Listado de la etiqueta: 25_xullo

Vigo, cifra da Galicia moderna

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración en Vigo do 25 de xullo de 1930:

O 25 de xullo, declarado Día de Galicia na segunda asemblea nacionalista das Irmandades da Fala (Santiago de Compostela, novembro de 1919), e celebrado por vez primeira na Coruña en 1920, foi unha celebración perigosa para a Ditadura de Primo de Rivera (1923), que na súa teimosa loita contra o separatismo prohibiu os actos galeguistas e o izado da bandeira azul e branca en edificios destacados. Habería que agardar á caída do directorio militar primorriverista (febreiro 1930), para que o venres 25 de xullo de 1930 os galeguistas armados de afouteza e entusiasmo recuperasen a celebración pública da gran data galega e o fixeran con éxito en Vigo, a cidade moderna galega por excelencia. Un «Día Noso» que comezou co mitín galeguista celebrado pola mañá nun Teatro García Barbón con cheo absoluto e presidido por Ramón Cabanillas no que falaron Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz Andrade. Xornada de fraternidade galeguista continuada co xantar popular na finca da Barxa onde se reuniron até trescentas persoas, chegadas de toda Galicia (entre elas Ánxel Casal), e no que, entre outros oradores, Manuel Gómez Román, Álvaro de las Casas, Victoriano García Martí e Ramón Fernández Mato pronunciaron palabras memorables. Como concorridísima foi a sesión vespertina viguesa na Agrupación Artística presidida por Urbano R. Moledo e na que disertaron Núñez Búa, Otero Pedrayo,  Álvaro de Las Casas e o coro Feijoo cantou obras do seu repertorio galego.

25 de xullo de 1930 no que por vez primeira se izou a bandeira galega na varanda da casa do concello vigués e na que se interpretou música galega nos bares, cafés e paseos, nunha xornada para a historia na que «Vigo foi o centro espritoal de Galiza», como a seis columnas titulou o día despois o xornal vigués El Pueblo Gallego (EPG). Unha data significativa para o recoñecemento da hélice galeguista do ADN vigués, «adro do fervor galeguista» para o editorialista de EPG, no que «xentes de todas as follas da rosa dos ventos […] levantaron ben trabados na gran data galega os seus corazóns». Entusiasmo que ao editorialista levaba a preguntarse se non terían que rectificar o seu erro aqueles que crían que «Vigo tiña significación de espello das friaxes nórdicas e británicas», para subliñar a seguir que «Vigo é tan galego como outro pobo calquera da nosa terra, tan heroicamente galego como aqueles recunchos intactos onde non chegou inda a sorbente da meseta…» e rematar co inequívoco espírito vigués tan resolto: «Galiza en Vigo puxo onte ao aire o peito con aquel rexo espírito que desencadea os escravos, con aquel xeito decidido e resolto co que nas proas dos barcos parece adiviñarse as duras travesías que nos agardan».

Reivindicación do carácter netamente galego da cidade da oliveira que compartiron moitos dos oradores daquel 25 de xullo que despois de noventa e tres anos hoxe lembramos. Otero Pedrayo, aclamado durante varios minutos no García Barbón, fixo no seu discurso un canto a Vigo e ao seu espírito emprendedor, relatando os días de infancia nos que a visitou por vez primeira, lembrando «a música de ciceis labrando a pedra da futura gran cidade». Castelao exaltou en Vigo o sentido universalista do galeguismo e da arte galega. Paz Andrade celebrou a incorporación de Vigo ao movemento galeguista, considerando o xuntoiro vigués da Barxa como a trabe necesaria para a conquista das liberdades republicanas. Como Álvaro de las Casas aventurou na Barxa (nunha referencia importante, escasamente divulgada) que «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

O espírito galeguista de celebración do 25 de xullo de 1930 non se repetiría en Vigo até 1992 cando o goberno de coalición do PSdeG-PSOE cos nacionalistas de PSG-EG e BNG, presidido por Carlos G. Príncipe, convocou no xardín inglés do Pazo de Castrelos na tarde do 24 de xullo a lectura dun bando da alcaldía con motivo do Día Nacional de Galicia, denominación oficial dende que foi aprobada pola Xunta de Galicia en 1979. Un amplo xuntoiro veciñal, cultural, social e político, no que dende entón adoitaron participar con respecto institucional todos os grupos municipais vigueses, que permitía actualizar o discurso compartido por todos de Vigo como cifra da Galicia contemporánea, motor da Galicia futura, onde se inician os camiños de progreso e onde sempre agromou o mellor da cultura galega. Unha convocatoria institucional que por segundo ano consecutivo non se celebrará na data prevista, probablemente adiarase a setembro, o que rompe unha tradición que semellaba consolidada. Ben sería recuperar aquel espírito de Vigo como centro da Galicia moderna acuñado polos galeguistas hai case un século.

Onte 1397: 25X de unidade

a_nacion_galega_2015

Foi a de onte unha xornada importante para a unidade de todos os cidadáns e cidadás que, por riba das nosas diversas adscricións e preferencias e dende a nosa vontade individual, defendemos que Galicia é un suxeito político. A convocatoria foi un éxito polo apoio recibido e polo escaso peso da simboloxía de parte que se exhibiu nunha comitiva veloz e nun acto simbólico no que se expresou a vontade de confluencia entre todas as persoas e colectivos que acreditan na Nación Galega. A partir de agora a responsabilidade corresponde a todas as forzas políticas que acreditan nunha candidatura de unidade galega para as vindeiras xerais. A vontade do común quedou expresada no entusiasmo e na emoción que onte vivimos nas rúas de Compostela.

Onte 321: Día da Patria Galega

Non foi o mellor 25 de xullo dos últimos anos. O BNG demostrou a súa indubidable fortaleza organizativa cunha das maiores manifestacións recentes. Pola súa banda, Anova e Compromiso expresaron o seu entusiasmo e determinación para renovar o discurso e a fórmula organizativa do nacionalismo galego. Todos os tres superaron cadanseu exame, a pesar de que onte o contido da materia era ben diferente para cada un deles. Porén, percibín nas rúas de Compostela que somos algúns os nacionalistas que consideramos esta mostra de desunión como un síntoma da incapacidade actual do nacionalismo galego para artellar unha alternativa verosímil á recentralización autonómica en marcha e aos recortes promovidos polo Partido Popular, unha situación de auténtica emerxencia. Tras este 25 de xullo, sigo crendo que recuperar a unidade nacionalista para participar nas Autonómicas, como mínimo baixo a fórmula dunha coalición electoral, é imprescindible para evitar outro novo retroceso. O teito do 5%, difícil de acadar para Anova e Compromiso (mesmo se concorren xuntos) e, sobre todo, a prevista baixada a 61 do número de membros do Parlamento (unha arteirada propia dun goberno trampulleiro) constitúen acicates para que ambas as tres forzas nacionalistas, a pesar das feridas abertas e das apreciables diferenzas dos seus proxectos, recuperen a unidade de acción electoral. Onte, a pesar de que tanto a manifestación como as concentracións foron concorridas (se ben cunha notabílisma diferenza a prol da do BNG), identifiquei rostros de tristeza en todas as tres. Volvín de Compostela preocupado sobre o futuro do nacionalismo galego.

A fotos son de Praza pública.

Galicia desacougada

No artigo da semana de Faro de Vigo, coincidente co 25 de xullo, propoño unha reflexión sobre a actual situación política de Galicia.

Galicia chega a este 25 de xullo, o seu día nacional, desacougada e cun pulso máis baixo ca noutrora. Coa excepción da luz que provocou durante uns días na conciencia colectiva o movemento dos Indignados, semella que as incertezas e medos provocados pola crise financeira do euro (que sabemos agocha unha crise estrutural máis profunda) e pola escasa iniciativa política, tanto do actual Goberno Galego conservador como da súa oposición parlamentaria, impiden albiscar escintileos de esperanza que se puidesen enxergar no horizonte.

As cifras e os indicadores estatísticos non axudan a atopar razóns para o entusiasmo sobre o futuro do país noso. Ao longo do último ano, o paro afectou a un cuarto millón de galegos e a taxa de desemprego superou o 17%, cifras elevadísimas que sitúan a nosa como a terceira comunidade na que máis emprego se destruíu. O número de Expedientes de Regulación de Emprego medrou de forma notable en todos os sectores produtivos, con singular incidencia nos da automoción, a construción naval e pesca, eidos industriais de noso que arrastran dificultades estruturais de viabilidade por mor das limitacións dun ou doutro tipo que impón a normativa da Unión Europea para o seu funcionamento. A anemia demográfica non cesa e Galicia continúa liderando a perda de poboación en España, volvendo diminuír en 2010, por segundo ano consecutivo, o número de nacementos; crise agudizada nas provincias de Ourense e Lugo onde o número de defuncións duplicou o de nacementos. Sangría poboacional agravada polo incremento da emigración, sobre todo a dos membros da “xeración perdida” –estimada xa en máis de vinte mil persoas, entre 25 e 35 anos, unha barbaridade!–, e pola oferta escasa para poboación inmigrante, fóra do sector do coidado a persoas maiores e dependentes.

Dende a súa toma de posesión o actual Goberno Galego apostou por un modelo de xestión por coiuntura, acomodando a súa axenda á confrontación sistemática coas actuacións do Goberno bipartito (audis, lingua, reparto eólico…) e co agotado e errático Goberno Zapatero (financiamento, desaparición das caixas, xenéricos…). Unha estratexia deseñada en clave de partido, que achegou réditos mediáticos ao presidente Feijóo, convertido pola prensa conservadora madrileña no príncipe da “austeridade” futura e no azoute dos excesos nacionalistas, mais que ameaza deixar o noso país en poucos anos nun auténtico ermo. Abandonadas as crenzas galeguistas dos gobernos de Fraga e transformada Galicia en laboratorio da recentralización prometida por Rajoy e deseñada por FAES, a ninguén pode estrañar que o Goberno Feijóo se desentenda de enfrontar a xestión estratéxica, e polo tanto en clave de país e con elevadas doses de consenso entre os partidos, que require cuestións, entre outras, como a crise industrial atlántica, a reorganización territorial e administrativa, a reinvención das formas de vida da Galicia interior ou o futuro da lingua e cultura galegas como patrimonios que a humanidade deixou ao noso cargo.

Mais tampouco a oposición parlamentaria foi capaz ao longo destes dous anos de lexislatura de mobilizar á cidadanía co aliciente das súas propostas. Sen liderado claro en ningunha das dúas formacións e sen posibilidade de conformar unha alternativa crible para a cidadanía, os actuais responsables do PSdeG-PSOE e BNG asumen de facto que, neste momento, o seu primeiro obxectivo é o de conservar as súas posicións institucionais e manter as súas estruturas partidarias. Unha mesma estratexia conservacionista de coiuntura, incapaz de agochar a crise profunda de dúas formacións minadas polos fracasos electorais recentes. Se queren evitar caer no precipicio da irrelevancia e mesmo, no caso do BNG, da desaparición institucional, os socialistas e nacionalistas precisan reinventar o seu discurso programático e a súa estratexia de comunicación con toda a sociedade galega.

Presentado así o panorama, o balance non pode ser máis desacougante para un país que se afixo a vivir en permanente estado de desánimo colectivo. Como xa sinalabamos o pasado ano, para saír desta situación de desacougo e melancolía paralizante, Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía en clave de país –traducidas politicamente na fórmula de “máis autogoberno, máis consenso, máis cidadanía”– que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como veñen demostrando Cataluña e Euskadi, non se resignan a que outros decidan por elas. Estou convencido que tamén esa é a mellor solución para Galicia. A crise financeira, política e social actual obriga a reinventar o proxecto nacional de Galicia no marco europeo. Quizais sexa a nosa derradeira oportunidade.