Listado de la etiqueta: sxpl

Onte 1401: Humillación lingüística

2015072814153762923A humillación lingüística sufrida por unha nena de dez anos por falar galego no centro hípico Casas Novas durante un campamento de verán pon de manifesto as dificultades que deben superar aquelas familias que utilizan decote o galego como a súa lingua habitual. Neste entorno non académico, vulnéranse os dereitos lingüísticos dunha menor que nese contexto pode expresarse en calquera das linguas oficiais. Nesta discriminación, negada polo centro, demóstrase, ademais, como funciona o prexuízo da «amabilidade lingüística», que obriga a mudar de lingua só aos galegofalantes. A frase «Yo si te hablo en castellano tu obligación es hablarme en castellano» resume a supremacia do emprego do castelán asumida por persoas galegófobas como unha «obriga moral» das que somos galegofalantes. Este caso de discriminación nun contexto socioeducativo, sometido ao marco do dereito público, require o amparo da SXPL que ten a obriga de velar pola defensa dos dereitos da cidadanía.

Onte 110: Repesca

A convocatoria de axudas para a edición de recursos didácticos en galego, por medio do procedemento dunha tramitación anticipada dos expedientes de gasto e por unha contía máxima de 300.000 euros, constitúe outro capítulo dese devalo, até agora imparable, da política de apoio ao libro educativo en galego do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Tras a supresión unlilateral da adxudicación de axudas de 2011 (valoradas en 400.000 euros), os editores de materiais educativos en galego concibimos esta nova convocatoria (cun importe que, respecto á de 2008, supón unha redución do 70%) como unha “repesca” que nos permita aminorar dentro do posible os efectos negativos dun ano perdido. Con todo, non deixa de ser moi inquedante a advertencia, contida no artigo 2 da Orde, de que “o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012”. Algo máis desacougante, aínda, cando é de dominio público que dos 16.500 millóns de euros de redución do déficit das Administracións Públicas, anunciados por Rajoy, corresponderán á Galicia arredor de 850 millóns. Sería esperpéntico e delirante, aínda que non descartable, que os editores de libros de texto en galego fósemos, outra volta, da quenda dos primeiros sacrificados das políticas orzamentarias destinadas a acadar “o equilibrio entre ingresos e gastos” (vaia eufemismo!). É triste que un teimoso optimista da vontade, coma sempre fun, se transforme nun escéptico radical disposto a enfrontar a hipótese máis desfavorable.

Lingua, 40%

As primeiras actuacións do Goberno Galego sobre o idioma son escasamente esperanzadoras. A Secretaría Xeral de Política Lingüística no organigrama administrativo volve a depender da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria (como foi adoito durante os gobernos de Fraga), perdendo o seu carácter transversal e a intencionalidade de levar actuacións normalizadoras aos diversos ámbitos da sociedade. Unha clara regresión lamentable que, ademais, sitúa a polémica do idioma só sobre as actuacións no sistema educativo. No entanto, aínda máis significativo ca esta medida política foi o comportamento idiomático dos membros da novo executivo que puiden percibir tras as súas diversas intervencións radiofónicas no día de onte. Escoitei declaracións en castelán até de catro membros do executivo: de Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda; de Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria; de Pilar Farjas Abadía, conselleira de Sanidade e de Samuel Juárez Casado, conselleiro de Medio Rural. Un comportamento idiomático no exercicio do seu cargo moi escasamente respectuoso co ordenamento legal vixente, inédito nos diversos gobernos do Partido Popular, fosen os de Fernández Albor como os de Manuel Fraga (coa aquela excepción dun dos seus conselleiros de Sanidade). Será este 40% a cota que Alberto Núñez Feijoo conceda ao emprego público do castelán nos membros do seu «Goberno 10»?, é esta porcentaxe ou seu xeito de entender o «bilingüismo cordial»? A verdade é que na cuestión do idioma, sen entrar a valorar as declaracións do conselleiro de Educación sobre a modificación do decreto de fomento do galego (cómpre lelas con moito vagar, atendendo a súa firmeza na defensa da política de  liberdade lingüística), este goberno mete medo.