Onte 877: «A la sombra del maestro», un clásico de Farias

Fun onte á libraría Versus coa intención de mercar o libro de Eduardo Rolland sobre Jules Verne (hoxe de aniversario) e Vigo e saín con outros dous máis, a nova edición de A la sombra del maestro de Juan Farias e Diez de diciembre, o libro de relatos máis recente de George Saunders. É o que ten entrar nunha libraría que ofrece unha escolla literaria que vai máis alá do convencional, con atención e agarimo para as editoras de calidade en lingua castelá (o tratamento do galego éche outro cantar).

Moito gocei coa hora de lectura engaiolante da noveliña de Juan Farias, editada por vez primeira en 1995 por Alfaguara, recuperada agora do esquezo por Shalaklibros, unha editora nacida nunha libraría de Mislata, que na colección «Ramita de Romero» pretende achegar ao lectorado adulto textos que nun principio foron publicados en coleccións infantís e xuvenís. A la sombra del maestro lese coa facilidade e coa emoción dun clásico que acrisola o universo literario do narrador de Serantes: unha sinxeleza e aparente facilidade do relato que flúe coma auga cristalina; unha prosa breve, exacta e suxestiva; unha voz narrativa próxima, quente e verdadeira; un protagonismo inequívoco para os humildes e unha intención de devolverlles a voz que lles foi roubada…

A la sombra del maestro é coma Años difíciles Farias cen por cen. Un escribinte municipal sen nome, un chisco melancólico e poeta, relata en dez cadernos a crónica dun pobo da beiramar de noso («moi ría adentro, onde a auga non se decide a ser nin sosa nin salgada»), onde goberna un alcalde despótico e os seus habitantes procuran non perder nunca a esperanza. Volve Juan Farias ao relato da vida cotián de postguerra, do mundo de heroes anónimos (o mestre, o tolo, o párroco, unha rapaza coa lúa nos ollos, os pícaros Pedro e Paco…) que apenas son seres humanos na procura do amor e dunha vida digna. Páxinas inesquecibles por emocionantes, que destilan tenrura e, sobre todo, verdade, afastadas de calquera retórica da impostura literaria.

Mención á parte merece o tratamento da figura do mestre e a defensa do coñecemento como un ben común a preservar e transmitir: «A pesar do alcalde, que o era a dedo, o mestre seguiu coa ensinaza de “ti tamén contas, rapaz”, ou aqueloutra de que “o aire é de todos e a ti, se é da túa querenza, ninguén te impide mover as orellas e aprender a voar”». «Ao mestre, por teimar en ensinar, que é dicir verdades, quitáronlle a escola. Fixérono cun informe á autoridade competente, que era amiga do alcalde e da súa socia nun negocio de madeiras. Isto non serviu de moito, que o mestre se fixo furtivo e saíu a procurar alumnos polas corredoiras, na praia e arriba nos penedos».

Un libro luminoso e imprescindible. Cómpre volver a Farias, outros dos grandes.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *