Onte 2129: Chegan os Hematiños do Hematocrítico e Alberto Vázquez
Unha das mellores novas da nosa lix recente foi a incorporación ao seu catálogo do Hematocrítico e de Alberto Vázquez, dous xenios desbordantes, autores da deconstrución retranqueira dos contos clásicos. Mellor noticia aínda é a publicación das dúas primeiras entregas da serie Os Hematiños, Un can e O meu irmono, creadas para incorporarse ao catálogo do prelectorado de Xerais.
O dereito a ser diferente e as diversas formas de ver ao mundo son as temáticas destes albumciños acartonados e de cantos curvados onde cada escena ofrece á prelectora variados e sorprendentes estímulos para a súa lectura visual e textual. Nestes dous primeiros hematiños, o Hematocrítico e Alberto Vázquez xogan no seu territorio máxico preferido, tamén para eles o máis estimulante, o da ambigüidade sensorial, onde abrolla o humor sen correccións e onde se facilita a construción do pensamento crítico. Un territorio onde os que semellan ovellas poden ser cans, e onde os que parecen humanos non o son tanto.
A edición moi coidada, tanto no que atinxe ao formato, a escolla tipográfica con intencionalidade didáctica como a de materiais e acabamentos, os textos e as ilustracións urdidos en idéntica intencionalidade comunicativa, con presenza de onomatopeas e palabras chave, así como as secuencias narrativas sempre significativas fan destes hematiños un dos mellores proxectos de colección para o neolectorado que lembro na edición galega da última década. Parabéns á editora polo coidado da edición e a Miguel e Alberto por tan excelente resultado creativo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir