Príncipe con nomes de muller
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a iniciativa de instlar bancos con nomes de muller:
Segundo conta o historiador Juan Miguel González-Alemparte Fernández no libro Os nomes das rúas de Vigo (1640-1945) (Instituto de Estudios Vigueses 2021), un grupo de veciños do comezo da estrada de Castela, trazada a cordel en 1834 atravesando o barrio do Salgueiral, treito primeiro da estrada Vigo-Villacastín (Segovia) entre a Porta do Sol e o lugar do «Ramalillo», solicitaron en 1861 ao concello que se chamase «rúa do Príncipe». Era xa entón un dos vieiros principais da cidade do que Nicolás Taboada Leal di na súa coñecida historia de Vigo (1840) que no seu tempo xa «se achaba decruado e achandado na súa maior parte». Viario que dúas décadas despois sería o primeiro en pavimentarse fóra das murallas, xusto cando en 1861 se redactou a súa acta de entrega ao concello (coa excepción da fortaleza do Castro) e o comezo das obras da súa demolición. Proposta de inclusión no rueiro vigués dun príncipe que non era outro que Afonso de Borbón, o futuro Afonso XII, fillo primoxénito e herdeiro da raíña Sabela II, nacido o 28 de novembro de 1857. Aprobado pola corporación o 21 de marzo de 1861, o nome sería conservado dende entón agás nos anos da IIª República, cando foi mudado polo de Capitán Galán.
Rúa do Príncipe que a partir de 1870 adquire o carácter de icona do desenvolvemento comercial e urbano de Vigo, reproducida en numerosas cartas postais, polas que nos facemos idea do seu pulo. Alí establecéronse as oficinas do Cable Inglés (1873), o primeiro café que se abriu en Vigo, o Suízo (1875), no que se falaba inglés e alemán, varios colexios, as primeiras oficinas da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo (1880), o Cárcere e Pazo de Xustiza (1881), a primeira oficina telefónica (1889), a sede do Círculo Industrial e Mercantil (1927), ademais de imprentas, librarías, almacéns, tendas de vestiario, ultramarinos e outros establecementos dun amplo tecido comercial moderno e elegante, nunha cidade que comezaba a multiplicarse. Unha rúa na que se estableceron as consultas médicas e as oficinas comerciais dalgúns consignatarios, que co seu esplendor nas primeiras décadas do século XX converteuse na rúa do paseo, no primeiro espazo para ver e ser visto camiñando dende a Porta do Sol a praza do farol de Urzaiz, mesmo a pesar do seu moito tráfico xa que por alí circulaban carros de bois, coches de cabalos e a motor e mesmo o tranvía durante uns anos, até quedar como a primeira rúa peonil.
Carácter de rúa principal que Príncipe nunca perdeu, a pesar de que nas cinco últimas décadas mudou a súa pel comercial, da que hoxe se conserva só a xoiaría de Ramón Fernández e a Academia de Remedios Vivas, substituída por establecementos de cadeas, a semellanza de calquera outra rúa comercial europea. Xaora, cada xeración conserva na súa memoria os nomes desaparecidos da súa rúa do Príncipe, relación iniciada no meu caso pola mercería La Favorita, calzados Chavalín, Kadete, a mercería Amalia, a Papelería Comercial, a Papelería Española, a libraría Barrientos, os almacéns Alfredo Romero, a dozaría as Colonias, os bolsos de Barros, as galerías da Norma, Karina, Esmar, o salón de fotografía de Pacheco, a farmacia de Carrascal, o obradoiro dos prateiros Hernández, o Sport, a xoguetaría Moya, a xoiaría Arosa, a zapataría Layton, a camisaría La Industrial, a Ideal, Fotoclub, Foto Mecánicos, as galerías Olmedo, os almacéns El Príncipe, Carbajo, a cafetaría Flamingo, entre outros que sei cada lectora completará.
Ademais de conservar o seu carácter comercial, ao que se engadiu o Marco (2002) e a sede do Celta de Vigo (2018), Príncipe é hoxe un espazo público e cívico multiusos, onde se celebran as festas de Nadal e frecuentes concentracións, exposicións ou intervencións de rúa. Velaí neste mes de marzo a inauguración dunha acción magnífica: a homenaxe a dezaseis mulleres destacadas das que se amosa a súa biografía nunha placa colocada en cada un dos bancos instalados ao longo de toda a rúa. Unha iniciativa para renomear con nomes de muller este espazo urbano de privilexio, contribuíndo a desvelar as súas biografías e a construír o relato compartido das mulleres na cidade. Escritoras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Begoña Caamaño, Xela Arias, Xohana Torres e María Xosé Queizán. Pintoras como Mercedes Ruibal e Berta Cáccamo. Pedagogas como Ernestina Otero, Sofía Novoa e Antía Cal. Actrices como Dorotea Bárcena. Deportistas como María Antonina Sanjurjo Aranaz e Susana Rodríguez Gacio. Sindicalistas como Carmen Segurana e María Araújo. En Príncipe están a partir de agora os seus nomes e a memoria das súas vidas, está a súa xenealoxía, os seus afáns, os seus soños e compromisos. Parabéns a Carmela Silva, responsable da área de Igualdade e Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, por tan valiosa intervención na memoria da cidade nosa.