forma de ser, a súa personalidade, o seu estilo, a súa orixe e oficio galego” (sic).

Máis alá da escasa simpatía de ambos os tres políticos e da súa evidente torpeza oratoria, como da reincidencia xenófoba da deputada de UPyD (que antes ofendera con palabras semellantes ao presidente da Xunta de Galicia) e da raquítica xenerosidade de Aznar co candidato galego do PP á presidencia do Goberno, ambas as tres intervencións expresan a existencia aínda no imaxinario españolista dos prexuízos máis rancios e das valoracións máis negativas sobre os cidadáns galegos, pexados só polo feito de nacer ou vivir neste recanto do universo.

Moi lonxe de vitimismos chovinistas ou de complexos de inferioridade propios da época de Xan das Bolas, que non compartimos de forma ningunha, é moi decepcionante que a esta altura da historia, tras tres décadas de estado autonómico, non se teñan superado prexuízos xenófobos, acuñados na cultura española dende a literatura do século de ouro. Estereotipos sobre os galegos –considerados como xente “pechada”, “supersticiosa”, “desconfiada”, “indecisa”, “torpe”, que “na escaleira non sabe se sube ou baixa”…– xustificados, a maior parte das veces, polo humor, unha estratexia de vello que fai agradable estes comportamentos xenófobos (racistas), presentados nos chistes como inofensivos, choqueiros, brincadeiras que non poden nin deben escandalizar nin ofender a ninguén. Comportamentos, porén, que non poden agochar que na versión do dicionario da Real Academia Española que se pode consultar en Internet, na entrada “galego” se continúen recollendo as acepcións “tonto” (Costa Rica) e “tatexo” (O Salvador), a pesar de que non hai moito tempo, tras unha polémica nos medios, fosen retiradas outras, tamén de carácter inequivocmente pexorativo.

A estratexia de recorrer ao humor ou a ironía para xustificar comentarios denigrantes sobre os galegos foi a utilizada polos correlixionarios e valedores mediáticos de Díez ou Aznar que acudiron decontado ao contexto informal do discurso para quitarlles ferro. Dialéctica que o presidente da Xunta levou estes días até o seu límite cando tratou converter as palabras con pementa negra do presidente de FAES en “algo totalmente positivo”, apenas sutís gabanzas de primavera para o candidato do seu partido, considerándoas como “loanza ao carácter pausado, tranquilo e intelixente do señor Rajoy”. Un inverosímil exercicio de ambigüidade de quen pretende poñer unha candea a deus e outra ao diaño, aínda que en realidade sexa incapaz de agochar que a súa intención fose non incomodar a Aznar, deixando nun ridículo tremendo ao candidato galego e, por ende, ao resto dos seus compatriotas.

Idéntica raíz ten o tratamento que un sector da prensa conservadora madrileña concede ao nome de José Blanco, actual ministro de Fomento, a quen se refiren despectivamente co diminutivo do seu hipocorístico, un feito que, non teño dúbidas, sería considerado escandaloso para calquera outro membro do gabinete ou das cámaras electas. Moito máis alá da connotación afectiva agarimeira que supón o emprego do diminutivo galego, é doado identificar as razóns políticas polas que estes medios pretenden subliñar prexuizosamente a identidade do ministro de Palas de Rei.

A repetición teimosa destes estereotipos nos medios de comunicación centralistas vai conformando prexuízos que enchoupan coma orballo os diversos segmentos da sociedade española, arraigando de tal xeito que de forma inevitable conducen á intolerancia e desconfianza sobre os cidadáns de determinadas comunidades. Os prexuízos –moi presentes no terreo lingüístico, como puidemos comprobar na concursante galega da recente edición de “Gran Hermano”– son xuízos precipitados emitidos por persoas que se deixan levar por tendencias non sustentables na razón nin no coñecemento. En definitiva, sentimentos afectivos de rexeitamento e discriminación que modelan actitudes e axudan a conformar comportamentos políticos. Eis a súa gran importancia.

“Os galegos por vacilantes”, “os vascos por violentos”, os “cataláns por agarrados” ou “os andaluces por vagos” nunca serían xente de fiar. Fronte a estes prexuízos xenófobos, cómpre tolerancia cero. Fagámonos respectar.

En clave de país

No artigo da semana en Faro de Vigo valoro o que entendo supuxeron os dous primeiros anos da lexisltura de Feijóo, ao tempo que reclamo unha acción política en clave de país.

É unha mágoa que Alberto Núñez Feijóo durante os dous primeiros anos do seu goberno non fose máis afouto e intentase meterlle o dente a algunha das cuestións claves para o futuro do país e do seu autogoberno. Pola contra, dende os primeiros días, quedou clara que a súa intención era moito máis modesta,  prefería presentarse diante da prensa madrileña e dos seus think tank conservadores como cabezaleiro dun novo estilo de goberno liberal baseado na austeridade da xestión, na refundación á baixa do estado das autonomías e nunha política de comunicación moi combativa coas actuacións dos gobernos progresistas. Esta estratexia de patriotismo de partido, acuñada polo equipo de Feijóo en todos os estamentos da Xunta de Galicia, é a que explica o feito de que o Goberno de España, os gobernos bipartitos dos concellos das cidades e os das dúas deputacións do norte, sen menoscabo da cortesía institucional protocolaria, fosen considerados como inimigos a batir dende a actuación do goberno autonómico.

Durante o primeiro ano da lexislatura, Feijóo escolleu a lingua como tema estrela para desenvolver a súa estratexia. Amparado no resultado electoral e asumindo un confuso discurso de cambio social, modificou de forma unilateral as políticas de fomento do uso do galego, amosando así que non lle intimidaba xebrar os consensos forxados en tres décadas de autonomía sobre a lingua nin promover un proceso deconstrutivo sobre a cultura e educación acuñadas en galego. Medidas apupadas decontado polos faladoiros conservadores capitalinos, onde gañou gran popularidade, e adoptadas, no caso do decreto de plurilingüismo, apenas para conformar os desexos dun moi minoritario sector negacionista da lingua propia, ao que a maioría abrumadora da sociedade galega ignora.

Diante do inevitable proceso de reestruturación do sistema financeiro, Feijóo centrou as angueiras políticas do seu segundo ano de goberno en facilitar a fusión das caixas. Este é, sen dúbida, o seu maior acerto desta primeira metade de lexislatura e onde actuou de forma máis autónoma. Un éxito que podería estragarse se nesta segunda onda privatizadora, promovida outrosí polo Banco de España e polo goberno central, Novacaixagalicia desaparece como entidade ao servizo de Galicia, amputándose así unha das competencias do autogoberno, recoñecida no Estatuto de Autonomía de Galicia. A decisión do Tribunal Constitucional de suspender de forma cautelar a aplicación do catálogo de medicamentos, que restrinxe os fármacos sufragados pola sanidade pública galega, unha medida que defende o autogoberno e a súa viabilidade financeira, impide a Feijóo anotarse un dos escasos éxitos de xestión dun goberno que a mantenta quixo de perfil baixo.

Galicia non foi allea aos efectos da crise económica neste tempo. O número de desempregados achégase xa ás 250.000 persoas (a cifra máis alta da nosa historia), increméntándose en máis de 40.000 as persoas desocupadas con respecto ao inicio da lexislatura. Cifras alarmantes, sobre todo as da poboación moza onde se poden acadar porcentaxes de desemprego superiores ao 30%. O número de ERES no sector da industria, no comercio e non servizos desbocouse no último ano. As proporcións da actual onda emigratoria xa non poden ocultarse, sobre todo entre os sectores mellor formados, como os dos postgraduados. Non son máis alentadoras, tampouco, as taxas de crecemento que, segundo o máis recente informe de Funcas, están situadas en Galicia por baixo da media do Estado; sendo, ademais, a nosa unha das tres comunidades que máis incrementa a súa ratio de débeda en relación co PIB, o que nos agoira que teremos serias dificultades (máis recurtes) para saír do longo túnel da crise. Datos que amosan  a existencia dunha fenda considerable en Galicia entre a actividade da súa clase política e o deterioro da realidade económica e social que sofre a súa cidadanía.

A Xunta de Galicia non pode agochar que vivimos un dos peores momentos da historia da Autonomía. Galicia precisa hoxe máis que nunca dun goberno e dunha oposición que actúen en clave de país, capaces de acadar consensos potentes nos temas claves para o noso desenvolvemento e benestar: a reforma estatutaria, a organización do territorio e da administración, o sistema de financiamento, a modernización do noso sistema produtivo ou o fomento da nosa lingua e da nosa cultura como espazos de encontro de todos.

Non son moi optimista que isto se poida conseguir no que resta de lexislatura, xa que o Goberno de Feijóo continúa obsesionado por acadar a remuda nas cidades e contribuír á chegada de Rajoy á Moncloa; estratexia á que non é allea, tampouco, a febleza dunha oposición sen liderados sociais sólidos, incapaz nestes dous anos de ofrecerse como alternativa sequera verosímil.