Listado de la etiqueta: agustín_fernández_paz

Agustín Fernández Paz candidato ao premio Andersen

Gálix anunciou hoxe o nomeamento do escritor Agustín Fernández Paz como candidato da OEPLI ao Premio Andersen. Este premio, convocado polo IBBY, está considerado como o auténtico nóbel da Literatura infantil e xuvenil, razón pola que esta candidatura constitúe, xa en si mesma, outro importante recoñecemento para o autor de Contos por palabras. O fallo deste premio farase público dentro dun ano, na Feira de Bolonia de 2012, e a entrega de Medallas realizarase durante o 33º Congreso de IBBY, que se celebrará en Londres, o mesmo ano.
Agustín Fernández Paz remata estes días a súa vindeira novela, que Xerais publicará na colección Narrativa antes do verán, ao tempo que corrixe as probas de Fantasmas de luz, libro ilustrado por Miguelanxo Prado que aparecerá no mes de setembro. Os nosos parabéns a Agustín por tan merecida candidatura e por tan intensa actividade.

Balance 2010/2: a coherencia de Agustín Fernández Paz

Sei que para moitos  non son a persoa máis axeitada para considerar a Agustín Fernández Paz como a figura literaria do ano. Ademais de ser o seu editor, úneme con el unha fonda amizade e un seguimento da súa traxectoria autoral e profesional dende hai case trinta anos, razóns polas que dificilmente podo ofrecer obxectividade. No entanto, sei que somos moitas as persoas e medios que recoñecemos na actitude do autor d’ O único que queda é o amor, non puidendo aceptar o Premio da Cultura Galega no eido das letras, unha lección de dignidade e de defensa do idioma e cultura galegas que merecen a admiración e respecto por parte de todos. As razóns da súa decisión e a elegancia para expresalas son abondo coñecidas; porén o que continúa deixándonos perplexos, cando non abertamente abraiados, é comprobar a incapacidade dos membros do Goberno Galego para entender a importancia da fractura que na sociedade galega abriu a súa política lingüística, capaz de facer retroceder, por vez primeira, o emprego vehicular da lingua galega no sistema educativo non universitario. Sei que aí reside a cerna da afouta actitude cívica de Agustín Fernández Paz. As miñas beizóns pola súa lección de coherencia.

Un caligrama: a miña bandeira

Agustín Fernández Paz agasalloume hoxe con este caligrama preparado en letraset para un dos primeiros libros de texto do colectivo Avantar. Coa perspectiva de case trinta anos, este recurso didáctico é unha auténtica marabilla.

Agustín e Xabier, amigos por palabras

Iago Martínez, asina en Xornal de Galicia, outra das súas grandes entrevistas. Desta volta reuníu a Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo nunha longa conversa na que os dous escritores da Xeración Lamote abordan boa parte da súa andaina xuntos durante corenta anos. Un texto moi recomendable para coñecer a dous dos nosos máis grandes escritores. Beizóns aos dous e a Iago por tan estupendo traballo

Todos e todas con Agustín

Mañá sábado,13 de marzo, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra celebrarase a homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle tributa o Salón do Libro de Pontevedra. Durante todo o Salón estivo instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier DoCampo e os músicos Mini e Mero. Animamos a todos os amigos e amigas de Agustín Fernández Paz a acudir a Pontevedra na mañá do sábado para manifestarlle a nosa admiración e agradecemento polo conxunto da súa obra.

Agustín e Xabier no canon

Deixei pasar uns días para comentar a que será unha das noticias culturais máis importante dos últimos anos: dous libros infantís galegos son considerados polos maiores especialistas iberoamericanos entre os dez mellores do seculo XX. O feito de que Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Xabier DoCampo foran escollidos entre milleiros e milleiros de títulos publicados en España durante varias décadas avala a súa calidade e excelencia (o que como como o seu editor nos produce fachenda), mais tamén, e sobre todo, polo recoñecemento que supón para a traxectoria destes dous membros dunha xeración clave para a literatura galega contemporánea. Xabier, Agustín (como o seu compañeiro da «Xeración Lamote», Paco Martín, os tres fotografados por Xurxo Lobato o día do enterro de Manuel María) recoñecidos fóra das nosas fronteiras como integrantes indiscutibles do canon literario iberoamericano, merecerían idéntico interese polo seu traballo literario por parte das institucións universitarias e académicas galegas. Para cando a entrada dalgúns dos tres na Real Academia Galega?

No entanto, teremos unha boa oportunidade de testemuñerlles o noso recoñecemento o vindeiro 13 de marzo, sábado, no Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que homenaxea nesta edición a Agustín Fernández Paz nas palabras de Xabier DoCampo. Beizóns para estes dous grandes amigos de noso.

Día Escolar da non violencia e pola Paz

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UoR0cuRfnKA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Moito agradezo o esforzo que Anxo e Gracia veñen facendo en recompilar materiais da rede sobre a efeméride de hoxe, o Día Escolar da non violencia e pola Paz, que proban a vitalidade da celebración e a calidade e eficacia do traballo didáctico realizado nas aulas e nas bibliotecas do país. Un percorrido por tanto traballos escolares que para min resultou moi emocionante e gratificante. Aconséllo moi vivamente.

Tamén merece a nosa mención o encontro virtual, organizado por Espazo Lectura, que con motivo da efémeride mantivo Agustín Fernández Paz cos lectores e lectoras dos seus Valados.

Todos con Agustín en Vilalba

Hoxe todos con Agustín en Vilalba.

Especial  de Xornal de Galicia. Entrevista con Iago Martínez e artigo de Martin Pawley.

Pola súa banda, Mar Mato entrevístao en Faro de Vigo, facendo fincapé na aparición de Lúa do Senegal.

Agustín Fernández Paz, «Letra E» da AELG

A homenaxe O escritor na súa terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega chega a súa XVª edición recaendo por unanimidade en Agustín Fernández Paz que será homenaxeado en Vilalba, a terra onde naceu. Os actos comezarán ás 12:00 no barrio das Fontiñas, onde se plantará unha bidueira (a árbore escollida por Agustín), develarase un monolíto escultórico e unha placa que atribúe o nome do escritor ao parque. A partir das 13:00 no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba realizarase o acto de entrega da «Letra E» e ás 14:30 un xantar de irmandade no parador de Turismo de Vilaba. Os actos están abertos a todos os socios/as da AELG, á vecindade da Terra Cha e a todas as persoas interesadas.

Animamos a difundir o programa (pode baixarse aquí en pdf) na rede e a participar en tan merecida homenaxe ao grande Agustín.