Lingua, 40%

As primeiras actuacións do Goberno Galego sobre o idioma son escasamente esperanzadoras. A Secretaría Xeral de Política Lingüística no organigrama administrativo volve a depender da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria (como foi adoito durante os gobernos de Fraga), perdendo o seu carácter transversal e a intencionalidade de levar actuacións normalizadoras aos diversos ámbitos da sociedade. Unha clara regresión lamentable que, ademais, sitúa a polémica do idioma só sobre as actuacións no sistema educativo. No entanto, aínda máis significativo ca esta medida política foi o comportamento idiomático dos membros da novo executivo que puiden percibir tras as súas diversas intervencións radiofónicas no día de onte. Escoitei declaracións en castelán até de catro membros do executivo: de Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda; de Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria; de Pilar Farjas Abadía, conselleira de Sanidade e de Samuel Juárez Casado, conselleiro de Medio Rural. Un comportamento idiomático no exercicio do seu cargo moi escasamente respectuoso co ordenamento legal vixente, inédito nos diversos gobernos do Partido Popular, fosen os de Fernández Albor como os de Manuel Fraga (coa aquela excepción dun dos seus conselleiros de Sanidade). Será este 40% a cota que Alberto Núñez Feijoo conceda ao emprego público do castelán nos membros do seu «Goberno 10»?, é esta porcentaxe ou seu xeito de entender o «bilingüismo cordial»? A verdade é que na cuestión do idioma, sen entrar a valorar as declaracións do conselleiro de Educación sobre a modificación do decreto de fomento do galego (cómpre lelas con moito vagar, atendendo a súa firmeza na defensa da política de  liberdade lingüística), este goberno mete medo.

5 comentarios
  1. Daniel
    Daniel Dice:

    Concordo con Brétemas na súa preocupación sobre a situación á que nos enfrontamos.
    Quería comentar unha cousa porque creo que convén que intentemos desmontar a falacia da “liberdade” que defende o PP.
    O PP está a utilizar unha idea de “liberdade” que en realidade non é tal, senón unha imposición. A liberdade (a auténtica, sen trampas nin mentiras) consiste en que os rapaces, cando rematen os estudos secundarios, teñan igual competencia en galego e en castelán. Desa maneira han ser LIBRES para utilizar un idioma ou outro.
    O que realmente pretende Feijoo é que sigua a situación actual, é dicir, que moitos rapaces e rapazas das cidades, ao rematar os estudos, non sexan quen de falar o galego con fluidez e comodidade (basta con escoitar a súa proposta de que os rapaces, non sendo na asignatura de “galego”, poidan falar en castelán en todas as demais).
    O que realmente pretende Feijoo é que os rapaces, cando saian da escola, NON TEÑAN LIBERDADE para elixir en que idioma queren desenvolver a súa vida.
    Creo que sería importante que intentásemos transmitirlle á sociedade que o que realmente pretende Feijoo non é liberdade, senón todo o contrario.

  2. Eva Carpente
    Eva Carpente Dice:

    Teremos que ver de novo cómo a xusticia, a iglesia, a educación, en fin o poder falan so castelán?. Gran parte do uso da nosa fala está nas nosas máns. Que o governo non apoia?. Pois nos a falar so en galego! non poderán con nos.

  3. Eva Carpente
    Eva Carpente Dice:

    E teremos que ver outra vez como a iglesia, a educación, a xustiza, é dicir O PODER falan só castelán?. Pois xa sabedes: a falar só galego, que nos teñan que oir, ¡sempre en galego!

Los comentarios están desactivados.