O escudo do Centenario
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao escudo do Centenario:
O éxito arrasador do himno do Centenario superou fronteiras como amosa o feito de que nunha semana chegase ao millón e medio de reproducións en YouTube, fose incluído pola crítica de New York Times como un dos dez mellores lanzamentos musicais da semana, gabado e envexado polas afeccións máis diversas e incorporado aos repertorios dos locais de verán. Unha visibilidade internacional con valor cultural engadido para a celebración do centenario celeste, mais tamén para a proxección da Ría de Vigo e a súa historia e actividade económica, para o coñecemento da música tradicional galega como para homenaxear ao celtismo anónimo, sempre ao rescate do seu equipo nas encrucilladas, principais protagonistas do logradísimo traballo de C. Tangana.
Sen esquecer, secasí, que a peza audiovisual é unha excelente promoción turística para Vigo e Redondela, principais localizacións paisaxísticas, como en xeral para Galicia e a súa lingua, cultura e deporte; e o que semella pouco frecuente, sen que isto supuxera custes monetarios para as administracións públicas con competencias nesas materias (dende o Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra até a Xunta de Galicia e o Goberno de España). Así e todo, este himno do Centenario ofrece a posibilidade de realizar outras lecturas.
Entre elas semella moi salientable a homenaxe explícita do compositor Antón Álvarez a Vigo, a cidade paterna, o seu berce celtista, apenas percibida nas imaxes pero presente na metáfora rotunda do título da peza e subliñada graficamente no «escudo do Centenario». Unha homenaxe familiar de Tangana que levou de agasallo a creación dun símbolo que a partir de agora representará ao celtismo do século XXI, esa comunidade de seareiros (e cada vez máis seareiras) que o Celta de Vigo artellou ao longo de cen anos con cinco xeracións viguesas, despregada agora por todo o mundo. Unha creación gráfica de Ostap Yaschuk na que se funden en branco e negro os dous elementos primixenios do escudo da cidade dende 1813: o castelo e a oliveira (presentes nunha das pezas do paseo dos escudos do pazo de Castrelos). Cerna que acubilla o escudo celeste, ideado tras a fusión de Vigo e Fortuna por dous ces brancos (Club Celta) sobre fondo azul, ensamblado dende 1928 coa cruz de Santiago, utilizada dende entón, como a celeste, para representar a Galicia. Tangana ofrece, pois, unha nova insignia que recupera ao mesmo tempo o carácter netamente vigués e orgullosamente galego do Celta primeiro de 1923.
Unha creación brillante que, queirámolo ou non, trasacorda aquela moi desafortunada decisión de Carlos Mouriño que en 2016 eliminou a palabra Vigo do logotipo do club e dos descritores das redes sociais da Sociedade Anónima Deportiva. Criterio ao que non foron alleas as desavinzas do presidente coa alcaldía, que por desventura continuaron coa reforma de Balaídos e a apertura da bonita grada de Marcador, construída só cos fondos do Concello e a Deputación, e continúan para vergonza do celtismo e da cidadanía viguesa coa falta de entendemento de club e concello na celebración do Centenario.
O escudo de Tangana amosa que dende 1923 non se pode entender o Celta sen a presenza dunha oliveira (Vigo), árbore da paz que medra e abraza, símbolo de amor, lealdade e continuidade da propia cidade dende hai case douscentos anos. En definitiva, non hai Celta posible sen un Vigo capaz de imprimir o seu dinamismo e emprendemento industrial, tamén a súa resiliencia comunitaria, ao carácter do seu primeiro club deportivo. Como non se pode explicar a cidade de Vigo desde 1923, concibida como cifra de todas as galicias posibles, abella da ribeira e cidade guindastre, sen a cohesión entre xeracións, sen o relato de continuidade familiar, sen a representatividade de ansias colectivas, sen a unión e o afán, que foi proporcionando o Celta, un club de fútbol creado expresamente para representar a Galicia nas competicións estatais.
Incerto e optimista da vontade («sempre andan dicindo para o ano que ven»), o devir do Celta continúa sendo parte da conversa cotiá de varias xeracións viguesas, residentes ou non na propia cidade, que debaten sobre fichaxes, adestradores, vitorias ou decepcións nas páxinas do Faro ou sobre as cada vez máis numerosas opinións publicadas nas redes sociais do celtismo. Como non se pode esquecer que o carácter metropolitano da cidade de Vigo, capital das terras de Turonio, presente dende 1914 na súa xeografía tranviaria estendida do Calvario a Bouzas, da Calzada á estrada de Camposancos, facilitou a fundación do Celta e forma tamén parte da súa cerna, sendo seguido nos concellos das Rías Baixas, dende o Morrazo ao Val Miñor, dende a Louriña ao Condado e Baixo Miño, dende Pontevedra a Arousa, onde continúa tendo un dos berces da súa inesgotable canteira.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir