IES de Navia: nome honorífico ou topónimo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao debate sobre o nome do futuro IES de Navia:
Ás portas do inicio da campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, a Consellaría de Educación anunciou o convenio co concello de Vigo para a cesión dun soar de 12.576 metros cadrados en Navia onde se construirá un instituto de ensino secundario para 700 alumnos e alumnas (dúas liñas de ESO e Bacharelato), adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que levará o nome do escritor vigués Domingo Villar. Sen dúbida, transcorridas dúas lexislaturas de reclamacións veciñais e municipais deste centro educativo de San Paio de Navia, onde tras vinte anos da posta en marcha do Plan de Actuación Urbanístico xa viven máis de dez mil persoas (a parroquia viguesa na que máis medra a poboación nova), onde están en marcha novas actuacións residenciais, novas humanizacións municipais na rúa As Teixugueiras e unha conexión que favoreza a mobilidade peonil co barrio de Coia, o acordo entre as dúas administracións, a autonómica e a local, merece ser moi celebrado, tanto polo atractivo do proxecto arquitectónico educativo, creando espazos interiores máis flexibles arredor dun ágora nunha edificación sostible e integrada na paisaxe urbana, como polo caso pouco frecuente que supón no Vigo actual de colaboración entre administracións.
Sen embargo, non comparto a iniciativa da Consellaría de Educación de denominar ao centro co nome honorífico de Domingo Villar, autor de novelas tan memorables como Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), ben sei que coa intención de honrar a súa memoria entre as novas xeracións de lectores e lectoras, xa que entendo que como regra xeral, como recomenda a Unesco e como quedou fixado en 1989 na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo (capítulo VII, artigo 12), deben utilizarse os nomes de lugar (topónimos ou microtopónimos) nas incorporacións ao rueiro ou á denominación dos novos centros ou servizos públicos. O nome do novo centro educativo debe ser, probablemente, IES de Navia ou mesmo o da parcela da parroquia de San Paio de Navia onde se vai construír. Un nome honorífico, por relevante que sexa, como o deste caso, non debería ocultar un nome de lugar (microtopónimo), transmitido por xeracións, unha creación lingüística colectiva que forma parte do patrimonio compartido. Un criterio de conservación toponímica (ás veces milenaria), insisto, que nada ten que ver cos méritos literarios e humanos da persoa cuxo nome honorífico foi escollido, cuxa memoria pode ser honrada con placas, monumentos, premios e outras iniciativas.
Un caso que tivo o seu precedente en 2004 cando o concello acordou que o nome da rúa que acolleu aos primeiros veciños do PAU de Navia fose As Teixugueiras, o que supuxo un paso decisivo para salvar a toponimia tradicional da parroquia de San Paio de Navia. Un acordo unánime adoptado pola Corporación a proposta da Federación Veciñal Eduardo Chao, da Universidade de Vigo, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudios Vigueses e da Asociación Galega de Onomástica coa intención de conservar os topónimos tradicionais na denominación oficial das novas entidades de poboación do concello, fosen rúas, prazas, urbanizacións ou bloques de edificios. Un acordo que incorporou ao rueiro noso nomes como As Teixugueiras, Lamelas, Pozo Cabalo, Pedra Seixa, As Ufas, Barreiros ou Limpiños. Microtopónimos do espazo agrícola, hoxe urbanizado, que se rescataron e que os novos naviegos locen orgullosos nos seus enderezos. Unha iniciativa que non debería abandonarse e mesmo contribuiría a incorporar ao rueiro outros topónimos vigueses ocultos como os do Campo de Granada ou a Devesa do Couto, por citar exemplos recentes.
Idéntico comentario facemos para o anuncio que hai meses fixo a alcaldía para chamar a futura Biblioteca Pública do Estado, que se construirá nas Travesas, nas proximidades do camiño do Chouzo, co nome honorífico de Domingo Villar. O que expresa a urxencia de artellar un modelo de recoñecemento a pé de rúa para a figura do creador do inspector Leo Caldas, como doutros autores e autoras participantes no completísimo Mapa literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Xosé Neira Vilas (que oculta o topónimo popular tan vigués de «Calvario»). Modelo que podería ter como alicerce a convocatoria anual dun festival e premio internacionais de novela negra Domingo Villar, convocado por Concello de Vigo e Xunta de Galicia. Como sería doado sinalizar o Itinerario Caldas na propia rúa con cadansúa placa ou códigos QR que ampliasen a información literaria. Hai posibilidades abondas de honrar a memoria de Villar ou Neira Vilas ou calquera figura política ou social que o mereza, sen agochar para sempre os topónimos e microtopónimos, construción colectiva de moitos séculos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir