Lagares e outros ríos do Fragoso

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao río Lagares:

O concello de Vigo esparéxese sobre o Val do Fragoso, bacía vertebrada polo Lagares, o río por excelencia de Vigo. O Lagares nace entre as brañas de amieiros, salgueiros e bidueiros situadas por riba da Lagoa Mol, a 250 metros de altura, no lugar da Retorta, entre as mesetas da viguesa parroquia de Cabral e a redondelá de Vilar de Infesta, dentro das instalacións do Areo Club en Peinador. Dende alí percorre de leste a suroeste 17,5 quilómetros até chegar á Foz de Samil, despois de atravesar nove das vinte e catro parroquias dos que foron os concellos das terras de Fragoso.

Recibe augas o Lagares dunha rede de afluentes, ou veas fluviais de maior ou menor entidade, que na marxe dereita son: o Cernade, o Regado do Rial, o Cambeses, o Bagunda e o Campelos. Afluentes que conforman na marxe esquerda un mapa fluvial entupido polo ríos Grileira, Becerreira, Rego Sameiras, e, sobre todo, polos catro principais do Lagares: o Eifonso, o Barxa, o Rego Pereira e o Regueiro de Rega. Tendo á súa vez o río Eifonso un tributario principal, o regato de Riomao, que conta cunha pequena fervenza no seu curso alto. Mentres que o Barxa conta con tres: Rego de Quintián, Rego de Lavadouros e Regueiro de Senra. Como o río Rego conta con catro: o Rego de Presa, o Regueiro de Cartas, o Rego do Freixo e o Río Seco.

Nomes dos ríos do nos mapa fluvial, que ofrece un patrimonio de topónimos e microtopónicos, aínda vivos, estudados por Edelmiro Bascuas e nos que afondou Iván Sestay Martínez, autor da extraordinaria serie de libros Toponimia do Val do Fragoso, especialmente nos volumes I, dedicado a Coia (2008) e IV, a Sárdoma e Freixeiro (2015), publicados  pola Universidade de Vigo e o Servizo de Normalización Lingüística do concello de Vigo. Lagares que deberiamos chamar río Sárdoma, o topónimo máis acreditado na documentación histórica. E como salienta Iván Sestay este río maior do Fragoso careceu tradicionalmente dunha denominación unitaria, sendo recoñecido segundo o barrio ou freguesía pola que pasase: río Sardomela en Cabral, río de Vilar en Lavadores, río de Cambeses, río de Sárdoma (documentado antes do século XVI) en Freixeiro e Sárdoma, río de Gandariña ou río de Lagares en Coia, de onde colle o seu nome dunhas terras, xa consignadas en 1752 no catastro do Marqués de la Ensenada. Hidrónimo, que proporcionou nome a toda unha parroquia, a de Sárdoma, que Sestay considera existe dende hai milenios, de carácter prerromano precelta, que significa “o fluxosísimo”, “o que moito flúe” ou de “moita corrente”.

Río Lagares ou Sárdoma, que tanto ten, que primeiro percorre a parroquia de Cabral, onde no seu curso alto recibe o nome de Sardomela, o que é o normal nos ríos de nomes prerromanos. Numerosos muíños, hoxe en desuso, aproveitaron aí a forza río, que no lugar de Chan das Rás florece, de febreiro a marzo, o endemismo vigués narcissus cyclamineus, a coñecida flor amarela en forma de trompeta.

Despois, pasa pola parroquia de Lavadores, onde os rápidos de Coutadas e Raposeira son unha marabilla visual, para descubrir a fábrica de papel continuo «La Cristina», situada sobre outro pequeno afluente, o río Barreiro, fundada en 1862 por Norberto Velázquez Coppa, onde se fixo durante uns anos o papel que utilizaba a imprenta de Juan Compañel ou de Faro de Vigo. Primeira industria instalada no Lagares, contaba con caldeiras de vapor, trituradoras e outra maquinaria. Actividade industrial desta edificación de catro plantas sobre o río que continuaría como secadoiro de bacallao ou fábrica de lata.

No curso medio, o río recibe en Sárdoma as augas do Eifonso, curso onde se conservan en Bembrive as fragas autóctonas en mellor estado do concello e unha interesante fervenza. A seguir, continúa pola parroquia de Castrelos, onde recibe as do Barxa; atravesa a finca da marquesa e pouco máis adiante corre canalizado desde 1928, para facilitar a construción do estado de Balaídos, e soterrado baixo a grada de Río, o que supuxo o abandono do seu paso pola ponte medieval, unha das dúas pontes sobre o Lagares, xunto a de Sárdoma. Remata o seu percorrido o río polas parroquias de Matamá, Comesaña, Coruxo e Navia, onde conforma unha grande xunqueira, refuxio de aves acuáticas, antes de perderse na ría.

O que foi vertedoiro de inmundicias industriais e domésticas durante décadas, está sendo sometido a unha profunda transformación na procura de restablecer o seu equilibrio e convertelo nun espazo de lecer, seguindo o trazado do sendeiro que une as pasarelas do Lagares en Lavadores, un espazo de visita moi atractiva, coa desembocadura do río no Cabo da Foz. Un espazo público que o novo Plan Xeral ampliará de forma considerable coa pretensión de converter este eixo fluvial das terras do Fragoso no terceiro grande parque vigués, despois do Castro e Castrelos. Que o vexamos!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *