Por moitos libros, Penzol!
No artigo da semana en Faro de Vigo homenaxeo a Fermin Penzol e a Francisco Fernández del Riego con motivo do premio outorgado pola Asociación Galega de Editores á Fundación Penzol.
O venres, no seo da Noite da Edición 2013, celebrada no impresionante galeón de pedra que é o auditorio de Beiramar, os editores galegos entregamos o Premio Francisco Fernández del Riego á cooperación no labor editorial á Fundación Penzol. Recoñeciamos así a traxectoria de medio século da institución creada por Fermín Fernández Penzol-Labandera en Vigo o 7 de abril de 1963, que dende o seu inicio se constituíu no centro de estudos e documentación especializada en lingua e literatura galega de referencia. Sabiamos que con este premio homenaxeabamos tamén no ano do centenario do seu nacemento a don Paco del Riego, o incansable director da Biblioteca Penzol, dende aquel 5 de maio de 1963 no que se inauguraron as primeiras instalacións no número 24 de Policarpo Sanz, no edificio Bárcena, nuns locais da caixa de aforros, até xaneiro de 2010, poucos meses antes do seu pasamento.
Penzol e del Riego compartiron o seu amor polos libros, a súa paixón pola bibliografía galega, coma unha tarefa política ao servizo do seu país, que asumiron con grandes doses de sacrificio e discreción. Ambos os dous formaron parte das Mocidades Galeguistas e despois do Partido Galeguista, tanto durante a República como logo na clandestinidade. Como salientou Isaac Díaz Pardo, o seu traballo paciente de “recoller libros e documentos, anacos esparexidos da nosa historia esnaquizada, constituiría o material necesario para a reconstrución da nosa memoria”. Un labor patriótico esencial para a nación galega. Durante os difíciles anos das décadas de 1940 e 1950, ambos os dous compartiron o proxecto de constituír en Vigo, que carecía dunha “institución galega” de referencia (ou nas palabras de Méndez Ferrín, “Vigo, o centro simbólico da Galicia futura e ceibe”), unha gran biblioteca nacional galega, sobre o país e sobre a súa lingua.
Un proxecto iniciado de moi novo polo “gran bibliotecario de Galicia” (Carballo Calero bautizou así a Penzol). O propio Fermín confesoulle a Salvador de Lorenzana (un dos alcuños de don Paco), na entrevista publicada en 1957 en Buenos Aires en “Galicia emigrante”, que os primeiros libros da súa colección (“Galicia antigua” de G. De la Riega, “Varones ilustres de Galicia de Pardiñas Villardefrancos e dous ou tres tomos da “Galería de gallegos ilustres” do vigués Vesteiro Torres) mercáraos en 1916, nun posto da rúa San Bernardo, cando estudaba Dereito na Universidade de Madrid. Así comezou unha colección de material bibliográfico que Penzol foi [nas súas palabras na citada entrevista] “axuntando para Galicia e a Galicia lla entrego por medio de Galaxia que é, antre as entidades culturais da nosa terra, a que, ó meu ver, reune as meirandes garantías de fidelidade e de eficiencia dinámica en orde á revitalización da nosa cultura”. Unha doazón a Galaxia que entregou simbolicamente en 1956, mais que se faría efectiva en 1963, cando se constituíu a Fundación Penzol, como institución xurídica responsable dos fondos.
Aquela colección inicial de Penzol, formada por 7.751 libros e 6.012 folletos, revistas, periódicos, manuscritos e documentos diversos, incrementouse notablemente ao longo destas cinco décadas. Hoxe conta cun catálogo extraordinario que abrangue dende o denominado “fondo histórico” (400 libros do século XVI ao XVIII), a cerca de 50.000 libros, oito coleccións completas de periódicos, milleiros de cartas, revistas, publicacións periódicas e folletos, 400 manuscritos, ademais dun importante arquivo sonoro, fotográfico e a máis diversa documentación sobre Galicia e a lingua galega. A este desenvolvemento non foi alleo, o apoio proporcionado polo concello de Vigo, que permitiu en 1985 (sendo alcalde Manuel Soto) o traslado das instalacións da Penzol á Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa, contando ademais dende entón co soporte técnico de persoal bibliotecario especializado, onde foi esencial o traballo de María Ángeles Vidal Fraile. Apoio municipal consolidado cando Carlos González Príncipe presidiu o primeiro goberno municipal vigués coa participación dos partidos nacionalistas (1991-1995), que acometeu as obras de ampliación das instalacións da biblioteca e cedeu á Fundación Penzol á “planta baixa para instalar nela un Museo Permanente do Libro Galego, con especial atención á participación da Cidade de Vigo no mundo da edición”.
Hoxe a Biblioteca Penzol é a biblioteca principal da edición en lingua galega e, probablemente, tamén o primeiro centro bibliográfico sobre a historia da Galicia contemporánea. Un proxecto consolidado que, porén, debe facerlle fronte ao reto ineludible da completa dixitalización dos seus fondos e da súa integración na rede. A Penzol do século XXI. “Por moitos libros, Penzol!”, como don Paco abeizoaba ao seu amigo Fermín.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir